Atopámonos ante unha síntese actualizada sobre a Idade do Ferro galaica, que cumplindo cun obxectivo divulgativo aborda no seu conxunto tanto o estudo dos castros como os aspectos máis salientables da sociedade que habituou neles: a relixión, a economía, a guerra ou a vida cotiá. Manual orientativo de utilidade tanto para o público xeral como para estudantes de primeiro de carreira.
27 / 4 / 2009
Xurxo M. Ayán. Santiago
A editorial Lóstrego segue valentemente cubrindo o eivado eido da divulgación do coñecemento sobre a Protohistoria e a Historia antiga galegas, seguindo unha liña editorial na que teñen cabida volumes con títulos de fasquía polémica e contradictoria, como a
Galicia celta de Antonio Balboa e esta última entrega de Javier Rodríguez,
A Galicia castrexa. Celtas e/ou castrexos? Sen dúbida, a colección
Ex cathédra ábrese ao debate historiográfico e amosa ao grande público as diferentes olladas existentes na actualidade sobre a Idade do Ferro do Noroeste.
Unha síntese actualizada
A Galicia castrexa constitúe unha compilación, máis ou menos estruturada, das recentes investigacións sobre o mundo dos castros. Neste senso, conta, ao noso modo de ver, con tres valores fundamentais: 1. Vai substituír a obra divulgativa de referencia até o momento no mercado (
A cultura castrexa de F, Calo, ed. or. 1993), volume de grande éxito editorial e peor consideración académica; 2. Reproduce os temas centrais da axenda arqueolóxica internacional encol das comunidades europeas europeas da Idade do Ferro (identidade, corpo, banquetes, conflicto...) actualizando o discurso tradicional no que a sociedade apenas aparece reflectida; e 3. Convértese nun bo manual orientativo tanto para o público xeral como para estudantes de primeiro de carreira. A este respecto, o libro cumpre co obxectivo divulgativo que aparece recollido alomenos na contracapa, xa que o texto carece de calquer tipo de introdución na que se trasmita o enfoque asumido, a finalidade da obra e as súas consecuencias.
Unha recensión innecesaria
Nesa mesma contracapa díse que a obra recolle unha investigación que pon ao día as pescudas recentes sobre o tema, afirmación que conduce a un claro equívoco. Na historia da investigación sobre os castros galegos existen tres fitos bibliográficos fundamentais á hora de pensar e repensar a Idade do Ferro, tres obras que lembramos aquí para os leitores interesados:
La Civilización Céltica en Galicia de F. Cuevillas (ed. or. 1953),
La investigación protohistórica en la Meseta y Galicia (1998) de M. D. Fernández-Posse e
Galaicos: Poder y comunidad en el Noroeste de la Península Ibérica (2006-2007) de A. González Ruibal. Estas tres aportacións supuxeron e supoñen unha creba no paradigma historiográfico e repensan o pasado tentando unha interpretación global, integrada e novedosa do mundo dos castros. A sombra desta herdanza é alongada. Neste senso,
A Galicia castrexa non desenvolve ningunha idea orixinal, non repensa o rexistro arqueolóxico nin actualiza nada xa que tódolos temas abordados se atopan amplamente desenvoltos na tese do antedito A. González e no libro colectivo
Los Pueblos de la Galicia Céltica (2007) coordenada por F. J. González García.
O autor revisita a Idade do Ferro botando man deses enfoques e perspectivas, convertendo o libro nunha longa e innecesaria recensión na que semella que en cada capítulo lle toman a lección sobre ámbitos temáticos que, asemade, aparecen segmentados no texto, rachando con calquer tipo de fío argumental ou secuencia cronolóxica. En definitiva atopámonos diante dunha síntese redundante e de escasa orixinalidade no panorama editorial actual, pero que vai cumprir a súa función como síntese actualizada escrita en galego sobre a Idade do Ferro galaica.