O cobrador de peaxe dunha autoestrada decide escribir un caderno con hipóteses sobre a vida dalgúns condutores que pasan a cotío por ela. Coa imaxinación crea un universo ao ritmo da música que sae dos vehículos ao baixar a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Un relato que engancha, inzado de cancións de moitos estilos, de diálogos intrascendentes, de reflexións sobre a sociedade contemporánea.
18 / 5 / 2009
Lorena Domínguez Mallo. Val do Dubra.
“Os videoxogos son a literatura dos robots, e neste traballo síntome máis preto dos afillados de Asimov que da raza humana” (19). Así describe o protagonista da nova novela de Santiago Lopo o seu traballo como cobrador de peaxe nunha autoestrada galega. Esta referencia aos videoxogos lémbranos a temática do seu anterior libro,
Game over, co que se fixera merecedor do Premio de Novela por Entregas de
La Voz de Galicia na súa edición de 2006.
O fío argumental desta nova obra é o que lle acontece nun par de semanas ao cobrador de peaxe dunha autoestrada que decidiu invertir o tempo libre na súa cabina en escribir un caderno con hipóteses sobre a vida dalgúns condutores que pasan a cotío por ela. Esa rareza persoal convértese nun relato que engancha, inzado de cancións de moitos estilos musicais, de diálogos intrascendentes, de reflexións profundas sobre a sociedade contemporánea. A particular percepción temporal desde a cabina de peaxe permite unha división de capítulos en días da semana (de luns a venres) e fin de semana; as personaxes aparecen denominadas segundo o coche que conducen (Clio, Golfiña, Grand Cherokee, Matiz feminino e masculino e Ibiza), e gran parte da súa caracterización vén da música que escoitan.
O protagonista, licenciado en Filoloxía Inglesa, fai partícipes ás lectoras e lectores das súas hipóteses sobre os demais personaxes e de todo tipo de reflexións sobre a vida entre as que teñen cabida a educación dos nenos, o Google como ollo que todo o ve, os usos lingüísticos, o consumo de alcohol polos mozos nas fins de semana, o fútbol como catarse colectiva, as relacións de parella… Queda para as lectoras a interpretación das referencias literarias, mitolóxicas, musicais e cinematográficas que engordan un texto que parece máis simple do que en realidade é. Verdadeiramente, a lectora ten por veces a sensación de estar mantendo unha longa e animada conversa con ese personaxe que verbaliza a súa opinión sobre situacións que moitos vivimos no noso día a día.
Destacarei tres puntos fortes desta achega literaria. O primeiro é a música. É unha experiencia moi recomendable ler o libro e ir escoitando simultaneamente á aparición de cada condutor a música que o acompaña. A banda sonora resultante é do máis variada e caracteriza ás personaxes, a todas, dun xeito pouco común nas novelas, máis pola música que escoitan que pola súa vida. Sentímonos mergullados nun mundo ameliano no que cada personaxe aparece descrito así: “A Golfiña gústalle o punk”, “A Matiz masculino gústanlle os produtos OT”. O segundo punto forte son as reflexións sobre a sociedade contemporánea, críticas ou simplemente descritivas, que parecen un retrato psicolóxico a gran escala, e que se van enfiando no texto sen saltos nin cortes, como parte natural e consubstancial dos nosos pensamentos (ou dos do protagonista). O terceiro piar é o sentido do humor retranqueiro, intelixente e intertextual co que as personaxes converten diálogos intrascendentes en pulsos amigables entre eles e coa vida.
Talvez o único criticable á novela sexa o seu final un tanto idílico. Unha esperaría que o final non fose senón outro capítulo na mesma liña dos anteriores, como se as lectoras fósemos observadoras por uns días da vida dese cobrador de peaxe, igual que el o é da do resto de personaxes (coma no
Mundo de Sofía, de Jostein Gaarder). Non obstante, tamén é certo que as loucuras cotiás poden levarnos a situacións inesperadas e que ás veces arriscar é o único xeito de saír dos bucles do destino. Así procede o protagonista cando intenta sacar as personaxes do seu caderno dese existir textual e ser partícipe das súas vidas. De paso, lembramos que Clio non só é un modelo de coche, senón tamén a deusa grega da historia e da poesía heroica. Heroes son aqueles que non teñen medo de quebrar a seguridade da rutina e que conducen a 120 km/h non só pola autoestrada, senón tamén pola vida. Velaquí un libro para unha tarde de praia ou para unha tarde de domingo co Youtube aberto para escoitar a banda sonora da autoestrada. Un libro para todos aqueles que ao pasar por unha peaxe se preguntaron cómo sería ese traballo, e que ao ler o título desta novela na cuberta pensaron qué faría un escritor con semellante material literario.