A historia de Fausto é a historia dunha época na que o home sinte que é capaz de dominar o mundo e descubrir todas as regras que o rexen. A capacidade que Goethe da ó doutor Fausto para elixir con liberdade por riba dos principios morais e relixiosos fixo que a obra non sempre fose ben recibida polos poderes fácticos. Así, en 1808 o goberno de Prusia prohibía o Fausto, esixindo a supresión das partes referentes á liberdade por consideralas "subversivas", tamén en España, no fin da guerra civil baixo a dictadura franquista, prohíbese a venta do libro en todas as librerías.
26 / 12 / 2001
Santiago.RedacciónGoethe preséntanos a Fausto, de pé no seu escuro gabinete. El está en plena reflexión sobre o sentido do coñecemento que adquiriu polo estudio, convencido da súa inutilidade. O seu desexo incansable de revelar os arcanos do universo, as súas aspiracións especulativas, non lle serven para satisfacer ese espírito axitado. A frustración que lle causa a súa incapacidade será o que o leve a realizar o famoso pacto co espírito da negación, con Mefistófeles, que inducirao a un mundo de praceres e excesos tentando calmar a sede espiritual que o acosa e o sume na amargura.
Curiosamente será o amor dunha muller, o amor de Margarita, o único que conmoverá o cansado corazón de Fausto. Gracias á súa amada coñecerá un sentimento doloroso, pero diferente ás insatisfaccións puramente intelectuais que o conduciron ao universo de goces co que o seduciu Mefistófeles. Fausto síntese atraído por Margarita porque ela representa o que el non puido alcanzar a forza de estudio e cavilacións.
Esa é a traxedia de Fausto, a de Frankenstein, do Dr. Jekyll e de tantas outras personaxes míticas que tratan coas súas historias de dar explicación ou de expresar o drama humano da alienación espiritual intrínseca á súa natureza.