Obra premiada no VIII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño do Concello de Sarria. A terceira obra de Olalla Cociña mostra unha interesante evolución na súa poesía. Espremendo a materia da memoria, a autora inicia un descenso polo “tobogán de raíces que se perden / no fondo baixo a terra” para debuxar, con cicatrices da vida e do paso do tempo, a amorosa figura de Alicia.
2 / 3 / 2009
María Xesús Nogueira. Lugo
O Premio de Poesía Avelina Valladares distinguía, vai xa para un lustro, a obra dunha autora nova e apenas coñecida naquel momento, como era Olalla Cociña (Viveiro, 1979). Ao poemario merecedor do galardón,
As cervicais da memoria (2004), seguiu
Aquí (intemperies) (2006), que viña consolidar unha voz á que se lle recoñecía, alén dunha notábel singularidade, a capacidade de crear atmosferas sutís e imaxes poderosas. A escritora aparecía ademais no panorama da lírica galega nun momento no que a etiqueta
poesía de muller amosara xa algunhas fendas que deixaban entrever a irredutibilidade de tal escritura a fórmulas máis ou menos codificábeis.
Libro de Alicia ve a luz tamén da man dun premio, neste caso o Fiz Vergara Vilariño, que acada a súa oitava edición. O título, máis transparente que o de anteriores entregas, anuncia o seu fío condutor, un personaxe feminino cuxa vida é evocada ao longo da obra. Alicia é a protagonista dunha historia de amor, desamor, supervivencia e, en certa medida, de familia e de estirpe, como queda reflectido nunha significativa dedicatoria “á miña irmá Alba, / comigo no tobogán de raíces”.
O
Libro de Alicia comeza cunha fermosa descrición das mulleres do mar, “mulleres rubas, salgadas / que se entregan abertas á mañá / que pisan as raiolas acabadas de nacer / para logo colocalas con paixón perigosa / -alfinetes- / entre os peitos”. Semellante estampa anticipa, alén do protagonismo feminino do libro, a creación de imaxes, por veces brillantes. O colectivo constitúe ademais un contrapunto da figura de Alicia, a quen “esta paisaxe non importaba moito”.
O motivo do amor, moi presente nos primeiros poemas, é abordado con sutileza mediante procedementos de simbolización que afastan o texto da referencia explícita (“linguas de peixes infinitas abríronche o corpo”), e que a miúdo son construídos a partir de trazos da paisaxe: “zugar do peito das montañas”, “amar peixes cegos”. A medida que adiantamos na lectura, a historia vai incorporando novos elementos, como son a maternidade e, sobre todo, a partida do seu amor, que converte a protagonista nun personaxe rosaliano condenado a
tecer soia a súa tea ao tempo que asume “o traballo dun home” e agarda “o resplandor das cartas que están por chegar”.
Ademais de protagonizar unha historia, o personaxe de Alicia constitúe un testemuño dun xeito de vida desaparecido (as zocas, alindar as vacas) que nos transporta a un tempo pasado e por veces idealizado. Por outra banda, representa tamén a memoria dun coñecemento ancestral e dunha cultura popular da que ela é transmisora: “tu sabes de memoria os versos que riman, / os que adormecen, / e debullas romances sobre a nosa fronte / coma se pelares mandarinas.” Tal sabedoría engrandece un personaxe entrañábel que
cun quinqué alumea os soños da familia e que acada, en ocasións, unha dimensión verdadeiramente mítica:
“o armario [de Alicia] é de aire
e por entrar nel os paxaros quebran as patas
e só ela é capaz de sandalos.”
Libro de Alicia exhibe unha linguaxe coidada e esixente nas escollas léxicas, que non renuncian nalgunha ocasión á dialectoloxía. O discurso poético é ademais rico en imaxes e alegorías, actitude que afasta o poemario de excesos costumistas aos que o tema podería conducir.
A terceira obra de Olalla Cociña mostra unha interesante evolución na súa poesía. Espremendo a materia da memoria, a autora inicia un descenso polo “tobogán de raíces que se perden / no fondo baixo a terra” para debuxar, con cicatrices da vida e do paso do tempo, a amorosa figura de Alicia.