Neste segundo título da serie, Sérgio Klein adéntrase no complexo mundo da adolescencia e nos embarca na aventura de descubrilo. Un diario protagonizado por unha rapaza que tiña o mundo na man. Unha novela para todos os lectores e lectoras que cren no poder transformador das palabras e que consegue sorprendelos a cada paso explicando así o éxito acadado xa en Brasil, Arxentina e México.
26 / 4 / 2010
Montse Pena Presas. Santiago
Cando en novembro de 2008 saudei xubilosa, neste mesmo espazo, a chegada ao mundo editorial galego de
Poderosa de Sérgio Klein, non me equivoquei. Púideno comprobar agora que veño de rematar
Poderosa 2, o regreso das aventuras de Joana Dalva que se vén de tirar na colección “Fóra de Xogo” de Xerais. A protagonista, conteilles no seu día, é unha rapaza de trece anos disposta a cambiar o mundo no sentido máis literal do termo, pois nas súas mans ten o prodixio que consegue transformalo todo. Con só escribir unha frase, esta modifica a realidade adaptándoa aos desexos de Joana. A ela arrodéaa un elenco de carácteres típicos na novela xuvenil entendida da maneira máis clásica (e tamén máis convencional) que segue funcionando e que o autor enche de forza e significación: a nai independente e decidida, que ás veces se ama e con quen ás veces xorden confrontacións; o pai semi-ausente que adora á filla; Xandi, o irmán pequeno pillabán e riseiro; Nina, a avoa encantadora que se venera e a quen se quere imitar; Leninha, mellor amiga e apoio incondicional; e João, mozo primeiro, compañeiro de diversas e novas aventuras.
Se na primeira entrega da serie asistiamos sorprendidos á revelación do poder de Joana –que era mesturado cun humor exquisito-, este segundo volume ten un carácter máis serio: a querida avoa morre e Joana, aínda impactada pola pena, verase envolta –xunto cos seus compañeiros da clase- en desvelar os misteriosos e sucios asuntos que se agochan tras a residencia de anciáns da cidade. Porén, este
Poderosa 2 quizais teña tamén un significado máis profundo, dado que Klein confírelle voz aos caracteres que normalmente se escoitan menos, os anciáns e as adolescentes, reiventándoos a un tempo. A enxurrada verbal da protagonista reveloume a constante intención autorial de crear unha voz feminina verídica, real e profunda, tamén independente e con consciencia da propia mirada, da súa autonomía e do seu –permítanme o calco do inglés- “empoderamento”. Unha voz que normalmente aparece coa escrita desordenada que o troca todo: “Escribo en esquinas de cadernos, marxes de libros, cadernos de apuntamentos, panos de mesa de papel, papeis de regalo, bolsiñas de pan e folletos de propaganda” (páx. 15), máis que consegue ordenar o mundo e con el as existencias de aqueles que ten máis cerca. Porque nesta historia asistimos ao soño que todas algunha vez tivemos: a reaparición de alguén que marchara para sempre con tan só trazar unhas palabras nun papel. Así, o poder transformador de Joana transcéndea a ela mesma, xerando unha xinea que a emparenta con figuras femininas históricas–non esquezamos que o seu nome se debe xa a Xoana de Arco, a quen librou da fogueira reeinventando a súa vida. Mais ese poder tamén a vencella á súa realidade próxima, neste caso a través dunha avoa a quen revive sen procuralo primeiramente, pero á que lle outorga a posibilidade de elixir e coñecerse mellor. Amais, ambas ligazóns conéctana, por unha banda, coa historia en letras maiúsculas e coa súa intrahistoria persoal, elementos claves para comprender e xustificar a madureza que vai acadando.
Sérgio Klein descóbrese a si mesmo nas palabras que pon en boca de Joana: “Coido que a literatura ten o papel de combater os clixés, os retrousos, as palabras anticuadas, as frases feitas e de efecto; evitar en resumo, que a lingua sexa corroída polas repeticións e que se transforme nun bruído de vaquiñas de corte” (páx. 35). A súa novela cumpre todas estas funcións, moitas veces transgredíndoas, sorprendéndonos a cada paso e explicando así o éxito acadado xa en Brasil, Arxentina e México.
Poderosa 2 encaixa perfectamente no que para Roberta Trites é unha novela feminista xuvenil: un texto en que o personaxe principal conta con capacidade autónoma de decisión a pesar do seu xénero. Unha idea clave nesa definición é “a pesar”: na novela feminista xuvenil o xénero da protagonista nunca é un obstáculo para o seu crecemento e desenvolvemento. E abofé que aquí non o é. Por algo esta serie chámase
Poderosa.