Nun equilibrio entre verdade real e verdade fantástica Sérgio Klein crea unha ficción con capacidade de rachar esterotipos e cuxa lectura desprende diversión. Dous alicerces fundamentais dunha obra, a primeira dunha saga, que ven de triunfar entre os lectores do Brasil e que ten moito potencial para conseguilo tamén aquí.
3 / 11 / 2008
Montse Pena Presas. Santiago
Uns singulares versos do escritor brasileiro Carlos Drummond de Andrade: “E se Deus é zurdo / e creou o mundo coa man esquerda?”, abren a lectura de
Poderosa. Diario dunha rapaza que tiña o mundo na man de Sérgio Klein. Cando se len, expándese o incerto horizonte de expectativas que esta novela xuvenil ofrece a priori, que vén delimitado polo seu autor, totalmente descoñecido en Galicia, e polo resumo da contracapa, que semella falar dunha obra de tantas destinada ao público adolescente. Porén, ao rematar a lectura, enténdese todo: hai elementos fundamentais desta
Poderosa que son imposibles de condensar nunhas poucas liñas; a eles só se accede mergullándose con profundidade na aventura das súas palabras, tras as que sempre aparece o perfil dun sorriso (irónico ou tenro, o resultado é sempre igualmente fresco) e a arela de querer seguir lendo e lendo.
Joana Dalva é unha adolescente de 13 anos moi peculiar. Cunha nai que é profesora universitaria de historia e que lle puxo ese nome por ser especialista en Xoana de Arco, a protagonista desta novela sáese do esperable para unha moza da súa idade. Teimando e teimando en ser unha escritora de éxito, as historias que Joana conta no seu diario (que é a materia narrativa que conforma esta novela) céntranse nos membros da súa familia (o seu pai dentista, moi despistado; Xandi, o seu irmán máis novo, como todos os pequenos da casa; e a súa avoa enferma, Nina, a quen adora) e nos compañeiros e compañeiras da escola (Leninha, a súa mellor amiga; Guto, o seu amor platónico; Júnior, o grande amigo; e Danyelle, a súa antagonista). Mais o que en principio semellaba unha clásica novela realista de protagonista adolescente, tórnase nunha sorprendente ficción con compoñentes fantásticas e con grandes doses dun humor fino, irónico e engaiolante que gaña ao lectorado con facilidade. Grazas ás dotes adivinatorias da súa peculiar peiteadora, Joana vai descubrir que cando escribe os seus desexos estes fanse realidade. Pouco e pouco, a historia “real” de Xoana de Arco mudará para converterse na que ela escribe; os seus pais quereranse máis ca nunca ata límites certamente perigosos; a súa avoa curará e quedará convertida nunha moza da súa mesma idade e así con todo o que ela arela, dende miudezas ata cousas certamente grandiosas. Pese a isto, co decorrer do tempo, a protagonista descubrirá que tras as transformacións que ela pensaba mellores hai tamén moitas sombras, algunhas cun aquel divertido e outras cun aquel un chisco máis agre.
Sérgio Klein constrúe unha ficción que conta con dous alicerces fundamentais: a diversión que desprende, que a converte nunha obra con moito potencial para gañar numerosas lectoras e lectores; e a súa capacidade para rachar con todo tipo de estereotipos: a independencia e as ganas de loitar polos soños de Joana, fronte ao estado acomodaticio da súa nai (a pesar de contar cunha posición privilexiada) e en contraposición á vitalidade e á intelixencia dunha avoa intuitiva e intelixente como poucas. Mais como pano de fondo, existe unha compoñente fundamental: a verosimilitude, pois Klein consegue afondar, con habilidade, no universo interior dunha moza adolescente, sen que isto o incapacite para empregar, tamén con soltura, a fantasía. Nese equilibrio entre verdade real e verdade fantástica escora a historia de Joana.
Non por casualidade, un paseo pola rede infórmanos que
Poderosa mantívose varios meses entre os libros máis lidos do Brasil, que foi unha das obras finalistas do Premio Jabuti 2006 (un dos máis prestixiosos no mundo das letras brasileiras, que conta xa case con 50 anos de historia) e que as aventuras de Joana Dalva son xa unha serie que chega, polo momento, ata
Poderosa 4, acabada de saír do prelo neste mesmo mes de outubro.
O único que impide gozar un chisco da obra é a tradución, que se fai cargante e pouco lixeira por momentos. O texto orixinal pódese observar que ten unha chea de léxico propio do Brasil con dificultosa tradución para o galego, o que provoca que a tradutora, Mercedes Pacheco, salfira a súa versión de varias “notas da tradutora” que cargan o resultado final. Alén disto, Pacheco complícase á hora de resolver determinadas cuestións: hai varias expresións que son brasileiras, e que non é quen de modificar, e, ao contrario, hai elementos que si muda do portugués do Brasil e que se poderían manter en galego. Neste sentido, Xosé Manuel Eyré ofrece no seu blog unha comparativa da versión portuguesa e da galega moi aclaratoria
“E se Deus fose unha muller?”, preguntábase o poeta arxentino Juan Gelman sementando unha dúbida que quizais resoase na memoria lectora de Klein. A resposta está aquí, en
Poderosa, unha das mellores novelas xuvenís dos últimos tempos.