Montero Ríos foi un dos políticos que se mantivo nos círculos do poder durante médio século, unha das personalidades máis destacadas da historia contemporánea de España. Marga Barral reflexiona sobre súa pegada na Compostela que o viu nacer e crecer politicamente e como, cando ocupou os cargos máis importantes do goberno do estado, sempre se preocupou de manter fidelidades e redes clientelares na cidade e a súa bisbarra.
26 / 5 / 2008
Gustavo Hervella. Santiago
A construción do estado-nación no século XIX pasa por diferentes fases. Delas, a máis destacada e importante foi, quizais, a que se inicia coa volta á monarquía borbónica, encarnada na persoa de Alfonso XII. Xunto a el, políticos da talla de Cánovas, Sagasta, Silvela, Dato e, fundamentalmente, Eugenio Montero Ríos tiveron moito que ver na consolidación do estado liberal español. En todo este proceso, hai unha importante presenza de galegos, desde o propio Montero até o conservador Bugallal e, con eles, González Besada, o Marqués de Riestra ou o ferrolán José Canalejas. “Montero Ríos e Compostela. Un feudo clientelar” é un traballo que debemos engadir aos xa existentes sobre esta época da historia de España. A súa autora, Marga Barral, é unha das maiores especialistas na figura do político compostelán; a edición dos seus discursos parlamentarios e unha tese doutoral así o confirman.
Nesta publicación reflexiona sobre a pegada de Montero Ríos na Compostela que o viu nacer e crecer politicamente e, cando ocupou os cargos máis importantes do goberno do estado, sempre se preocupou de manter fidelidades e redes clientelares na cidade e a súa bisbarra. O Pazo de Lourizán en Pontevedra foi, durante anos, un dos centros da política española, ao igual que décadas despois e por motivos ben diferentes foino o de Meirás.
O Colexio de Cegos e Xordomudos, as facultades de Medicina e Veterinaria, o ferrocarril, a Escola de Artes e Oficios, o edificio central da Universidade, a Exposición Regional Gallega ou diversas obras públicas foron algúns dos favores que aínda hoxe se poden ver en Compostela e que tiveron en Montero Ríos o seu principal valedor. Con eles, favores privados, relacionados co crecemento de moitos políticos e empresarios locais que atopaban boa acollida nas longas xornadas estivais de Lourizán. A importancia do “monterismo” foi tal que, nunha cidade eclesiástica e conservadora como Santiago, a presenza de políticos liberais era habitual ao longo dos anos, por riba do “turnismo” e da presenza do bispado; como ben sinala a autora, “o cacique que en Santiago rematou por ser sinónimo de monterismo” (p. 323).
O libro analiza os procesos electorais, a presenza de fieis a Montero Ríos no goberno da universidade, no concello, na Sociedad de Amigos del País, no instituto..., e todo dun xeito minucioso e profesional, botando man das fontes existentes para iso: prensa, actas e discursos parlamentarios —lembremos que o arquivo persoal da familia desapareceu trala morte do prócer—.
Certamente, a etapa que cronoloxicamente se estende desde 1876 até 1923 e que se coñece como I Restauración, non pasou á historia por ser un elenco de virtudes democráticas, pero si que se converteu no período no que se levou a cabo a construción da conciencia de cidadáns por parte da poboación española. É cando se dan os pasos máis fortes na construción do estado–nación, coa posta en vigor dunha constitución á moda europea, onde o sufraxio é universal —masculino— e onde se aproban leis civís como a do matrimonio ou o código penal, que son fundamentais á hora de establecer dereitos e deberes nos cidadáns. Certamente, a democracia non era pura, os fraudes e cacicadas estaban á orde do día. Sen embargo, as eleccións, tanto nas xerais como nas locais saían electos candidatos antisistema —republicanos ou socialistas— que convivían perfectamente cos políticos restauracionistas —liberais e conservadores—. A concienciación dos votantes como cidadáns era cada vez maior. Foron moitos os que criticaron o xeito de facer política destes anos, a figura de Montero Ríos foi quizás unha das máis vilipendiadas, e de seguro que non faltaban razóns de peso nestas críticas; a lectura deste traballo de Marga Barral dispersa todas as dúbidas. Non obstante, entre a xente callou o concepto de liberdade, de que se podía cambiar a realidade na que vivían a través do exercicio da vontade popular. De aí que, por unha parte, os vellos caciques non se adaptasen aos novos tempos e que, o asociacionismo, o movemento obreiro, as folgas ou as protestas públicas contra o réxime fosen cada vez máis importantes (o exemplo da problemática da localización da estatua de Montero Ríos en Compostela é bo exemplo, chegando incluso a solicitar que se anulase a súa erección). Nos anos dez, os partidos do “turno” non eran quen de presentarse sós ás eleccións e gañalas, tendo que pactar baixo candidaturas como Candidatura del Orden ou Coalición Monárquica. Todo isto, que evidentemente non se debe extrapolar a todo o territorio galego, crea conciencia de cidadáns entre os electores. Así, ao carón de profesores de instituto e da universidade aparecen obreiros manuais como José Pasín, líder esquerdista que pasará en diversas ocasións polo cárcere e que verá como tras o golpe de estado de 1936 os falanxistas asasinarán a dous dos seus fillos.
Todo isto indica que a sociedade non estaba morta, máis ben ao contrario, estaba crecendo e converténdose en cidadanía coas connotacións modernas que este termo ten, equiparable a calquera país europeo do momento. A culminación disto foi a II República, onde o estalido de liberdade foi total: isto non saíu da nada, as bases e o caldo de cultivo estaban presentes e proviñan dos anos da restauración. Co golpe de estado franquista non só se destrúe a experiencia republicana, tamén a de anos atrás, a que pretendeu construír cidadáns libres desde comezos do século XX; en definitiva, foi unha volta ás catacumbas máis escuras e antiliberais, anteriores á Gloriosa de 1868.
Eugenio Montero Ríos morre en Madrid o 13 de maio de 1914 e, tras unhas exequias modestas por petición propia, foi soterrado en Lourizán, coa presenza das máis importantes figuras políticas do momento. Remataba a vida dunha das personalidades máis destacadas da historia contemporánea de España e, ao tempo, das máis descoñecidas hoxe en día. Para a autora deste estudio, “Montero foi unha persoa verdadeiramente oportunista, cunha grande capacidade de aproveitar cara a si toda situación que reforzara o seu liderado político. A súa ambición de mando deixábase notar, xunto coa súa concepción personalista da política, aspectos que o converteran nun dirixente lonxevo na etapa da Restauración” (p. 310).
Foi este período cando a concienciación política da cidadanía se puxo á orde do día, tanto para aproveitarse da situación creada polas tramas corruptas de poder como para tentar cambiar a situación, sempre apelando á democracia, máis ou menos pura que naqueles anos comezaba a agromar en España. Non foi a ditadura de Primo de Rivera quen de destruír isto, nin o golpe de estado de 1936 (aínda que máis sanguinario e brutal que aquela) e, tras 35 anos de réxime personalista e caciquil, en 1977 os cidadáns non se esqueceran das urnas.