Entre 1899 e 1960, cerca de 400.000 galegos escolleron Cuba como o seu destino migratorio. Ali naceu e desenvolveuse a identidade galega no contexto da comunidade emigrada. Este traballo achega numerosa documentación da época acompañada de cento cincuenta e catro historias de vida dos emigrantes galegos que aínda viven na illa e que constitúen o legado do que foi unha das diásporas máis importantes acaecidas en Galicia ao longo do pasado século.
19 / 1 / 2009
Gustavo Hervella García. Santiago
Galicia non se entende sen a emigración, e moito menos sen Cuba. En todas as aldeas era común a presenza dun indiano que chegara con diñeiro para mercar as leiras, con ideas novas que case sempre facían de parapeto ante a tradición e o escurantismo da igrexa, e cunhas costumes “modernas” para a época: os cuartos de baño, o sombreiro de jipi-japa, as leontinas... Todo isto debémosllo á emigración cubana. Como moi ben reflicte Vidal Rodríguez, antes que en Bos Aires, Galicia nacera en Cuba. Até os sinais de identidade propios viron a luz na Habana: o himno, a Real Academia ou as mobilizacións antiforais. Os máis insignes galeguistas, precursores do movemento nacionalista tamén formaran parte do colectivo galego; de todos é coñecida a estancia de Curros Enríquez ou Ramón Cabanillas na illa; o edificio do Centro Galego aínda hoxe amosa a súa impronta na cidade.
O traballo de José Antonio Vidal analiza a emigración galega en Cuba desde os anos anteriores á independencia até 1968, data das últimas nacionalizacións levadas a cabo polo réxime castrista. Faino tras un copioso traballo de pescuda na documentación da época acompañado de testemuños —cento cincuenta e catro historias de vida—, dos emigrantes galegos que aínda viven na illa e que, xa anciáns, constitúen o legado do que foi unha das diásporas máis importantes acaecidas en Galicia ao longo do pasado século. O libro conta, ademais, cunha importante colaboración gráfica procedente do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega: carteis, carnés, fotografías e reproducións xornalísticas, que amais de facer máis amena a lectura, indícannos a importancia da presenza galega nas diferentes cidades cubanas.
A etapa da emigración masiva
No primeiro capítulo analízase a emigración dos galegos á illa; da saída desde os portos até a chegada á Habana, pasando pola cuarentena do campamento de Triscornia, onde agardaban os emigrantes até que alguén os reclamaba e onde tamén se lle facían revisións médicas e se ían acostumando ao clima antillano. O tratamento que recibían os recén chegados era nefasto, e moitos dos galegos xa asentados na illa acusaban aos norteamericanos de pretender “exterminar de Cuba la raza latina”. Aquí eran seleccionados, como si de gando se tratase: “Durante os anos de grandes zafras, os axentes dos centrais azucreiros visitaban a estación de Triscornia na procura dos inmigrantes máis fortes e sans, desprezando os de aspecto máis débil” (p. 84).
Tras este proceso, o emigrante comezaba a traballar, case sempre no establecemento dun compatriota e case inmediatamente se facía socio dunha agrupación étnica: A Beneficencia, o Centro Galego ou a da súa parroquia. A este respecto chama a atención nesta investigación da situación da muller emigrante, carente de calquera comodidade que, pola contra, si tiñan os homes. Elas non podían ser socias de ningunha asociación nin tiñan dereito á asistencia médica. Vidal Rodríguez analiza a situación da muller mediante as publicacións da época e as entrevistas ás emigrantes que, con máis de noventa anos, lembran os problemas aos que se enfrontaron naquel momento. Non será até 1917 coa creación de Hijas de Galicia cando a muller galega teña unha mínima protección na Habana. Cabe destacar aquí a figura de Mercedes Vieito, feminista e defensora en diferentes xornais da condición da muller, que, sen embargo, non verá a unha femia nunha directiva até os anos corenta, “... xusto logo de ser recoñecidos pola constitución democrática de 1940 os plenos dereitos das cidadás cubanas” (p. 209).
Con todo, o momento da chegada dos emigrantes á capital cubana supuxo un impacto tremendo para unhas persoas que poucas veces saíran da súa aldea: unha cidade con grandes avenidas, xente de cor negra nunca antes vista e costumes e comidas exóticas ás que agora se tiñan que acostumar.
A inserción laboral dos emigrantes era, como xa expuxemos, o emprego nas “bodegas” doutros galegos. Non abundaron na zafra como outras colectividades, aínda que isto non significa que non estiveran presentes nela. A maioría estableceuse nas cidades, nomeadamente na Habana, o que supuxo unhas consecuencias específicas cando triunfou a revolución en 1959, como ben reflicte o estudo.
A emigración descendeu notablemente trala crise de 1929, e sobre todo coa lexislación nacionalista de 1933. É neste intre cando moitos dos emigrantes regresan, importando novas ideas de progreso ao agro galego. Certamente, é significativo que moitos dos asasinados polos golpistas de 1936 foran emigrantes en Cuba, de onde trouxeran cartos, costumes —entre eles o da masonería— e prestixio social. A oposición dos curas ás escolas laicas que se fundaban cos cartos da emigración en Galicia xa desde os anos dez, xunto aos aires emancipadores dos que eran portadores os emigrantes retornados, fixeron que se convertesen en moitos lugares nos primeiros mortos da represión franquista.
A integración na sociedade de acollida
Aínda que os galegos mantiñan estreitos lazos de relación étnica, isto non impediu que, co tempo e a partires da lexislación dos anos trinta, se fosen incorporando paulatinamente á sociedade cubana. Algo xa se apreciaba nos banquetes organizados polas sociedades parroquiais: ao carón dos produtos galegos, nas comidas non faltaban os cubanos ou como a medida que ía crecendo o prestixio social do emigrante era admitido cada vez con menos reparos nas asociacións crioulas. Isto tamén é apreciable coa presenza dos galegos no movemento obreiro cubano e, desde 1956, nos acontecementos revolucionarios que levan a Fidel Castro ao poder, como afirma Vidal Rodríguez: “Foron numerosos os galegos que dirixiron os movementos sindicais cubanos máis destacados desde a independencia da illa, tanto os de carácter anarquista como os comunistas. Tampouco non foron poucos os sindicalistas galegos que militaron no movemento guerrilleiro que desembocou na revolución de 1959” (p. 267). Polo xeral, os comerciantes galegos apoiaron a revolución, aínda que coas medidas de nacionalización que desde 1961 adoptou o goberno, foron tamén moitos os que se desencantaron.
Como ocorre en calquera proceso migratorio, para unha parte da sociedade receptora é un problema a non integración total dos recén chegados. Estes o que buscan é gañar o máximo de cartos posibles para volver aos seus lugares de orixe (é o que fixeron os españois en América ou Europa ao longo do século XX). Para os políticos dos países de orixe, que existan sociedades étnicas é moi positivo, xa que así se mantén o espírito “nacional” (no franquismo isto mantívose por parte de igrexa que era subvencionada para realizar actos relixiosos en Francia ou Alemaña), non así para os dos estados receptores, e isto tamén se aprecia na Cuba do momento.
Con este traballo, non so entendemos o proceso migratorio dos galegos cara á Cuba, tamén extrapolamos esta experiencia á actualidade e, deste xeito, entendemos a situación dos que chegan ás costas españolas buscando mellorar as súas condicións. Igual que fai 100 anos, entran nunha situación de ilegalidade, uns son internados en espazos “especiais”, outros son deportados. Os que conseguen atopar traballo fano en condicións infrahumanas e, por riba, criticamos as súas costumes ou que creen nas cidades barrios étnicos. Mirar ao pasado debe axudar a comprender o presente e, sobre todo, a non repetir os erros. Na actualidade tratamos aos emigrantes como os americanos trataron aos galegos fai un século. Reflexionemos.