Premio Novela Europea Casino de Santiago 2011
O autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el pretende rachar coas opinións politicamente correctas, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”.
20 / 6 / 2013
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra
Abrir unha novela citando a Tarantino nunca é irrelevante. Mesmo que a cita fale das propinas e toda a historia se articule en torno a unha cea nun restaurante de luxo, non se poden obviar as coordenadas de partida que se nos brindan, e que podemos asociar ao cine dese director: a violencia e un peculiar sentido do humor. E nesta novela hai as dúas cousas, sen dúbida, pero tamén moitos outros temas que comparten un nexo común de provocación e de posta sobre a mesa de grandes debates morais. Para empezar, o tema central, e o que nos venden editorialmente, é a historia de dous matrimonios que descobren que os seus fillos veñen de cometer un crime terrible, e de como eles van decidir sobre o futuro dos rapaces no curso dunha cea. Non diremos de que crime se trata porque forma parte da intriga da novela descubrilo, pero si que foi real e que a súa brutalidade é o que fai aínda máis estarrecedora esta historia.
Así pois, o autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? Pero esa non é a única cuestión delicada coa que Herman Koch decide enfrontarnos. O racismo, as adopcións, as relacións de parella, a homosexualidade, a violencia gratuíta ofrecida na televisión (en programas como Jackass, citado na novela), ou a pena de morte, son outras das bazas que nos reserva. O autor organiza a historia en torno a unha cea, algo moi ben pensando, ao meu ver, porque a alternancia de presente e pasado, na forma de retrospeccións que nos van dosificando os feitos, aumenta a intriga e, ao mesmo tempo, a propia ambientación permite un contraste brutal entre o ridículo da cea chic nun restaurante exclusivo e a transcendencia moral das decisións que se toman nela. E isto non é algo secundario en absoluto. Estamos analizando o que hai detrás da “xente ben” e da xente “normal” da sociedade desenvolvida actual. Non falamos de algo que pasa moi lonxe, senón de algo que acontece aquí, algo por tanto facilmente extrapolable á nosa propia vida, á nosa propia familia. O feito de que un dos protagonistas sexa o candidato a primeiro ministro de Holanda nas eleccións que se celebrarán sete meses despois do momento no que se sitúa a acción, e mesmo a idea, talvez máis relevante aínda, de que outro deles sexa un ex profesor de historia, converten ese restaurante, esa mesa, esa conversa, nun microestrato da sociedade civilizada. Canto aos personaxes, o autor sabe xogar co lectorado magnificamente. Consegue que a súa evolución rompa as expectativas creadas desde o comezo, e que a intriga vaia medrando ata o último momento sen perder forza, xunto co enfado. Este é un libro que enfada a quen le, que enfada moito, pero esa é parte da súa función, é parte indisociable do que se busca cando se escolle unha novela desta temática, que metan o dedo na ferida e que furguen nela.
O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el, e dío reiteradamente, pretende rachar coas opinións politicamente correctas que non teñen valor real. Ao final, a esencia da novela deriva cara ás aparencias, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”, onde todos e todas temos ben aprendido o papel do politicamente correcto. E fálasenos de todo isto, ademais, cun sentido do humor peculiar, un sentido do humor que o envolve todo, como parte do enfoque de cada idea, de cada secuencia da historia.
Por outra banda, lingüisticamente o libro non me convence. A escolla de léxico pouco frecuente pode ser xustificable, nada ten de malo aprender cos libros. No entanto, certas estruturas, certas solucións, acaban tinguindo o conxunto dunha artificialidade demasiado marcada e pouco crible, que desvía a atención do lectorado.
Finalmente, quixera dicir que a formulación da historia é provocadora, os temas fascinantes, o enfoque e o sentido do humor moi acertados, pero hai unha péga. E esa péga é que todo o atrevemento inicial do autor acaba diluíndose no xiro que este lle dá á historia, e unha séntese un pouco enganada, porque o libro provoca moito, pero é como se a partir dun certo punto o escritor deixara de estar interesado no dilema que el mesmo vén de propoñer, e ese cambio de rumbo non acaba de resultar satisfactorio. Ao final, unha ten a sensación de que o autor tirou a pedra e escondeu a man, e é unha mágoa. Con todo, segue a parecerme unha lectura recomendable para todos aqueles e aquelas que non teñan medo de enfrontarse á grande impostura na que vivimos.