Hixinio Puentes revélase como un narrador moi ben documentado sobre o tema da piratería que trata e os espazos xeográficos e históricos escollidos para a acción narrativa nesta obra que non decepcionará aos afeccionados á narrativa de aventuras. Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel.
13 / 7 / 2009
Anxos García Fonte. Cabanas
As 482 páxinas desta novela rematan cun apunte do autor onde se consigna o lugar e a data en que a deu por rematada: “Porto do Barqueiro, decembro de 1995”. Esta anotación fainos pensar no longo traxecto na escuridade que atravesou o texto ata chegar ás nosas mans: na lapela infórmasenos de que foi finalista do Premio Xerais de novela 2005 e gañadora do IV Premio Eixo Atlántico de Narrativa 2006. Malia estes méritos a novela seguiu inédita, pendente do cumprimento das cláusulas do Premio Eixo Atlántico para ser publicada simultaneamente en galego, portugués e castelán; compromiso que nunca se levou a cabo e que retrasou aínda máis a súa edición que, finalmente, asumiu a editorial Xerais. Unha longa historia que ilustra moi ben as dificultades para acceder ao campo literario dos escritores que viven á marxe dos círculos de influencia, a importancia actual dos premios literarios e a facilidade coa que se esquecen os compromisos adquiridos polas institucións que os convocan.
As peripecias e dificultades que tivo que superar a novela para ser publicada contrastan coa extraordinaria calidade dunha obra que non decepcionará aos afeccionados á narrativa de aventuras nin mesmo a aqueles especialmente sensíbeis coa ambientación temporal e espacial, malia non pretender en ningún momento ser unha novela histórica. Non teño ningunha dúbida ao encadrala dentro da novela de aventuras e resulta evidente en moitos detalles o diálogo cos clásicos do xénero, especialmente con
A illa do tesouro de Stevenson. Hixinio Puentes revélase como un narrador moi ben documentado sobre o tema da piratería que trata e os espazos xeográficos e históricos escollidos para a acción narrativa. Ao mesmo tempo, móstrase moi seguro á hora de xogar as súas cartas narrativas. É capaz de manter a intriga no lector deixando que gran parte do misterio que rodea o personaxe principal se manteña practicamente ata o final.
A voz narrativa predominante é a dun xove criado que vive miserabelmente coa súa familia vendendo peixe nun pequeno porto bretón ata que coñece a Guillaume de la Motte, un misterioso personaxe que contrata os seus servizos e o leva con el á súa morada na illa de Jersey, na Canle da Mancha. A ollada a través da que entramos na historia é a dun rapaz inocente, Gaifiers
O Corvo, que irá aprendendo e gañando entidade a medida que avanza a novela e estreita a súa relación co amo.
O Corvo acaba sendo para o seu patrón un camarada imprescindíbel co que comparte longas xornadas de pesca e caza e, unha vez que a súa confianza se se fai firme, chega a facelo partícipe dos seus segredos. A evolución que se dá na relación entre o pequeno criado e o temíbel pirata é un dos maiores logros da novela, do mesmo xeito que a dosificación da información en retrospectiva que fai o narrador, feita xa desde a perspectiva dos anos, permitíndose mesmo nalgunhas ocasións comentarios que avanzan ou insinúan acontecementos futuros que, lonxe de diminuír o interese polo que vai vir, conseguen que aumente, nun alarde de habilidade narrativa.
A esta voz narrativa temos que engadir a do propio protagonista cando relata episodios da súa vida de pirata a diferentes destinatarios entre os que está o propio criado ou os clientes da pousada de Saint Maló, sen esquecer o xuíz e o público asistente ao xuízo da causa que se segue contra el, e a do seu contrincante, o “falso” (se cadra verdadeiro) la Motte. É precisamente nesta escena do xuízo onde fraquea un pouco o interese do lector abrumado polas digresións dos declarantes que, se ben serven para contrastar dúas versións ben diferentes da mesma historia, sementando dúbidas acerca da súa identidade, e, ao mesmo tempo, axudan a caracterizar psicoloxicamente a cada un deles, pecan de exceso en canto á cantidade e pormenorización de datos sobre os usos e costumes dos piratas da época no Caribe. Unha información interesante e complementaria pero totalmente prescindíbel no corpo narrativo que, se cadra, por esta razón quedaría mellor nun apéndice sobre piratería ao final da novela.
Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel... mais se hai algo que chama poderosamente a atención nesta nave narrativa é a madeira coa que está feita: un galego popular riquísimo ben embreado de voces e frases dialectais, ese regueiro vivificante nunha literatura que tende a retroalimentarse de si mesma en canto a materiais lingüísticos caendo con frecuencia nunha manía estandarizante empobrecedora. Hixinio Puentes, ben lonxe disto, demostra un dominio lingüístico fóra do común non só na utilización da terminoloxía mariñeira senón tamén na adaptación estilística ao contexto narrativo.