Se hai un escritor na Galiza que polas súas manifestacións adoita crear polémica, fobias e filias confrontadas e algunha que outra vez unha situación incómoda, ese é Xavier Alcalá. Resulta complexo por non dicir imposíbel manter a neutralidade diante de semellante forza da natureza. Agora, logo de percorrer medio mundo e habitar por longas xeiras en lugares distantes, proponnos este The making of, que, en troques de recrear a mitoloxía da emigración, se ocupa con ardor guerreiro en desmontala afastándose do mito tanto e canto lle resulta posíbel. Non xoga así a "enfant terrible", que sabemos que o é, senón a constructor de equilibrios desharmónicos. Quer na forma quer no fondo xoga con nós para construír un mandala incómodo, onde ‘os nosos’ tantas veces elevados ao santoral dos elexidos, presentan aquí a sùa face máis desagradàbel, o seu discurso máis extremo, a súa variábel máis picaresca e brutal. Xa dicía Pessoa, que "o mito é o nada que é tudo". Pois iso, o nada que é tudo.
21 / 6 / 2019
Xa só por iso -pola desmitificación da arcadia perdida e da xesta gloriosa- esta novela merece lugar senlleiro no imaxinario galego. Despois, pasada esta primeira sensación de liberdade de expresión, de deconstrucción nacionalista e negación do martiroloxio un pode apreciar máis ou menos o estilo, que por fortuna nin todos os gustos son homoxéneos, poden aínda os máis santurróns (incluídos os santurróns laicos que predican a corrección política na linguaxe) denostar un vocabulario atrevido cando non groseiro ou insolente. Poden na fin aqueles que practican a disección estructural e a análise arquitectónica da narrativa apreciar os puntos de sutura nalgunhas cicatrices queloides.
Paracerálle a algúns que falo de xeito críptico e non lles conto de qué vai a novela. Saiban que é propositado. Detesto os comentarios que se centran en exclusiva en facer un resumo temático, como se na literatura como na vida non quedara lugar para o abraio, para a sorpresa epifánica, para o pracer ou a sensación de incomodidade máis alá da trama. Listarei, se cadra, algunhas verbas chave para orientar aos lectores errantes. Un compás (eu prefiro búsola, mais son excentricidades) sempre marca o norte e a visión das estrelas poden orientar tanto como unha serie de palabras aliñadas, nesta caso: emigración, nazis, viúvas de vivos, concubinato, explotación, intriga, luxuria e, talvez esa melancolía das estacións ou das xeiras pasadas, o que os xaponeses chaman
Nagori. Escrita con paixón iluminada, con coñecemento de causa, con dor -intúo- cunha documentación de primeira man que sustenta cada unha das tramas, cada unha das hifas deste fungo dendrítico e subterráneo. Son os fungos os que en simbiose coas raíces fan medrar as árbores, e así as novelas que non celebran o santoral coñecido se cadra axuden tanto como as haxiografías a construír un país e unha nación.
Investigación, discernimento, intriga e todos eses ingredientes esmagados no morteiro da ideoloxía para construír así o prebe que adereza unha historia singular, que é tamén a nosa historia como pobo e como nación. Como ben apunta a contracapa:
"'The Making of' dá conta -nunha esmorga consagrada ao pracer de narrar- de como os fíos da literatura de cerna se tecen coas febras do Mal." Pois iso, o nada que é tudo.
Xavier Queipo. Vigo