Con esta obra galardoada co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, a autora introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación. Un conflito extraído da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente que ten ante si un universo de interrogantes, dúbidas e adversidades que acontecen no seu contorno. A construción formal da narración ofrece unha intelixente estrutura e a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.
10 / 11 / 2008
Isabel Soto. Santiago
Co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Marilar Aleixandre suma un novo galardón á súa traxectoria.
A Cabeza de Medusa non é allea a elementos xa presentes na produción xuvenil da autora. Coma tal, a presentación dun conflito extraído do ámbito da realidade, enfocado dende a psicoloxía adolescente e que implica a asunción dun posicionamento; o deseño de protagonistas femininas intelixentes e con personalidade que loitan por superarse a si mesmas; ou a adscrición ao
metaxénero das “novelas de instituto”. Ademais, Aleixandre tira partido do seu bo coñecemento das
Metamorfoses de Ovidio, coas que dialogara activamente no poemario
Mudanzas, e introdúcese nun tema pouco ou nada tratado na LIX galega cal é a violación, que se instala no relato dende o seu contundente comezo, desvelando así o que vai acontecer e desprazando os intereses cara ás distintas repercusións da agresión sexual.
A narración, dende a terceira persoa, prioriza a ollada dunha das dúas rapazas agredidas, Sofía, que será a encargada de debullar o universo de interrogantes, dúbidas e pequenas e grandes adversidades que acontecen no instituto e no seu contorno familiar, en claro contraste co de Lupe, até nos conducir ao afianzamento da súa decisión e da súa personalidade coa axuda do amor que atopa en Rubén, o cal conforma un novo punto de partida que lle outorga á historia un doce desenlace.
Son moitos os aspectos que favorecen a identificación do lectorado xuvenil con este tipo de narracións que retratan realidades que lles resultan familiares e isto talvez influíu nos membros adolescentes do xurado do Premio, seducidos tamén –segundo as súas palabras– polo tema escollido, a fluidez da prosa e o desenvolvemento da trama. Neste sentido, e por máis que a narración participa de criterios “utilitarios” ao se situar no ámbito da literatura da que se pode tirar algunha reflexión construtiva, non é unha novela deseñada dende unha concepción simplista, algo atribuíble á habilidade da autora. Así o demostra, por exemplo, a súa coidada estrutura en tres partes, encabezadas por senllas referencias a obras artísticas arredor do mito de Medusa, que se utilizan para actualizar a lenda e instalala no discurso como metáfora das interpretacións negativas que rodean a feminidade. Ao tempo, cómpre reparar na narración paralela que instauran os paratextos, pois as citas que encabezan cada un dos capítulos propoñen un interesante percorrido polas mulleres forzadas e a abordaxe do tema dende diferentes perspectivas. Ademais, a narración compleméntase coa introdución de elementos informativos, fundamentais para o desenvolvemento e os verdadeiros intereses da historia, que inciden na violación social que sucede á física, cun amplo retrato das diferentes presións ás que están sometidas as rapazas, obrigadas a mastigar o acontecido e a superar un complicado camiño de obstáculos.
Pode sorprender, nuns tempos de precoces experiencias sexuais e amorosas, o feito de que Sofía, con dezaoito anos, agarde aínda a chegada do seu primeiro bico, ou mesmo a reacción tras a terrible experiencia –que até Sofía cualifica como de “moito sangue frío” (p.56). Mais o que resulta ben máis estraño é o personaxe do médico que as atende, que ademais de reparar na fermosura de Lupe durante a exploración e chegar a ter unha cita con ela, a propósito da ameaza dunha doenza venérea, relaciona tal feito coa pertenza ou non a unha clase social dos violadores: “Talvez menos probábel neste caso, se era un rapaz de clase media, dono dun coche, que se se tratar dunha persoa marxinal” (p.69). En todo caso, estamos perante unha novela que será ben acollida polos seus potenciais destinatarios, pois parte dun escenario recoñecible e detalladamente recreado e introduce trazos do imaxinario dos adolescentes actuais.