Este estudo arqueolóxico, histórico e etnográfico do profesor Alberro aborda sen complexos un tema tan polémico entre arqueólogos e historiadores como é a presenza da tradición cultural céltica en Galicia e a entidade e a influencia da mesma. Baseado nunha amplísima bibliografía inédita no noso país este libro achega, segundo Jorge Guitián, novos argumentos e novas posibilidades para enriquecer un debate que ás veces pode semellar estéril e ás veces acendido de máis.
27 / 9 / 2004
Jorge Guitián.Ames Resulta difícil valorar unha obra centrada no estudo do celtismo en Galicia sen ter en conta a polémica que, arredor deste tema, ven enfrontando a amplos sectores dos profesionais da arqueoloxía e a prehistoria de Galicia desde hai décadas. Son o contexto historiográfico e as actuais correntes interpretativas as que nos permiten situar este traballo e valorar as súas achegas no escenario complexo da interpretación histórica. E son estes condicionantes os que nos obrigan a tomar partido, a optar por un posicionamento e a manter en todo momento a nosa opción mediante o exercicio do escepticismo e da dúbida razoable fronte aos datos que se nos ofrecen.
Co rexurdir das conciencias nacionais e coa recuperación do valor das identidades dos pobos na segunda metade do S.XIX, apareceu en Galicia, como en tantos outros lugares de Europa, o que coñecemos como mito céltico, exemplificado na obra de autores como Vicetto, Barros Sivelo, Fidel Fita, Murguía ou mesmo Eduardo Pondal. Este é o antecedente que permite entender e valorar hoxe desde unha óptica histórica as aportacións dos investigadores vinculados á Xeración Nós e os seus herdeiros, López Cuevillas, Bouza Brey, Ferro Couselo ou Antonio Fraguas, autores que partindo destes presupostos históricos foron quen de desenvolver os primeiros traballos rigorosos de arqueoloxía no noso país. Pero esta situación é tamén o xermolo dun complexo entramado no que achados arqueolóxicos da Xeración Nós, as tradicións e o folclore se conxugaron coas teorías históricas difusionistas en auxe naquel momento en toda Europa e con hipóteses que establecían paralelos dificilmente demostrables entre a prehistoria galega, nomeadamente a súa Idade do Ferro, e a de áreas como as Illas Británicas ou a Bretaña.
Pro e Anti
Estas son as orixes dun debate entre profesionais, en ocasións acendido en exceso e moitas veces trasladado ó público, causa de que nas últimas décadas, probablemente a partir do maxisterio do profesor Alonso del Real en Compostela nos anos 60 e 70, teñamos que falar de dúas posturas encontradas que podemos denominar como pro-celtistas e anti-celtistas. Baseándose nos vestixios arqueolóxicos, sempre escasos, e na análise dos textos dos autores clásicos ambos grupos diverxen na súa interpretación da temática que nos ocupa: a presencia da tradición cultural céltica en Galicia e, no seu caso, a entidade e a influencia da mesma.
A principal aportación de “Os celtas da antiga Gallaecia”, obra que se sitúa por vocación no epicentro deste debate, é, dalgún xeito, a súa vocación renovadora, o seu aporte de mais elementos para o debate. No terreo trillado abondo da cuestión do celtismo en Galicia, son de agradecer achegas como esta que, desde perspectivas diferentes tentan proporcionar novos argumentos e novas posibilidade para enriquecer unha dialéctica que ás veces pode semellar estéril.
A formación de Manuel Alberro, un investigador madurado como celtista en diferentes centros de Canadá e o Reino Unido e membro na actualidade do Institute of Cornish Studies da Universidade de Exeter (Reino Unido), lle permite abordar sen complexos un tema tan polémico, tan contaminado entre nos polas mais diversas influencias teóricas, ideolóxicas e mesmo afectivas, trazando unha visión exterior, non exenta dun fondo coñecemento do contexto galego, das recentes aportacións científicas e das correntes interpretativas históricas.
É desde estas premisas desde as que o autor articula un fondo estudo arqueolóxico, histórico e etnográfico baseado nunha amplísima bibliografía, na súa meirande parte publicada noutros países, inédita e pouco coñecida no noso ámbito mais inmediato. Esta liña de traballo, na que a abordaxe da nosa historia se realiza en boa medida a partir de fontes alleas, ven sendo a habitual de Alberro e xa tiveramos noticia dela a través dun amplo estudo publicado un par de anos atrás no Anuario Brigantino, onde que se prefiguraban moitos dos enfoques e hipóteses que neste libro se amplían.
Esquemas anglosaxóns
Pero, de igual xeito que nesta característica radica o principal atractivo da obra, é aí onde reside tamén o seu principal punto feble, xa que, se ben é certo que o traballo se plantea desde unha óptica tanxencial ás xa tradicionais posturas encontradas do panorama investigador galego, pode ser contextualizada perfectamente na tendencia historiográfica anglosaxona que no relativo ó estudio desta temática ten unha única e marcada posición dominante. Deste xeito a obra, valiosa polo seu relativo distanciamento das posturas tradicionais da nosa historiografía, corre o risco de tentar trasladar, de traducir literalmente, os esquemas culturais validos no entorno anglosaxón ao noso terreo. A validez desta transposición, arriscada en todo caso, debe tomarse cun certo distanciamento crítico.
No seu traballo, Manuel Alberro entra en detalle no único elemento histórico que parece ser aceptado na actualidade por tódalas partes, a importancia dunha serie de culturas xurdidas en distintas partes de Centroeuropa cara o final da Idade do Bronce das que a cultura dos Urnerfelder parece ser o primeiro referente identificable. A partir de aí, culturas mais tardías como a Hallstatica xurdida en Austria ou a Lateniense, de orixe suiza, veñen sendo reivindicadas como cerne de todo o que hoxe se coñece como Cultura Celta, incluíndo nela arte, linguas, organización social, música, etc. Desde esta perspectiva, e aceptando que países como Irlanda, Reino Unido, Bretaña Francesa, Illa de Man, Escocia, Gales, Galicia, pero tamén Normandía, Asturias ou o norte de Portugal puideran ter sufrido, nalgún intre da Idade do Ferro Inicial e en maior ou menor medida, a influencia de distintos pobos xermánicos vinculados dalgún xeito ás orixes mencionadas, os autores pro-celtistas, entre os que podemos enmarcar a Alberro, argumentan, nun paso non exento de riscos, a orixe común, e xa que logo a unidade cultural, dos chamados paises celtas.
Cautela
Esta é a postura previa desde a que o autor realiza un amplo traballo de arqueoloxía e etnografía comparativa, no que sustenta a súa hipótese da fonda relación, dentro do ámbito cultural céltico, de Galicia con outras rexións atlánticas e moi especialmente coas Illas Británicas. Esta hipótese volve situarnos ante un problema xa clásico na historiografía, xa que se resulta evidente, e neste caso o traballo de Alberro aporta novos datos ao respecto, que entre Galicia e outros dos territorios coñecidos como celtas existe unha relación histórica, aínda que non so durante a Idade do Ferro, senón que é probable que existise desde o período megalítico -séculos antes de que en Centroeuropa xurdiran as primeiras culturas protocélticas- na Alta Idade Media, como testemuñan os vestixios históricos da diocese de Britonia, ou mesmo en plena Idade Moderna, coa presenza e formación en Galicia, dentro do espírito contrarreformista, de relixiosos irlandeses, queda por demostrar cal foi o calado e a intensidade desta relación, único punto de partida desde o que sería posible outorgar validez absoluta ós estudios comparativos como os que aquí se presentan.
Con esta salvedade, que obriga ao lector a adoptar unha certa cautela, o estudo de Manuel Alberro aparece como un inmenso traballo de recompilación bibliográfica e etnográfica de especial interese para Galicia polo que polo que pode aportar de aire fresco a un debate xa tradicional, recentemente recuperado a través dos seus artigos en A Nosa Terra por Suso de Toro, e que ten trazas de seguir en vigor durante décadas. Probablemente serán achegas deste tipo, lonxe de olladas endogámicas cara ó noso propio embigo, as que terminen por sacar o debate dun anquilosamento provocado pola ideoloxización excesiva e provoquen novas variacións nunha dialéctica da que teremos que seguir pendentes nos vindeiros anos.