A familia C (C de circo?) é unha familia que adora o ambiente circense e ese amor pola fantasía, o xogo de irreal-realidade, é o que permite que a rutina dos seus días se impregne de ilusión. Unha proposta refrescante para se enfrontar ao día a día con outros ollos nestes tempos grises, que invita á descuberta dos múltiples segredos que agocha a rutina.
15 / 11 / 2010
Isabel Soto.Santiago
A familia C, dos cataláns Pep Bruno e Mariona Cabassa (III Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados), propón unha interpretación alternativa da rutina familiar experimentando cos recursos específicos que definen o xénero álbum, nomeadamente, a estreita relación entre texto e imaxe. Para acadar un obxectivo satisfactorio cómpre que se produza un diálogo cómplice entre ambas as linguaxes, co fin de que se complementen e mesturen conformando un todo. Tal complicidade vese reforzada se os creadores teñen compartido xa traballos anteriores, como é o caso, pois Bruno e Cabassa xa idearan conxuntamente
Conto para contar mentres se come un ovo frito (2002) e
Libro de contar (2007).
Os elementos paratextuais configuran a porta de entrada ao volume, pois a cuberta sitúanos no ámbito dunha metáfora que remite decontado ao mundo do circo grazas ás recoñecibles caracterizacións dos personaxes, acompañados dun gato con botas que acena cara á fantasía e do enigmático “C” que introduce o segredo que imos descubrir na intimidade dunha familia.
A idea narrativa exposta é ben simple e de doado recoñecemento e interpretación para un lectorado infantil de pouca idade: a descrición na voz do neno e sen referencias temporais ou espaciais precisas do decorrer diario da familia (pai, nai, fillo e gato), dende a mañá –cando o pai fai o almorzo, a nai le o xornal e el prepara a mochila, para a seguir saíren “disparados” cara ás súas respectivas ocupacións–, ata a tarde, cando se volven reunir, merendan “rápido” e marchan “correndo” ao seu espectáculo favorito.
Este mundo aparentemente anódino adquire unha nova significación que chega a través da lectura das imaxes, pois nelas os personaxes aparecen realizando as súas respectivas actividades sempre coa indumentaria que os vincula ao mundo do circo, á que se suman obxectos de uso común que os ancoran á realidade –mantel, tostadora, cuncas, cafeteira, mochila, xornal, libros, caderno escolar, obxectos propios do hospital e mais do taller de costura e da escola. Ao tempo, son as ilustracións as que concretan a localización espacial, que remite a un espazo urbano recreado con guindastres e altos edificios, sen perder a referencia ao circo. Tan só a dobre páxina que amosa a viaxe cara ao espectáculo, presenta os protagonistas coa súa caracterización “real” e o coche adórnase con pequenos detalles que continúan a enfatizar os gustos da familia, o cal se reforza na dobre páxina conclusiva coa desaparición do texto e a imaxe que os sitúa como únicos espectadores.
Xa que logo, a condensación expresiva textual interactúa, completa e, sobre todo, contrasta coas suxestións que ofrece a lectura visual, que ademais de engadir alegría, imaxinación e toques de humor, concentra unha pluralidade de implicacións temáticas. Entre elas, a singularidade, outras maneiras de se enfrontar á vida, a concepción do paso do tempo e da diversión integrada como unha actividade máis, a notable inversión de papeis de xénero ou mesmo as présas da sociedade contemporánea. Estariamos pois perante un efectivo diálogo que desprega estratexias diversas e estimula o labor activo do lector para a descodificación e a interpretación persoal.
A familia C agocha, tras a aparente simplicidade conceptual, unha nova ollada sobre as accións cotiás, capaces tamén de sorprender, transformándoas co uso da cor, as texturas, as colaxes, os pequenos detalles, os encadres e as perspectivas sorprendentes ou a composición dinámica. Unha proposta refrescante para se enfrontar ao día a día con outros ollos nestes tempos grises, que invita á descuberta dos múltiples segredos que agocha a rutina.