A escolma poética de Celso Emilio Ferreiro reúne os versos máis senlleiros publicados en “Longa Noite de Pedra”, “Viaxe ao país dos ananos” e “Onde o mundo se chama Celanova”. Cada un deles pertence a unha época da súa vida e xuntos trazan unha circunferencia entre a Celanova de 1912, onde naceu o poeta, e a de 1979, onde é enterrado. Contando ademais coas ilustracións de Baldo Ramos, que van moito máis alá do mero acompañamento dos textos, a Escolma é un fermoso produto do que pode gozar quen desexe ler ou reler a poesía dun dos autores centrais do século XX e estabelecer os termos da relación entre texto e imaxe que o libro propón.
19 / 5 / 2008
María Xesús Nogueira. Lugo
A editorial Faktoría K de Libros sorprendeu recentemente coa creación dunha orixinal colección de poesía, Trece Lúas, inaugurada con dúas escolmas, de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro. A singularidade do proxecto radica tanto na escolla dos autores, ambos os dous clásicos, como nas características da colección, concibida como un diálogo entre os 13 textos escolmados e outras tantas ilustracións que constitúen “a lectura que o artista plástico fixo das palabras do poeta, para deleite dos nosos ollos e da nosa mirada máis persoal”. O resultado son dous volumes extraordinariamente coidados, como adoitan ser os deste selo editorial, con ilustracións a toda páxina feitas ex profeso e, nalgúns casos, con formato despregábel. Tales características, xunto coa centralidade dos escritores até agora editados, garanten o atractivo da colección.
Os autores encargados da "Escolma poética de Celso Emilio" non son alleos, aínda que por diferentes razóns, ao universo do poeta. O responsábel da escolma, Ramón Nicolás, é un dos mellores coñecedores da súa obra, estudoso e editor da "Poesía galega completa", feitos que avalan a escolla. No que se refire ao autor das imaxes, Baldo Ramos, a relación co escritor de "Longa noite de pedra" é dobre, xa que vén dada pola súa condición de poeta e polo feito de ter nacido, igual que o autor escolmado, na vila de Celanova. Por outra banda, o artista ten explorado abondo os diálogos entre texto e imaxe nos seus poemarios e cadernos de artista, nos que a miúdo combina poesía, caligrafía e ilustración. Nesta ocasión tampouco limita o seu papel á simple función de ilustrador, senón que elabora un poema-collage a partir dos versos de Celso Emilio e apela ao lector para implicalo na aventura literaria proposta na escolma:
Un poema é como unha vida. Nace para ser compartido e escríbese coma quen non quere a cousa. É o que ten ser poeta aínda que non o saibamos.
Eu escribín o meu poema con anacos de vida, digo poesía, de Celso Emilio Ferreiro. Escollín de cada poema seu unha palabra, un verso, medio verso, palabra e media...
Trece poemas, trece versos e un verso final que engadirás ti como remate, lector poeta aínda que non o saibas, como o que resume unha viaxe en trece lúas que abren o camiño da lectura de toda unha vida; quero dicir, do poema de toda unha vida.
No relativo á escolla dos poemas, tarefa sen dúbida difícil, dadas as dimensións da obra de Celso Emilio Ferreiro, e inevitabelmente subxectiva, Ramón Nicolás decántase por composicións representativas das principais cordas poéticas do escritor: o verso intimista e introspectivo de raíz vivencial, a poesía de amor a Moraima e os recoñecidos textos de denuncia social e solidariedade. A disposición dos textos permite facer ademais unha lectura biográfica destes que, tal como explica Ramón Nicolás nunha nota final, “traza unha enorme circunferencia [...] entre Celanova, no ano 1912 cando nace, e de novo Celanova, onde é enterrado en 1979”. Tal percorrido ábrese cos versos “Nacín (modestia fóra) / nun lugar onde o mundo se chama Celanova” e péchase con “Quero morrer eiquí. Ser sementado / nesta miña bisbarra”. Entre as composicións referidas ao momentos inicial e final da vida do escritor sitúanse outras que fan referencia a outros episodios da súa vida, como a emigración (“Viaxeiro”), o amor (“Xaneiro 1972, II) ou as circunstancias do tempo que lle toucou vivir (“Digo Viet Nam e basta”). No volume inclúense ademais algunhas das composicións máis célebres do poeta, como “Longa noite de pedra”, “Monólogo do vello traballador” ou “Deitado frente ao mar”.
A Escolma poética de Celso Emilio Ferreiro é un fermoso produto do que pode gozar quen desexe ler ou reler, segundo o caso, a poesía dun dos autores centrais do século XX e estabelecer os termos da relación entre texto e imaxe que o libro propón.