A necesidade manifesta de pór en valor, protexer, divulgar e investigar o patrimonio arqueolóxico fixo que na actualidade, e desde fai máis dunha década viran a luz todo tipo de propostas. A publicación de “Planear o pasado: ideas para a recuperación do castro de Elviña” debe entenderse como un paso mais dentro desta tendencia, un dos primeiros pasos nunha liña que as entidades investigadoras deberán continuar no futuro.
5 / 4 / 2004
Santiago.Jorge GuitiánNos últimos anos estamos a vivir en Galicia, como en xeral no conxunto do Estado, a aparición de novos modos de abordar a actividade arqueolóxica relacionados coas principais tendencias existentes no resto de Europa e noutras áreas de especial relevancia neste ámbito, como os Estados Unidos ou Australia.
Nesta liña de traballo, e dentro da necesidade manifesta de pór en valor, de protexer, divulgar e investigar o noso patrimonio arqueolóxico, a década dos 90 do pasado século, así como os primeiros anos do presente, viron xurdir todo tipo de propostas, mais ou menos imaxinativas, condicionadas fundamentalmente por cuestións orzamentarias e pola vontade política. Probábelmente o exemplo mais coñecido deste tipo de accións en Galicia sexa a rede de parques arqueolóxicos nos que está a traballar a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e que ven sendo obxecto dunha intensa polémica e de non poucas críticas por parte dos profesionais.
A publicación de “Planear o pasado: ideas para a recuperación do castro de Elviña” debe entenderse como un paso máis dentro desta tendencia. Os coordinadores de traballo, Felipe Criado e Matilde González, levan anos traballando sobre a posta en valor sostíbel do patrimonio cultural, e máis concretamente o arqueolóxico. Desde o Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais da Universidade de Santiago, ao que os dous están adscritos, veñen desenvolvendo proxectos semellantes para outras áreas, como o Val do Río Furelos (Toques, A Coruña) ou A Serra do Bocelo, nos límites de A Coruña e Lugo.
Neste mesmo marco, e por encargo do Concello da Coruña, xurde o Plano Director para o Castro de Elviña, no que se recolle a necesidade de articular unha serie de accións e políticas concretas destinadas á posta en valor integral deste importante xacemento arqueolóxico. Esta acción, promovida desde as institucións e desenvolvida por organismos de carácter investigador -nomeadamente a Universidade de Santiago e o Instituto Padre Sarmiento- non é máis que a materialización dunha crecente sensibilidade por parte da sociedade en xeral cara á conservación do Patrimonio Cultural, tendencia perfectamente identificábel ao longo da última década.
Modelo pioneiro
Baseado na experiencia previa dos seus autores e no coñecemento de modelos desenvolvidos noutros países, moi especialmente da área anglosaxoa, o modelo de intervención que se presenta mediante esta publicación, resumo do mencionado Plano Director, aparece como unha proposta metodolóxica pioneira en Galicia e, neste sentido, resulta enormemente interesante.
É neste aspecto no que radica o seu principal interese. Tomando como referente as intervencións realizadas nos últimos anos en distintos países de Europa, como o programa cultural desenvolvido arredor dos vestixios viquingos da cidade inglesa de York ou as intervencións sucesivas centradas na arte rupestre de Valcamonica (Italia), os autores deseñan un modelo metodolóxico novidoso aínda que non exento de certas puntos febles na súa concreción.
Aínda que no plano teórico a metodoloxía empregada resulta irreprochábel, a materialización do proxecto tal como se propón na publicación corre o perigo de derivar nunha sorte de Eurodisney arqueolóxico, no que a banalización dos conceptos e da actividade divulgadora e formativa, caia na trivialización do exposto e se difumine perigosamente coa rendibilidade económica.
Este tipo de proxectos, nos que o patrimonio aparece inserto nunha complexa malla de recursos e intereses corre sempre o risco de difuminar os obxectivos e converterse nun simple atractivo turístico, indubidábelmente rendíbel a nivel promocional e mesmo económico, pero de dubidosa eficacia a nivel patrimonial. En tempos como os actuais, nos que as tendencias museolóxicas están a ser revisadas e nos que novas formulacións teóricas tratan de responder de xeito efectivo ás crecentes demandas da sociedade, accións como a presente, de non desenvolverse cun coidado escrupuloso, poderían mesmo resultar contraproducentes.
Efectividade do espectacularA denominación da chamada Casa dos Antepasados, de probábel efectividade como reclamo, podería insertarse nunha liña de accións e intervencións espectaculares a priori que poden quedarse nun baleiro de contidos oculto unha atractiva aparenza. Tal podería ser, tamén, o caso da reconstrución de vivendas castrexas no acceso ao recinto fortificado. Esta acción, semellante á desenvolvida en Santa Tegra nos anos 70, pouco pode aportar ao coñecemento da cultura castrexa, e menos situada a poucos metros dun recinto arqueolóxico como Elviña.
Na mesma liña está a construción dunha mámoa con cámara dolménica de nova planta. A efectividade deste tipo de intervencións supostamente divulgadoras resulta hoxe dubidosa, especialmente ante exemplos como a recente creación do Parque Periurbán en Riveira (A Coruña), onde se realizaron reproducións de petroglifos e dolmens e no que a afluencia de visitantes é moi escasa, practicamente nula se nos limitamos ao público interesado no coñecemento do patrimonio. No caso concreto de Elviña probabelmente resultase máis interesante a posta en valor de xacementos arqueolóxicos achegados, que os hai e moi interesantes, o que podería complementar e enriquecer a visita mais que a creación deste pequeno parque temático da prehistoria.
Resulta lamentábel, por outro lado, que na historia das investigacións do castro que os autores realizan ao inicio do seu estudo, se omitan as campañas realizadas nos últimos veráns. Carencias como esta fan que a análise resulte incompleta e ofreza unha visión parcial e sesgada, o que nun traballo de investigación histórica resulta especialmente triste.
Sería inxusto fechar este comentario sen dedicar un momento a felicitar aos autores pola recuperación do informe de Luis Monteagudo, redactado en 1948, no que se adiantaban moitas das accións a desenvolver no que podemos considerar unha proposta radicalmente innovadora para a súa época. O traballo de Luis Monteagudo, sempre polémico e deostado por moitos de xeito sistemático, demostra aquí, en documentos da súa etapa no museo do Castelo de San Antón, un rigor metodolóxico que aínda hoxe, case seis décadas despois, segue a sorprender.
Modelo teórico innovador e correctamente trazado fronte a unha prasmación práctica na que se aprecian certas inconcrecións conceptuais e unha certa tendencia á espectacularización do patrimonio, sen dúbida rentábel, pero tamén potencialmente perigosa. A presente publicación supón, en todo caso, un dos primeiros pasos nunha liña que as entidades investigadoras deberán continuar no futuro.