Nestas páxinas o autor acada amosar o tremendo e descoñecido (para moitos) impacto viquingo na configuración da Galicia altomedieval dá a coñecer ao público xeral un estado da cuestión actualizado e moi necesario nuns tempos nos que se dá un totum revolutume senta os alicerces para unha correctísima actualización da temática abordada. O autor manexa de primeira man as fontes documentais así como bibliografía especializada escrita nos idiomas escandinavos.
19 / 4 / 2010
Xurxo M. Ayán. Santiago
Acertan de cheo os responsables da colección
Memoria de Galicia da editorial Lóstrego, Ana Suárez e Antonio Balboa, coa publicación desta monografía divulgativa sobre os pobos viquingos e o seu paso por Galicia na escura época altomedieval. O autor da obra, Jorge Simón Izquierdo, reside en Dinamarca, manexa de primeira man as fontes documentais así como bibliografía especializada escrita nos idiomas irmáns escandinavos (danés e sueco). Esta feliz coincidencia confírelle ao libro un valor extraordinario xa que senta os alicerces para unha correctísima actualización da temática abordada, que sempre foi tratada dende un punto de vista galaicocéntrico. A este respecto,
Os Viquingos en Galicia amplía as miras dun fito historiográfico anterior como foi a
Gallaecia scandinavica de Vicente Almazán (Vigo, Galaxia, 1986).
Un manual de peto de Historia cultural
No libro bótase man da perspectiva sempre suxestiva da Historia cultural para amosar un panorama ricaz sobre o mundo viquingo. O capítulo II é unha magnífica síntese para todos os públicos sobre a conformación e desenvolvemento das comunidades nórdicas, na que se insiren atinadas interpretacións de caste sociolóxica debidas á formación en Antropoloxía Social do autor. A proxeción marítima destes pobos, a conformación dun sistema político protofeudal e as dinámicas internas son tratadas por un sagaz investigador que dedica boa parte do estudo a amosar a cultura material das comunidades viquingas así coma o seu universo simbólico e relixioso anterior á cristianización. Ben interesantes resultan tamén as referencias continuas a coleccións arqueolóxicas de museos, parques de Arqueoloxía Experimental e asentamentos reconstruídos abertos ao público en Escandinavia, servindo de auténtica guía turística para os lectores. Neste punto, a eiva fundamental da obra radica na ausencia de material cartográfico, de mapas nos que se sitúen os xacementos arqueolóxicos e núcleos de poboación citados constantemente ao longo do libro.
Pola súa vez, o capítulo III analiza a expansión viquinga por Europa, dende as razzias dos séculos IX e X até a cristianización dos reinos escandinavos e o apoxeo normando no século XI. Partindo da información fornecida polas sagas e maila documentación da época, o lector pode ficar abraiado coa tremenda influencia que xogaron estes pobos no nacemento e devalar histórico de realidades socioculturais tan dispares como Islandia, Sicilia ou Rusia. Neste apartado, o autor volve acertar no seu enfoque ao reseñar, por unha banda, as relacións existentes entre política e identidade á hora de recrear o pasado viquingo no presente e, por outra banda, o transfondo comercial que se agocha detrás desa expansión polas costas e os principais vales fluviais de Europa.
Unha guía da presenza viquinga en Galicia
Os dous últimos capítulos non son de doado seguimento por parte do lector medio, pola grande cantidade de dados cronolóxicos, perfís biográficos e xenealóxicos. Sen embargo, son de extrema utilidade para aqueles estudantes e investigadores que queiran profundar no tema da presenza viquinga en Galicia, xa que abrangue un seguimento diacrónico da utilización por parte dos Lordomani da ruta do oeste (Vestrverg) para as súas razzias camiño do Mediterráneo. Nestas páxinas o autor acada amosar o tremendo e descoñecido (para moitos) impacto viquingo na configuración da Galicia altomedieval a través das súas catro principais consecuencias: o reordeamento espacial das dioceses, o abandono de poboacións costeiras, a fundación de novas vilas protexidas máis cara ao interior e a consolidación do poder feudal por parte do bispo de Iria-Compostela, promotor, en nome da monarquía, dunha rede de fortificacións mareiras e prelitorais para tentar frear a chegada dos homes do Norde.
Pero o valor deste libro de peto non remata aí. Así pois, por unha banda, dá a coñecer ao público xeral un estado da cuestión actualizado e moi necesario nuns tempos nos que o imaxinario colectivo converte aos viquingos en artífices dos castros (en detrimento dos patrucios mouros) e existe un
totum revolutum que mesmo lexitima a políticos locais e empresarios a deseñar rutas viquingas nas que vale todo, dende a ourivería da Idade do Bronce até poboados da Idade do Ferro que se fan pasar por campamentos viquingos. Por outra banda, esta obra espreme as fontes documentais e literarias referidas aos Lordomani, poñendo de manifesto que a investigación arqueolóxica é a única saída para seguir afondando na presenza viquinga en Galicia. Todo un aviso a navegantes, nunca mellor dito.