Thompson analiza a representación literaria narrativa dos acontecementos relacionados co golpe militar de 1936 e a contribución destes traballos ás teorías literarias que, en Europa e América, analizan as novelas que teñen na “memoria” o eixe central das súas historias. Memoria e trauma emerxen na narrativa xunto á problemática verbo da representación e a transmisión da Historia e o imaxinario da nación galega ou a presenza das mulleres no relato novelesco.
21 / 9 / 2009
Gustavo Hervella.Santiago
Cando en xullo de 1936 os militares africanistas deron o golpe de estado contra o goberno lexítimo da República, en Galicia comezou una terrible represión tanto física como económica e psicolóxica que modificou as expectativas vitais da poboación. Ao tempo, deu comezo un xénero literario de carácter memorialístico onde algúns ían plasmando no papel as inquedanzas e situacións extremas que lles tocara vivir. Moitas destas contribucións tardaron anos en ser publicadas, outras xamais o foron -non estaban destinadas ao público xeral, só ao entorno familiar- pero aos poucos foron saíndo á luz, primeiro no exilio americano, logo xa en Europa e, contra finais da ditadura franquista, mesmo en Galicia. Xunto a elas, as novas xeracións de escritores comezaron a novelar aqueles anos, tendo en conta –aínda que non sempre- as lembranzas dos avós, dos veciños ou, simplemente, expoñendo por escrito os contos da lareira que os maiores relataban polo baixo. Thompson o que estuda neste ensaio é precisamente a contribución destes traballos ás teorías literarias que, en Europa e América, analizan as novelas que teñen na “memoria” o eixe central das súas historias.
A memoria da represión está representada de xeito excepcional en traballos que tratan o tema do holocausto, do gulag stalinista, da Italia fascista e da ditadura franquista. Galicia non viviu allea a esta corrente, e as máis de 50 obras que neste estudo se analizan son boa proba disto. Pero, ¿como trataron estas novelas á represión fascista? Isto é precisamente o máis destacado do estudo, o achegamento que se nos fai ao tratamento do sufrimento, do exilio, da morte, en definitiva, da perda da liberdade e das conquista sociais que desde finais do XIX conseguira a poboación galega. Certamente, e como xa temos exposto, a represión que aconteceu en Galicia desde o mes de agosto de 1936 tivo un significado especial e foi laboratorio de probas do que, ao final da guerra, aconteceu noutros territorios do estado. Isto dálle un especial significado ao relato. Ninguén sospeitaba que, o 19 de xullo uns falanxistas, veciños e coñecidos por case todos, irían a casa do médico, do avogado, do mestre, do militante socialista.... colleríano e faríano desaparecer. O golpe brutal desta violencia fixo que a poboación se paralizase polo terror; nunca pasara algo semellante nas aldeas, nas vilas, nas cidades. Os mortos comezaron a aparecer polas cunetas, nas praias; as mulleres, avergoñadas, foron violadas, purgadas, rapadas.... Todo o mundo que até ese entón se coñecía, desapareceu. Este ambiente é o que tentaron deixar por escrito os protagonistas (algúns con escritos analizados por Thompson): Ramón de Valenzuela, Mariví Villaverde, Isabel Ríos, Santiago Álvarez, Alonso Ríos, Silvio Santiago ou Carbalho Calero, entre outros. Contan o que lembran; non o que pasou. É a súa memoria a que fala, un testemuño imprescindible e fundamental para entender a historia do país pero que, como todo proceso de lembranza, ten lagoas e espazos baleiros que, por outra parte, foron imprescindibles para poder seguir coa súa vida. De feito, cando setenta anos despois se espertan os recordos, as emocións están presentes como se en realidade non transcorreran eses anos. Sen embargo, aínda que estes textos estean escritos en formato novela, non deixan de reflectir un tempo vivido. Os traballos de Alfredo Conde (
Mementos vividos, non así o revisionista
Memoria do soldado, p. 105), Camilo Gonsar, Xosé Fernández, Helena Villar, Carlos Casares, Suso de Toro ou Manuel Rivas amosan a Galicia dos anos trinta tendo en conta as historias dos protagonistas e a documentación que, cada vez máis, os historiadores están a poñer ao servizo da sociedade. Con eles, traballos como o de X.M. Sarille que, escoitando a seu pai, retrata o Castroverde de 1936 e un dos asasinatos “símbolo” da barbarie, o de Carmen Sarille Lenceiro que, se ben foi un máis, quedou na memoria popular como o maior acto execrable dos sublevados: “Eu decido escribir por encargo do meu pai, que é teimudo e insiste nisto de que fique testemuña das que pasou a súa... a nosa familia...” (p. 64)
Con todos estes vimbios o investigador, a través da teoría literaria, analiza e compara as novelas da represión realizadas en Galicia con esquemas e traballos doutras latitudes. Isto é unha das achegas máis destacadas do traballo, xa que sitúa ás novelas galegas “no mundo”. Así mesmo, tamén esculca como é utilizada a ciencia histórica nos traballos. Partindo da base que estamos a referirnos a ficción e que, polo tanto, o autor/a pode modelar a realidade para conseguir o relato, a historia que a maior parte delas contan ten cimentos de realidade, aínda que inciden en tópicos como é o da “memoria masculinizada” (p. 172). A sorpresa do golpe e da violenta represión desencadeada logo, os “paseos”, o cárcere e a estrutura represiva levada a cabo polos golpistas parte da realidade histórica en cada unha das novelas, e os autores o que fan é adaptar esta realidade aos seus escritos. Así, desde a historia mantense que o golpe de estado non se debe estudar, en exclusiva, en relación ao seu tempo e realidade; as consecuencias aínda son visibles hoxe en día. Boa parte das novelas analizadas por Thompson inciden no feito de “suceso colectivo” (p. 110), isto é, que o acontecido no verán de 1936 afectou en primeiro lugar e de xeito dramático ás familias que perderon a seres queridos e, ao tempo, a toda a sociedade. O golpe de estado significou a perda da liberdade, da democracia que, aínda que mellorable, viviran os galegos desde o último terzo do século XIX.
Desde que no Estado comezaron a agromar os traballos de recuperación da memoria da represión foron moitos os que, co apoio da audiencia máis ultramontana, pretenderon revisar o acontecido durante a Guerra Civil e a Ditadura. Non foi así en Galicia, xa que o revisionismo que adquiriu cotas importantes en España, non prendeu aquí. Este fenómeno tamén é analizado no traballo (cap. 6), baseándose sobre todo na obra de Alfredo Conde,
Memoria do Soldado, dedicándolle duras críticas coas que non podemos estar máis de acordo (p. 105-107 e ss.).
Cando a Xunta de Galicia declarou o ano 2006 como “Ano da Memoria”, agromaron nas librerías ensaios, novelas e poemarios que tiñan como eixe o acontecido en 1936-1939. Moitos foron acusados de aproveitar o momento, xa que deste xeito acapararíanse máis lectores. O empuxe que o poder público ten en Galicia fai crer a moitos que a cidadanía móvese ao son do que desde San Caetano se marca; sen embargo, o importante é que boa parte da poboación empezou a darse conta que o acontecido na guerra non só formaba parte dos “contos do avó”, que o sucedido marcou para sempre o devir da terra, a realidade vital na que hoxe nos movemos. A represión, xunto coa emigración, foron os acontecementos que máis influíron na construción da Galicia actual.