Carlos Taibo ofrece un valioso material desde o que repensar moitas das discusións que se interesan pola cuestión nacional e a súa relación coa globalización, coa esquerda e o Estado a principios do século XXI. O fío condutor é a explicación do fenómeno nacionalista en diferentes latitudes que teñen en común un fito: a poboación que habita eses territorios, en maior ou menor medida, atende a diversos postulados nacionalistas.
17 / 11 / 2008
Gustavo Hervella.Santiago
O especialista nos estudos sobre nacionalismo, Carlos Taibo, preséntanos unha recompilación de ensaios sobre esta temática desde diferentes prismas, tanto conceptualmente como a relación existente entre os nacionalismos con e sen estado. O estudo está prorrogado por Xosé Manuel Beiras, líder carismático e histórico do nacionalismo galego, hoxe un tanto esquecido pola clase política do país.
O autor reflexiona no texto sobre o liberalismo, os “neocon” ou a globalización, e como estas ideas inflúen no nacionalismo galego máis actual e, conseguintemente, na realidade de Galicia. Conceptos como autodeterminación, etnicidade, nación, estado, cultura ou plurilingüísmo son analizados en clave galega na primeira parte dos ensaios. Así, o libro pódese dividir en tres seccións: A primeira máis teórica, onde se amosan conceptos e ideas comúns ao pensamento actual, a segunda reflexiona ao redor de Galicia e do galego e a súa relación co nacionalismo español, e a terceira leva os exemplos á Europa Central e Oriental, espazo no que Taibo centrou boa parte dos seus estudos. O fío condutor de todo o libro é a explicación do fenómeno nacionalista en diferentes latitudes que, sen embargo, teñen en común un fito: a poboación que habita eses territorios, en maior ou menor medida, atende a diversos postulados nacionalistas.
A destrución de mitos, como o do Estado, o de diferenciar a cidadáns de primeira e segunda (apreciable á hora de analizar o nacionalismo dalgunha das ex repúblicas soviéticas), o fracaso do “nacionalismo soviético” ou a demonización duns nacionalismos por “malos” e a entronización doutros por “bos”, son algunhas das acertadas reflexións que o profesor Taibo nos amosa neste traballo:
“Outra cuestión relevante é, por mencionar un debate afín, a que se deriva dunha afirmación incontestábel: nacións e nacionalismos son creacións artificiais” (p. 40). Así, os nacionalismos sen estado son clasificados polas elites dominantes como invencións namentres que os que defenden a nación-estado na maioría dos casos, non son nin clasificados de nacionalismos:
“...o discurso dominante nas nosas sociedades mostra unha xeral vontade de demonización dos nacionalismos responsivos e de paralela lexitimación de poderes estatais que agochan o vigor doutros nacionalismos que, silenciosos, están comodamente instalados nos seus privilexios” (p. 23), como tamén se aprecia no capítulo cuarto (p. 67-120).
No que respecta ao discurso ao redor de termos como “capitalismo” ou “globalización”, é de salientar a inclusión de Galicia no mundo occidental e, como baixo o que cualifica do engano da capacidade democrática e igualitaria da globalización agóchanse
“ xigantescas corporacións económico-financieiras que operan na escuridade as que determinan nos feitos, a maioría das políticas postuladas polos gobernantes” (p. 50).
Nacionalismo español, nacionalismo de Estado
O nacionalismo español é transversal, compartido por diferentes e enfrontadas ideoloxías políticas: socialismo, comunismo, fascismo, falanxismo, conservadores, liberais; por diferentes sistemas: república ou monarquía ou por diferentes crenzas: católicos, evanxélicos.... Todos os grupos comparten a defensa e existencia da nación española intemporal e indiscutible. O que cambia entre eles é como se afronta isto e que significado ten. Na guerra civil os bandos enfrontados defendían a España, á súa España (X. M. Núñez Seixas,
“¡Fuera el invasor! Nacionalismos y movilización bélica durante la guerra civil española (1936-1939)”, 2006), incluso partindo dos mesmos mitos e feitos e, polo tanto, quitando a condición de español ao inimigo. Así mesmo, nas recentes homenaxes aos represaliados na illa-cárcere do Lazareto (Redondela) por parte da actual Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, os vellos militantes portaban a bandeira da II República: a súa nación. Este nacionalismo de cariz progresista foi deslexitimado polo triunfo de Franco e a posterior ditadura.
O nacionalismo español, como ben sinala Taibo, está cargado de “arroutos esencialistas”, tanto o de carácter máis progresista como o máis conservador. Certamente, é propio de todos os nacionalismos, que dun xeito maior ou menor se ven inmersos nesta nebulosa; lembremos que ao carón dun Cánovas está un Murguía ou un Prat de la Riba. Trátase da “invención da tradición” sobre a que reflexionaron Hobsbawm e Ranger a principios dos noventa. Aínda así, é evidente unha diferenza substancial entre nacionalismos: O nacionalismo de estado é presentado á opinión pública como bo, lóxico e democrático, namentres que o chamado “periférico” é amosado como tribal, premoderno e violento. A diferenza estriba en quen domina os medios coercitivos: prensa, exército, escola..., como sinala o propio Taibo “... cando un discurso nacionalista se converte no que aquí entendemos que é un “nacionalismo de Estado” os seus defensores abrazan interesadamente a tese de que o seu non é nacionalismo senón respectabilísimo, tolerante e plural patriotismo”. (p. 99). Que persoeiros como Fraga Iribarne ou Mayor Oreja definan aos nacionalismo periféricos como “totalitarios” ou “fascistas” non pode producir máis que un rubor vergoñento, tendo en conta o seu pasado e presente político como defensores dun réxime asasino como foi o franquista.
O nacionalismo na Europa centro-oriental
Os dous últimos capítulos céntranse no estudo do fenómeno nacionalista na antiga URSS e nos países do Pacto de Varsovia. O falso federalismo soviético, así como o nulo proceso de construción de cidadáns soviéticos énos amosado dun xeito ameno e comprensible (algo de agradecer tendo en conta as latitudes ás que se refire o autor). Podemos chegar a explicar o porque da violencia nesta parte de Euroasia a través dos intentos de rusificación promovidos por Stalin, os repartos aleatorios de territorios sen ter en conta á poboación, ou as asperezas que xorden entre cidadáns de determinadas repúblicas segundo teñan máis ou menos dereitos civís. Chega esta reflexión do autor para comprender o proceso de “construción nacional” desenvolvido nestes territorios: “... tense primado a representación da “nación” sobre a que corresponde a “sociedade” (p. 148). E isto é esencial, xa que como sostén o profesor húngaro e hoxe eurodiputado do Grupo Popular Europeo G. Schöpflin,
“un goberno que representa a sociedade acepta o pluralismo e o carácter multifacético daquela, así como as correntes contradictorias que son a norma nun sistema democrático”.