Eduardo Rolland relata, con técnica narrativa de fonda concepcións xornalística e baseándose en sólidas fontes documentais, os acontecementos vividos en Vigo e Galicia durante 1809, deixando que falen os feitos e os seus protagonistas. Un feito histórico riquísimo en acontecementos que agora, coincidindo co bicentenario da fundación da cidade, se presenta de forma desmitificadora neste libro.
6 / 4 / 2009
Gustavo Hervella. Santiago
O xornalista Eduardo Rolland ofrécenos neste traballo os resultados das súas pescudas nos arquivos históricos europeos máis importantes: a Biblioteca Británica, a Biblioteca Nacional de Francia ou o Arquivo Histórico Militar de Madrid. Cunha técnica narrativa de fonda concepción xornalística, analiza, no ano do seu bicentenario un dos feitos máis sobresaíntes da historia de Galicia: a loita contra os franceses desencadeada tras a invasión da península por parte dos exércitos napoleónicos en 1809, no seu paso a Portugal. Ao igual que realizou noutros traballos como os referentes á Batalla de Rande ou o interesantísimo sobre a presenza nazi en Galicia, é de novo o territorio de Vigo o escaparate central do seu discurso. Ao redor dos feitos acontecidos na cidade olívica, vainos amosando a liña argumental do seu estudo, sempre xuntando o ameno do xornalismo co rigor histórico e documental propio de quen consulta e analiza as fontes primarias.
En
Reconquista. Vigo en armas, amósanos o “pobo en armas”, neste caso o vigués, contra un exército de ocupación. Pero, como moi acertadamente sinala o autor (p. 25) e como xa estableceu en numerosos estudos José Álvarez Junco, non estamos ante unha guerra nacionalista española e, moito menos en defensa de Galicia, como nos foi transmitido pola historiografía galeguista decimonónica. En 1808, as xerarquías políticas aceptaron a José I como monarca e, logo, tras diversas vicisitudes políticas —relacionadas fundamentalmente coa negativa de certas capas da sociedade de perder privilexios— o pobo, influenciado fundamentalmente pola igrexa, enfróntase ás tropas bonapartistas. Esta é unha das razóns de porque Vigo como Coruña, Girona ou outras cidades peninsulares non se levantaron en armas até que o exército galo estaba preto. Así, cando unha localidade —no caso que nos ocupa, Vigo— era “liberada” os enfrontamentos diminuían.
Se ben o relato que nos ofrece Rolland na Reconquista de Vigo —termo acuñado anos despois dos feitos ao igual que o de Independencia para referirse ao enfrontamento contra o francés no conxunto de España— non difire practicamente do existente para outras localidades, si que nos parece moi interesante e clarificadora a lectura que leva a cabo das fontes que utiliza. As memorias e relatos dos soldados británicos e franceses, ao igual que as imaxes que transmite por parte das declaracións dos vigueses protagonistas do asedio, fannos comprender o significado do romanticismo ligado á Península Ibérica ao longo do século XIX. É esta imaxe romántica a que se estenderá nesta centuria por Europa: bandoleiros andaluces ou os paupérrimos galegos: “Estamos aloxados en casas tan pobres e sucias que os porcos vivían alí e tivemos que entregarnos a verdadeiros combates para expulsalos. Non hai nestas casas de Galicia nin mobles, nin camas, nin utensilios de cociña, e os servos da máis desgraciada parte de Polonia están máis aseados...” (p. 33), en palabras do capitán Marcel. Cando en 1911 a viaxeira inglesa, C. Gascoine Hartley chega a Vigo, queda asombrada coa cidade, do seu europeísmo e modernidade. En cen anos a evolución de Vigo, de Galicia e España fora exponencial, algo que se truncará en 1936.
Pero volvamos a 1809. O que estaba a acontecer na península era unha loita pola hexemonía de Europa: Francia
versus Inglaterra. España pon o territorio e as súas xentes o sufrimento: saqueos, violacións, asasinatos..., por parte dos dous bandos. Isto énos amosado no libro con relatos transcritos das fontes orixinais, tanto españolas como británicas e francesas.
E xúrdenos a pregunta: De verdade a “invasión” francesa era negativa para o país? Os alcumados como “afrancesados” foron acusados de traidores, os funcionarios que se debían ao poder establecido eran tan lexítimos como os nomeados polos fernandinos absolutistas anos atrás e tras 1814. A cuestión é: saíu gañando Vigo, España, reinstaurando a Fernando VII no trono? Certamente, non. No fondo, isto é o que se dilucidou naquelas batallas de comezos da contemporaneidade. Vigo inscríbese nestes acontecementos, tal como sinala Rolland, nun principio á espera, despois admitindo a presenza francesa na cidade e, logo, levantándose contra ela; todo trufado dun absolutismo e recreación conservadora posterior —o mito do Cristo é elocuente—.
Profesional na descrición dos acontecementos, Eduardo Rolland presenta unha orientación cara á preferencias olívicas en determinadas partes do relato, como cando narra a defensa de Vigo por parte dos seus habitantes en oposición a como actuaron os lugueses, composteláns, ferroláns ou coruñeses (p. 49) ou cando fai referencia ao “déficit histórico das infraestruturas de Vigo” (p. 64). Sen embargo, non lle doen prendas ao desmitificar aos heroes da Reconquista —Cachamuíña, Ferreiro, Montenegro...— máis interesados nas riquezas que na liberación da cidade.