Irrompe María do Cebreiro na colección Dombate da Editorial Galaxia cun poemario definible, por analoxía e contraste, grazas ás voces do escritor francés Henri-Pierre Roché e do (controvertido) filósofo alemán Heidegger que a enmarcan paratextualmente. Os inocentes nomean un desexo imposible: regresar ao intre fundacional da lírica, a ese momento histórico no que a poesía chegou a ser definida como emoción evocada no acougo e a imaxinación foi pensada como a capacidade intelectual máis estimable.
12 / 3 / 2015
Antía Marante Arias. A Coruña
Os inocentes é o testemuño do que acontece cando a poesía se acomoda ás marxes dunha carta escrita a man, intúe un destinatario e confía na súa utilidade e eficacia para o rexistro das pulsións xeradas na actualidade máis crítica e precaria. Deste xeito irrompe María do Cebreiro na colección Dombate da Editorial Galaxia cun poemario definible, por analoxía e contraste, grazas ás voces do escritor francés Henri-Pierre Roché e do (controvertido) filósofo alemán Heidegger que a enmarcan paratextualmente. Por unha banda, a cita extraída dun diario de mocidade de Roché conecta co interese de Cebreiro polos discursos reflexivos arredor do feito literario e, en consecuencia, coa natureza desta súa nova achega que recupera o ton confesional e directo que rebordan eses outros textos dos escritores –epístolas, diarios, limiares– onde problematizan o seu oficio e, as máis das veces, desvelan as engranaxes, dificultades e escollas dos seus proxectos literarios pendentes. Por outra banda, e sobre todo,
Os inocentes é un elo poético que se incardina, como resposta subversiva, no diálogo encetado por Heidegger en relación á visión de Hölderlin da poesía como “a tarefa máis inocente”.
O novo poemario de Cebreiro recíbese como feito que se revolve dobremente: contra a ineficacia e inutilidade atribuída á poesía polos autores citados, pero tamén contra o presente desde o que se escribe, definido en termos de cativeza e perda. Este (crítico) escenario xa motivara a publicación de
A guerra (Barbantesa, 2013), poemario escrito a dúas bandas por Cebreiro e Daniel Salgado onde se conceptualiza sen eufemismos o tráxico alcance da precariedade que nos afecta actualmente. Nestas coordenadas,
Os inocentes sitúanos do lado “dos emigrantes, dos orfos, dos salvados”, isto é, daqueles definidos pola impotencia –“(e non exactamente pola bondade)”– e ofrécenos acubillo ante a adversa realidade exterior –“No libro atopamos o consolo,/porque o seu ton é ardoroso”. Deste xeito, a poeta resitúa lonxe da inacción o discurso lírico, e a imaxinación que a través del se canaliza, para propolo como mecanismo eficaz de resistencia e intervención ante unha linguaxe ordinaria corrompida –
“Deixádeme rezar que hoxe non hai deuses/ agora que o vacío ocupa o lugar da nada/e todo é definitivamente inútil, e recoñecemos a mentira en todas as palabras”.
As lecturas de
Os inocentes poden ser tantas como as imaxes que nel se proxectan: se o ollamos de fronte percibirémolo como relato dun “aquí e agora” elaborado por unha falante lírica que experimenta coa(s) linguaxe(s) –metapoética, épica, relixiosa– para dar coa mellor definición da realidade e as súas inxustizas; de esguello veremos un caleidoscopio que amosa os límites, os muros e as desvantaxes –o neno asexado e acurralado polo león, o anarquista dos libros de historia que soñou con outros mundos, a lingua apátrida, a patria sen lingua– ou, quizais, un camiño dun nós lírico que sostén a esperanza, a resistencia e a acción ata os versos finais –
“Nós batemos na porta do mundo/para que non durma”.
En definitiva,
Os inocentes é un acto de confianza cega na potencialidade do poético como mecanismo transformador e liberador. É tamén, como subliña un dos seus versos,
“unha carta-ponte” –“Pero esta carta non é a fronteira, senón a ponte/Quere chegar, aínda que non saiba a que destino./Quere ser recollida, aínda que non saiba a que mans”. Esta carta escríbese a man, por convicción, para chamar a atención sobre a necesidade de deitar novas olladas (e escritas) sobre a realidade e a través delas visibilizar poeticamente tanto o belo como o subxugante. E trala súa lectura, as intuicións convértense en certezas: só as mans evocadas, esas que escriben cartas, serán quen de ofrecernos outros discursos sobre o que nos arrodea, e de descubrirnos, ademais, como á resistencia chégase tamén a través do poético.