Esta obra sobre a Galicia romana ven engadirse a anteriores obras referenciais sobre o tema, pero desde a visión de Xurxo Ayán a autora segue manexando un enfoque tradicional e falto de crítica. Ayán valora o texto como pouco traballado e alonxado do que debe ser un ensaio divulgativo.
25 / 1 / 2010
Xurxo M. Ayán. Santiago
Ao noso modo de ver, as dúas obras de síntese e divulgación sobre a Galicia romana de referencia foron até o momento
A Romanización de Galicia (varios autores en Ediciós do Castro, 1976) e
A Romanización de Galicia de Felipe Arias Vilas (A Nosa Terra, 1992). A diferenza destas dúas obras homónimas, o libriño de Ana Suárez que recensionamos hoxe presenta un detalle sobranceiro: a sustitución da preposición de por en. A priori, este troco no título suxire, de entrada, un xiro teórico que procura abandonar os vellos modelos coloniais outorgando un papel activo ao territorio e subliñando o carácter dinámico e adaptativo do “proceso romanizador”, como lle gosta dicir ás arqueólogas e arqueólogos clásicos. Desgraciadamente, a posterior lectura do volume desbota as ilusións postas nunha suposta revisión e análise crítica da romanización en Galicia.
Repensando a Romanitas?
A nivel divulgativo, o capítulo 2 resume as diferentes perspectivas teóricas que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, sobre todo no eido anglosaxón, para abordar a romanización (cadro resumo na páxina 48). Adoptando un estilo case telegráfico, a autora fornece un texto sintético de utilidade para o alumnado universitario, pero carente de calquer esbozo de crítica. A enumeración dos diferentes modelos interpretativos culmina nalgún caso cun explícito receo á hora de aplicar esas propostas, desbotándoas acriticamente. Incluso cando avanza hipóteses suxerentes non atopamos ningún atisbo de argumentación. Sirva de exemplo o seguinte parágrafo: “De feito, a longa continuidade das tradicións indíxenas –en cerámica, modelos de asentamento, lingua e práticas agrarias- podería ser vista como un novo e intenso conflito entre a elite indíxena e o resto da poboación nativa “(páx. 45). En liñas xerais, a autora segue manexando un enfoque tradicional, definindo diferentes graos de romanización dacordo cunha visión organicista da romanización coma un proceso civilizatorio con maior ou menor intensidade segundo as zonas. O uso de conceptos como cultura provincial tampouco axuda moito a renovar o discurso. Na mesma liña descritiva se sitúa o capítulo 3, no que se leva a cabo un percorrido pola romanización en diferentes territorios do Imperio, empregando como recurso unha sucesión de auténticas recensións inconexas das principais obras dos investigadores que traballaron en cada unha das zonas, rematando co caso da Gallaecia ao que se adica unicamente seis páxinas (77-83). Este segundo inventario de hipóteses e teorías adoece novamente dunha coda a xeito de síntese ou balance crítico que forneza ao lector un posicionamento claro por parte da autora ou alomenos explicite o obxectivo do libro. Cando o lector pensa que chega ao cerne da cuestión abordando o cuarto e último capítulo do volume, debrúzase diante dun breve e sorpresivo ensaio sobre as fontes epigráficas da Gallaecia, sen conexión algunha cos precedentes apartados.
Recapitulación ou capitulación?
Pero onde se amosa en toda a súa plenitude a ausencia dun proxecto de libro por parte da autora é na alcumada recapitulación final (páxs. 109-11). Aquí se constata claramente unha visión superada polo seu obxecto de estudo moi espallada entre moitos romanistas, preocupados polo ritmo e a intensidade do proceso romanizador e que botan man de interpretacións deterministas e burdamente funcionalistas para explicar o éxito de Roma: “a satisfacción das necesidades da xente” sería o factor clave dese trunfo da Romanitas (páx. 110). “Os romanos non só conquistaron, senón que, ante todo, convenceron” (páx. 111). Semella que a autora se suma á vea cómica do guión do filme
A vida de Brian que encabeza o libro. Cómpre destacar tamén o peculiar enfoque verquido sobre as comunidades galaicas, afirmándose o emprego do ritual da incineración (páx. 89), o inicio do contacto con Roma en 133 a. C. (páx. 109) e usando o concepto máis que discutible hoxendía de “cultura castrexa”.
En definitiva, o libro remata como comezou, fidel a un estilo caótico e telegráfico a xeito de apuntes de clase, guindando ao lector afirmacións e ideas sen fundamento, e ocorrencias que non son de recibo para un texto de base científica: “no proceso de romanización actuarían tanto os romanos como os nativos” (páx. 111). Textos pouco traballados e alonxados do que debe ser un ensaio ou texto divulgativo coma este.