Na madrugada do 23 de novembro do ano 1897, a aldea do San Marcos, pertencente á freguesía de Pardesoa, no concello pontevedrés de Forcarei, converteuse en escenario dun crime horrendo. A investigación hemerográfica sobre o acontecido feita por Calros Solla achega un coñecemento que vai máis alá do asasinato amosando unha radiografía da sociedade galega, do progreso e avance social que estaba a acontecer e da construción dun sistema de goberno semellante ao europeo.
6 / 2 / 2014
Gustavo Hervella. Santiago de Compostela.
Galicia, 1897. No concello de Forcarei, acontece o asalto a unha vivenda que remata no asasinato do propietario e a inculpación nos feitos da súa muller e varios veciños. A el, Juan Rey Prado, prestamista e comerciante,ocasiónanlle a morte e a ela, Perfecta Espiña Arén, tortúrana; días despois é detida como presunta indutora do roubo. Unha realidade que, a finais do século XX, non constituía un incidente estraño. Entón, ¿que nos aporta ao coñecemento do pasado o suceso que aquí se nos presenta? O relato do roubo e asasinato de Juan Rey retrátanos unha Galicia en vías de desenvolvemento, cun pé na tradición e outro na modernidade e é precisamente aquí onde cobra especial relevancia o traballo que nos presenta Calros Solla sobre o crime de San Marcos de Pardesoa.
O autor recompila as noticias que en diferentes medios xornalísticos galegos foron amosadas en relación ao asasinato de Juan Rey e ao posterior xuízo contra os inculpados, máis de vinte persoas, mediante unha breve biografía dos protagonistas, da aldea onde aconteceron os feitos, o desenvolvemento das vistas xudiciais —foron varias na Estrada e en Pontevedra—, as alegacións dos avogados defensores e dos fiscal, até a absolución da viúva de Rey e o peche do caso en 1900.
Coa lectura dos textos, xa nos facemos unha composición de lugar de como era a Galicia de fins do XIX, as relacións persoais e veciñais e o nivel de cohesión social e territorial que existía e a importancia da prensa como creadora de opinión e único medio de información capaz de chegar a calquera recuncho do territorio por moi afastado que este estivese. Estesanosconforman un dos períodos máis destacados no referente á emigración, onde a agricultura era a base das economías locais, cunha sobre abundancia de man de obra, con elevadas taxas de mortalidade — Juan Rey xa era viúvo —, e con períodos de fames e epidemias episódicas. O gasto público do Estado non superaba o 10% da renda nacional e a súa presenza a través das forzas de seguridade, da xustiza ou da escola era moi escasa ou practicamente nula. Todo isto é apreciado no relato: Un prestamista ao que lle debían cartos boa parte dos que foron inculpados, unha muller moito máis nova que el, inculta —non sabe a ciencia certa cantos anos ten—, unha aldea onde a totalidade dos seus habitantes se dedican ao cultivo da terra e que ocasionalmente poden facer outras tarefas como a de canteiro, tradicional nesa comarca. E, sobre esta realidade, a inseguridade que senten os veciños, xa que este non é o primeiro roubo que acontece, o que os leva a intentar formar patrullasante a escasa e inútil presenza da Garda Civil, o único corpo estatal que tería xurisdición en todo o territorio nacional (p. 83). A maioría dos homes están ausentes ben como emigrantes estacionais —un dos inculpados atópase en Castellón traballando de canteiro— ou xa de xeito case definitivo en América. A presenza da xustiza a través do xuíz local, avogados e fiscais, así como a atención da prensa sobre o incidente son sinais inequívocas de que algo estaba a mudar e, por outra parte,achega a Galicia á Europa do momento —moi acertadamente Solla nos pon de exemplo outros asasinatos e xuízos que acontecen polos mesmos anos, como o da emperatriz de Austria-Hungria Sissi, o do militar francés Dreyfus e aos que podiamos engadir o de Cánovas del Castillo en 1897 ou xa máis adiante o atentado na voda de Alfonso XIII en 1906—.
Toda esta información chegaba ao público a través dunha prensa en auxe, xornais locais, provinciais e estatais, interrelacionados tanto ideolóxica como territorialmente. A base sobre a que se fai a indagación do asasinato de Pardesoa son as novas aparecidas en
El Diario de Pontevedra de tendencia liberal e monterista e
La Correspondencia Gallega, conservador e dirixido por José Millán; non son os únicos, tamén se fixeron eco do suceso xornais de Lugo, Santiago de Compostela, Marín e Bos Aires —de novo a importancia da emigración—. A fonte hemerográfica conforma un dos piares da investigación histórica, e as cabeceiras do primeiro terzo de século —onde as diferentes ideoloxías non só non se ocultaban senón que constituía un aliciente máis do rotativo—, achéganos a visión do contexto histórico dun modo preciso, sendo máis importante o como se informa do acontecido que o propio feito en si. Deste xeito, adquiren importancia determinados aspectos sobre os que inciden os xornais como a incultura da muller, nun momento en que a escolarización feminina era escasa: "Perfecta Espiña, es natural y vecina de Pardesoa, viuda, de edad 30 años, poco más o menos, pues no sabe ciertamente la que cuenta [...] "Es una mujer sin instrucción, aunque maliciosa; pero esto es propio de nuestrasaldeanas de la montaña"; a existencia dun Estado de dereito que aseguraba un xuízo, unha sentenza e a aplicación da lei: "Os procesados polo crime de Pardesoa nomean os seus avogados defensores. O célebre avogado Augusto González Besada encargarase da defensa de Perfecta Espiña e Felipe Fírvida [...] Consonte a Ley del Jurado de xaneiro de 1899, un tribunal popular será o encargado de ditar sentenza". Pode semellar unha lexislación moi adiantada para este tempo, mais isto era normal nun estado como o español da Restauración, onde a lei pretendía ser igual para todos, xa que independentemente da súa ideoloxía, estatus ou economía todos os españois tiñan os mesmos dereitos e deberes (p. 19). Isto racha co golpe de estado de 1936, pero até esa data a liberdade era a norma social por excelencia. E, en relación con isto, o tratamento que a prensa lle dá a González Besada tamén nos ofrece a clave doutro dos piares da política española do momento, o caciquismo: "González Vesada, membro dunha das familias máis poderosas de Pontevedra (caciques de caciques), foi ministro de Facenda, ministro da Gobernación e ministro de Fomento durante o reinado de Alfonso XIII. Membro do Partido Conservador".
Dúas correntes de pensamento eran as referentes no cambio de século, e ambas están presentes no relato. Por unha banda o positivismo que, como destaca Calros Solla: "Perfecta Espiña é cualificada pola prensa como muller "efeminada" [...] Outro dos aspectos físicos que salienta a prensa é o pequeno tamaño dos seus ollos", confirmando ás teorías de Cesare Lombroso que afirmaba que os delincuentes con delitos graves teñen en común taras xenéticas reflectidas na súa fisionomía; por outra, o rexeneracionismo, a través do artigo de Javier Valcarce Ocampo, xornalista do liberal
El Diario de Pontevedra e literato de renome, que pon o acento do caso na extensión da Instrucción Pública e na figura do mestre: "El maestro, y nadie más que el maestro, es el llamado a evitar muchos de los grandes crímenes que no tienen otro origen que la falta de instrucción del pueblo".
Coa lectura destes relatos da Galicia de comezos do século XX, non so nos internamos nun suceso gris da historia local, senón que aporta un coñecemento que vai máis alá do asasinato —que por outra parte, en calquera xornal de época eran as novas máis comúns—, senón que configura unha radiografía da sociedade galega, do progreso e avance social que estaba a acontecer e da construción dun sistema de goberno semellante ao europeo onde o mito do atraso e da especificidade española volve a quedar en suspenso, como por outra banda están a demostrar nos últimos anos diversos estudos económicos, históricos, literarios e sociolóxicos.