Se reparamos en que quizais sexa o Premio Xerais o principal axente de canonización inmediata do noso sistema, e sen dúbida unhas das novas literarias máis atendidas podemos comezar por dicir que a volta do xornalista Xavier López Rodríguez á narrativa mereceu a designación como finalista do devandito galardón no 2003.
19 / 1 / 2004
Ana Salgado. SantiagoCo rotundo título de "Destrucción" iníciase unha novela que nos mergulla de maneira brutal nun tema de actualidade, mediática e non só, o dos malos tratos. E é que desde que aínda non hai unha década alguén descubriu a súa rendibilidade informativa non hai día en que, desde un achegamento por veces non exento de morbo, non nos chegue algunha noticia sobre esta cuestión.
Temos nesta novela a presenza de personaxes e espazos de obras anteriores que este autor escribiu para un público xuvenil, como "Brumoso" (Xerais, 1998) ou a máis recente "Amigo medo" (A Nosa Terra, 2002); así, por exemplo, os lugares de Lubicán e Brumoso e a protagonista Felisa, e semella compartir tamén coa súa obra anterior a declarada preocupación pola desaparición do mundo rural e da sociedade tradicional. Hai en "Destrucción" moita lingua e moita cultura tradicional arraiana e un coñecemento profundo dos xeitos de vida dunha zona, que identificamos como lindeira con Zamora e con Portugal, de indubidábel interese antropolóxico, mais resulta difícil, tal como se nos mostra, non desexar que ese mundo a punto de esborrallarse desapareza de vez se isto significa que leva consigo a crueldade, a sordidez e o miserabilismo que comporta, o cal non deixa de ser un interesante paradoxo se temos en conta a intención autorial.
Por veces temos a sensación lendo a obra de estarmos inmersos, a pesar da moita distancia estética, na outra cara da moeda da “aldea rusa” do Anxo Angueira de "Pensa nao" e de "O valo de Manselle", esoutro espazo rural, neste caso dunha certa utopía comunal, que foxe conscientemente dun neo-ruralismo costumista que afonde máis na identificación entre lingua, cultura tradicional, atraso e demais tópicos.
Móstrasenos daquela en Destrucción un mundo desaparecendo, igual que desapareceu a súa protagonista e única voz narrativa deste monodiálogo/monólogo durante os moitos anos compartidos co seu home en que viviu absolutamente anulada por ese antagonista que agora só pode escoitala e que durante todo ese tempo a mantivo completamente illada do mundo, ata o punto de facerlle esquecer a capacidade da linguaxe, cunha actitude en que se transparenta unha inseguridade enfermiza, á parte doutros trazos dun maltratador que recorre sistematicamente á violencia psicolóxica (extraordinariamente á física, cumprindo, parece, unha máxima operante na patriarcal sociedade tradicional que mantén que “a unha muller non se lle bate”) como medio de dominación. E na vinganza de Felisa vemos a pouca distancia que pode separar a víctima e verdugo en situación límite, o preto que están os diferentes graos de maldade ou mesmo a loucura e a lucidez extrema.
E ten "Destrucción" un ritmo fluído e unha boa dosificación da intriga, que mantén a tensión ata un final non por anunciado menos brutal, malia que atopemos tamén no seu universo narrativo e psicolóxico un certo reducionismo, quizais condicionado polo punto de vista único nunha cuestión á que nos achegamos xa con algunhas visión máis profundas e complexas, máis completas en definitiva.