No escenario da II Guerra Mundial tiveron lugar episodios tan estarrecedores e crueis que algúns deles resultan imposibles de dixerir.Un animal chamado néboa é un libro de relatos onde a ficción se constrúe a partir de diferentes acontecementos sucedidos durante o conflito bélico. O cerco de Leningrado, o naufraxio do buque USS Indianapolis, os métodos de tortura da banda de criminais ao servizo do italiano Pietro Koch, a realidade das mulleres prostituídas en Mauthausen ou a terrible misión do Enola Gay forman parte dalgunhas das historias que compoñen este libro.
1 / 9 / 2015
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
Hai momentos da historia que nos fan pensar que esquecer pode ser un crime. Ás veces, de feito, as historias máis difíciles de crer son aquelas que xa aconteceron e que, de non coñecermos o noso pasado, non nos merecerían nin un mínimo de creto. Por outra banda, eu son desas persoas ás que a historia como materia sempre lles resultou aburrida e pesada, pero tamén das que agradecemos profundamente cando alguén nos fala de historia ou nos achega a ela dun xeito menos mecánico, máis próximo. Concordo co que dixo Prudencio Viveiro, o historiador que acompañaba a Ledicia Costas na presentación coruñesa d’
Un animal chamado néboa, de que se agradece moito ler libros coma este. Lelo é como debruzarse sobre a historia vivida, mastigar o seu horror e angustiarse coas súas miserias, é achegármonos a un anaco do pasado que talvez só coñecemos superficialmente, e é facer iso desde a fascinación e a admiración que a fermosísima prosa de Ledicia provoca.
Un animal chamado néboa contén un feixe de relatos sobre distintos episodios relacionados coa Segunda Guerra Mundial. Para facerse unha idea dos temas escollidos, abonda botar unha ollada sobre os paratextos que encabezan algún dos textos. O primeiro, á fronte de “Leningrado”, é o testemuño dunha nena que morreu alí, por desnutrición, aos doce anos. Nun par de liñas anota, simplemente, o día e a hora en que foron morrendo cada un dos membros da súa familia. Con ese encabezamento pouco hai que aclarar sobre o contido dese relato que nos fai pensar qué non estariamos dispostos a facer para non deixar morrer de fame á nosa familia cando a cidade leva anos cercada e non queda esperanza. No terceiro dos relatos, no que a autora ousa colocarnos debaixo das primeiras bombas atómicas, nas rúas de Hiroshima e Nagasaki, as palabras que o presentan son as dun dos tripulantes do avión que as lanzou. Tamén podemos ler as mentiras do torturador Pietro Koch ou partes das declaracións de Goering ou Eichmann nos xuízos de Núremberg. É incrible a capacidade de Ledicia Costas para escoller fragmentos brevísimos nos que cabe toda a densidade do horror.
Con todas esas cousas terribles que se narran neste libro pode parecer difícil ou mesmo fóra de lugar afirmar que é un libro fermosísimo, pero así é. Ledicia Costas escribe cunha delicadeza e un amor pola palabra que emocionan. É quen de explicarnos sobre o fío da historia o significado orixinal da palabra
kamikaze, o que é un
hibakusha, ou o que pode significar para alguén a perda do seu nome, ou do nome da súa cidade. As palabras nos seus libros, e neste especialmente pola crueza do tema, son case entes físicos, case seres vivos, que levan sobre as costas todo o peso do mundo, do que é un ser humano e do que pode chegar a facer. Ademais diso, consegue darlle cor, son, olor e textura a aquilo que nos conta: “Katarina Savicheva, filla do frío e da fame, naceu en febreiro de 1932 nunha modesta casa bañada pola intensidade do mar Báltico e tamén por unha estraña tristura polar, en Leningrado” (13), “A noite ten ducias de cavidades” (40), “A biblioteca exhalaba o cheiro intenso da madeira comesta pola couza, e das historias antigas” (59), “Cando o corpo dun home cae ao mar, faise un silencio terrible de arestas aguzadas que se cravan nas entrañas” (65).
Alén da delicadeza coa que narra e da importancia das sensacións na descrición, impacta o xeito en que se estruturan os relatos. Ás veces comeza por algo que parece trivial ou unha frase sen maior transcendencia, para logo darlle un xiro ao texto e facer caer sobre os que lemos toda a forza dese inicio: “
Hibakusha é unha palabra que así, de boas a primeiras, non esperta ningún sentimento especial” (89), “Existen inventos que revolucionan o mundo discretamente” (133). Outras veces, o grande achádego é a quen se focaliza para levarnos ao pé da historia: as mulleres que fabricaban o armamento ruso durante o cerco de Leningrado, o neno que descobre a historia do buque USS Indianapolis, a muller que agarda un fillo do comandante do Enola Gay, unha nena que fai coroas de flores antes de quedar debaixo do fungo inmenso da bomba atómica… A guerra deixa de ser algo que lles pasou aos outros e pasa a ser algo que nos segue pasando, algo cuxas consecuencias chegan ata hoxe e chegarán máis alá de nós.
Un animal chamado néboa é para todas as persoas que len aínda que doia, e que se deixan sobrecoller pola beleza. Dentro dos libros de Ledicia Costas, como dentro da biblioteca na que Hunter le sobre o buque USS Indianapolis, é como se o tempo se detivese ou correse a outro ritmo. Máis dunha vez, lendo
O corazón de Xúpiter, Recinto gris, Escarlatina e estoutra marabilla pensei que, se existise a posibilidade de soñar á carta, Ledicia sería a persoa á que eu lle pediría que escribise os meus soños; pero tamén sabe dar forma aos pesadelos e consegue que a historia nos toque e nos atinxa, e que queiramos saber máis. Non deixa espazo para a indiferenza. Na páxina 102 lemos: “Nun clima no que non agroman as flores porque é imposible que dunha escuridade tan mesta poida xermolar algo de beleza”. A mesma persoa que escribiu iso vén de demostrarnos o contrario. Ninguén debería renunciar a ler este libro.