En grande medida, esta obra é todo un exercicio de Arqueoloxía Pública que pon en valor a propia disciplina, aldraxada por grande parte da sociedade e da clase política que ve nela unha rémora para o Progreso e a Modernidade. Este libro amosa ben as claras a rendibilidade científica da Arqueoloxía Urbana. Nesta obra, o lector poderá achegarse ao complexo mundo do comercio e da economía tardoantiga no só do noroeste, senón tamén do resto do mundo atlántico, do mediterráneo occidental e do máis afastado mediterráneo oriental ademais de coñecer as mercadorías que circulaban nos mercados, que xogou o porto de Vigo neste sistema económico.
8 / 5 / 2014
Xurxo Ayán. Santiago
A noiesa editorial Toxosoutos segue apostando pola publicación de traballos de investigación sobre o pasado protohistórico e medieval de Galicia, desta volta cunha nova entrega dentro da xa lonxeva serie
Trivium, titulada
O comercio tardoantigo no noroeste peninsular. Este volume recolle unha versión ampla e adaptada da tese de doutoramento defendida con éxito por Adolfo Fernández na Universidade de Vigo en 2011. Antes de debullarmos o seu contido, cómpre sinalar o carácter enganoso do nome da obra. A teor do título e o ambicioso subtítulo (
Unha análise da Gallaecia sueva e visigoda a través do rexistro arqueolóxico), o lector agarda un estudo global a escala de todo o noroeste hispánico que non se corresponde coa realidade do texto. O propio autor sinala dende as primeiras páxinas que a súa pescuda se alicerza nos datos fornecidos polas escavacións arqueolóxicas en doce sitios da cidade de Vigo, a verdadeira protagonista do seu traballo. Este feito, ao noso modo de ver, debería reflectirse no título.
Un libro que val tanto coma o Monte Testaccio
Se temos en conta a linguaxe, o estilo e a propia estrutura do volume, estamos diante de todo un traballo académico hiperespecializado non apto para todos os públicos, destinado sobre todo a estudantes de Arqueoloxía Clásica e arqueólogos profesionais. Así e todo é encomiable o esforzo do autor por tentar facer asequible e intelixible un texto marcadamente técnico, mediante unha introdución axeitada, a incorporación dun glosario e dun amplo aparato gráfico no que se agradece a inclusión de acaídos mapas de situación e distribución de materiais arqueolóxicos. Neste senso, é considerable a mellora a nivel gráfico da serie
Trivium, que presenta agora un meirande coidado editorial con respecto a volumes precedentes. Así e todo, detéctanse fotografías e debuxos pixelados e verbas en castelán que deslocen a tradución ao galego do orixinal.
No tocante ao enfoque asumido, empréganse conceptos moi discutidos na actualidade e que esixirían un posicionamento por parte do autor (cultura castrexa, cultura galaicorromana, prerromanos), quen semella manexar un encomiástico concepto do proceso de romanización (
as propias elites aristocráticas indíxenas ávidas dunha pronta romanización, páx. 84). Doutra volta non queda claro o papel que se concede ao conflito e á violencia como factor clave nos fluxos comerciais: o abandono das factorías non se debería a un conflito violento, senón a inestabilidade xerada polas loitas entre os pobos xermánicos (¿) (páx. 133).
Mais aqueles defectos de forma e estas inconcrecións non restan valor a unha obra tan necesaria como innovadora no marco da Arqueoloxía galega. Adolfo Fernández é un experto en estudos cerámicos con ampla experiencia internacional, con estadías de investigación en Francia e Portugal. A cerámica é un dos obxectos de estudo privilexiados da ciencia arqueolóxica, é iso que os vellos arqueólogos alcumaban
fósiles directores. Por que as vaixelas focenses (páxina 149), por exemplo, son fósiles directores? Porque os tipos de obxectos cerámicos fornecen información sobre o tempo e o espazo. O mellor exemplo para entendermos isto é o Monte Testaccio de Roma, un outeiro artificial construído polas ánforas que chegaban á cidade durante o Imperio. Loxicamente, nos alicerces do Testaccio están as ánforas máis antigas e no cumio as máis recentes. Arqueólogos alemáns do século XIX comezaron a identificar os diferentes tipos de ánfora, definindo perfectamente a procedencia e a época aproximada na que foron feitas esas ánforas.
Adolfo Fernández non tivo a sorte de contar cun Testaccio galego pero si cun emporio portuario como a cidade de Vigo, na que se teñen realizado nas últimas dúas décadas amplas intervencións arqueolóxicas por mor do desenvolvemento urbanístico na cidade olívica. O coñecemento xerado por esta Arqueoloxía de urxencia apenas é de uso público, atópase esparexido en informes inéditos, nos miolos dos arqueólogos e das arqueólogas que dirixiron eses traballos. Esta querenza pola oralidade da Arqueoloxía galego explica, dunha banda, que o texto de Adolfo estea inzado de referencias a comentarios persoais e observacións propias de materiais inéditos e, doutra banda, confire un valor tremendo ao propio libro, por ser o resultado dun arduo labor de sistematización dun auténtico “puzzle” cerámico, formado polos xacementos vencellados ao porto de Vigo na Tardoantigüidade (capítulo 1).
Ten razón o autor cando louva na introdución a única obra de síntese levada a cabo até este intre sobre as dinámicas comerciais na Historia antiga de Galicia a partir dos restos arqueolóxicos (
El comercio antiguo en el NW peninsular, de Juan Naveiro, 1991). A este respecto, o libro de Adolfo é un digno herdeiro daqueloutro traballo pioneiro, empregando como base sitios arqueolóxicos abraiantes como os documentados no Areal de Vigo. Tamén resulta encomiable o traballo de síntese levado a cabo no capítulo 2, onde se resume o avance das investigacións nas últimas décadas no eido dos estudos cerámicos e as dinámicas comerciais experimentadas con anterioridade ao Baixo Imperio.
O capítulo 3 constitúe o groso da tese, o apartado onde o autor debulla o rexistro empírico, acadando unha fundamentada síntese cronolóxica, poñendo orde no caos duns séculos vistos coma escuros pola Arqueoloxía tradicional. Esta análise diacrónica dos intercambios a través da cerámica é unha ferramenta moi útil para os especialistas na materia e vai perdurar nos vindeiros anos. Con honestidade, Adolfo inclúe varios títulos de apartados a xeito de interrogatorio, con preguntas coas que se introducen suxestivas hipóteses sobre os ciclos comerciais, cos seus refluxos, paradas, revitalizacións, apoxeos e decadencias.
En grande medida, esta obra é todo un exercicio de Arqueoloxía Pública que pon en valor a propia disciplina, aldraxada por grande parte da sociedade e da clase política que ve nela unha rémora para o Progreso e a Modernidade. Este libro amosa ben as claras a rendibilidade científica da Arqueoloxía Urbana, desas calicatas practicadas e agochadas en solares vigueses durante décadas. Os materiais arqueolóxicos xerados por ese traballo de campo, abandonados nos almacéns dos museos (no mellor dos casos), serven para facer historia e para reconstruír un pasado de Vigo totalmente descoñecido até o momento.
O ungüentario é de Vigo
A figura 109, na páxina 188, amosa un ungüentario oriental, palestino, do século VII, exhumado hai poucos anos nas escavacións do Areal. Esta humilde peza fóra levada ao Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Pasado un tempo, uns xornalistas deron a coñecer o caso en Vigo. Esta reportaxe deu lugar a unha febre localista para rematar con este
espolio. Mesmo se creou unha plataforma cidadá que se manifestaba co lema
O ungüentario é de Vigo. Todo un exemplo do valor social dos obxectos arqueolóxicos no presente. Até ese intre a case ninguén lle importaban os centos de quilogramos de materiais cerámicos asoellados en Vigo.
En certa medida este libro é unha oportunidade perdida. O autor podería ter dado á luz un libro de síntese de alta divulgación, dirixido a un maior público, que contase a grande historia agochada tras estes milleiros de pezas cerámicas, que fixese chegar á sociedade microhistorias humanas. O capítulo 4 amosa ben ás claras isto que sinalamos. En contraste co carácter técnico e académico, propio dunha tese de doutoramento, dos capítulos anteditos, este apartado amosa un estilo áxil e plantexa, na páxina 211, as preguntas que sobordan a investigación. Pero non só iso; aquí comezan a agromar no discurso os protagonistas destas marabillosas historias de ida e volta. Como demostra o autor, Vigo chegou a ser un porto de ruptura de carga entre o Atlántico e o Mediterráneo. Por Vigo pasaban e mesmo residían
transmarini negotiatores gregos, sirios e xudeus nos séculos V e VI; daquela existiu unha fonda conexión Vigo-Braga-Beirut (páxs. 109, 124, 188) e mesmo se pode falar de Vigo como emporio, como cidade aberta, como porto franco sen señor e control fiscal, que atraía a esta Fisterra xentes variopintas do Mediterráneo. Esta orientalización do
vicus, demostrada arqueoloxicamente por Adolfo, rematou de xeito paradoxal coa chegada dos musulmáns. Como sinala de xeito maxistral o autor:
A conquista árabe da Península trouxo canda ela o final do mundo antigo instaurado por Roma (páx. 209). Un mundo que tamén deu cobertura á escravitude como fenómeno comercial: Vigo tamén puido chegar a exportar homes e mulleres como mercadorías nestes primeiros séculos altomedievais (páxs. 239-409).
O autor chega a demostrar arqueoloxicamente a chegada a Vigo de viños sirios, cilicios e chipriotas, viños exeos da Argólida e de Quíos, de Afrodisia de Caria, Sardes e Éfeso, de Gaza-Ascalón Néguev, de Samos, viños do val do Nilo e Icaria (páx. 214). Mágoa que non viva Álvaro Cunqueiro para empregar a tese de Adolfo Fernández co gallo de argallar a microhistoria das tabernas do Berbés dos séculos VI e VII da nosa era!