En 1969 Xosé Luís Méndez Ferrín foi detido logo de atopárselle nun rexistro domiciliario o manuscrito dunha novela, "Os corvos, a figueira e a fouce de ouro" dedicada ós guerrilleiros antifranquistas galegos.
A raíz daquela detención, o escritor viuse recluído durante dous anos en diferentes prisións, e daquel encerro, escribindo cun bolígrafo sobre un caderno, naceu "Retorno a Tagen Ata", datado na cadea da Coruña e Agosto de 1970.
26 / 9 / 2001
Santiago.RedacciónFuxindo do seu encerro, Méndez Ferrín preséntanos nesta obra un relato sobre a liberación nacional de Tagen Ata, o país no que se desenvolven varias obras do autor e que moitos ven como un trasunto de Galicia.
A breve novela preséntanos a Rotbaf Luden, unha moza que medrou entre os emigrados de Tagen Ata e que volta agora ó país orixinario para sumarse á loita armada que queira a independencia con respecto a Terra Ancha.
É neste relato de todos os de Ferrín onde mellor coñecemos a xeografía e costumes de Tagen Ata, existindo incluso varias notas ó pé que nos dan idea de especies arbóreas, historia e outros detalle do imaxinario país. Atopamos tamén referencias a obras anteriores do autor, como cando se sinala que pola Grande Fraga de Tagen Ata cabalga Percival ou se nos fala da transformación en corvo de Nhadron coma unha lenda desta terra.
Atopamos tamén a Els Bri, personaxe feminino que xa aparecera nun conto de "Percival" e que volvería aparecer nun relato de "Amor de Artur", nesta ocasión coma criada do máximo dirixente do movemento de liberación de Tagen Ata, Ulm Roan.
A publicación da obra por Edicións Castrelos en 1971causou na súa época unha ampla polémica, xa que moitos viron en Ulm Roan unha encarnación de Ramón Piñeiro, daquela dirixente do movemento galeguista eminentemente cultural que daquela se desenvolvía no noso país e contra o que se mobilizaban os sectores máis radicais do nacionalismo entre os que se atopaba -e se atopa- Méndez Ferrín.
A pesar de que as coincidencias son moitas, e mesmo podemos ler no nome de Ulm Roan un acrónino de Ramón, Ferrín nunca confirmou o carácter metafórico de "Retorno a Tagen Ata", outorgándolle sempre o carácter dunha obra de imaxinación influída inevitablemente polas súas circunstancias históricas.
Con motivo do cos vintecinco anos da primeira edición da obra, Xerais fixo unha reedición na que incluía unha introducción de Antón Capelán que, baixo o título de "Invitación á viaxe" realizaba unha análise histórica sobre a situación histórica en que foi escrita a obra. Esta introducción vese complementada coas artigos e artigos que diferentes estudiosos da literatura realizaron ó longo dos anos.
A editora recuperou estes textos, sumándoos ás marabillosas ilustracións que realizara Miguelanxo Prado para a edición de 1987.