Doce historias marcadas pola ironía, a poesía e a melancolía, que nos invitan a deixar que a nosa imaxinación, como un soño, camiñe no medio da escuridade como un personaxe máis nas mans dun marionetista. O arxentino Gabriel Castilla gañou con esta obra o I Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques 2003 organizado polo IGAEM.
14 / 4 / 2008
Andrea Álvarez. Viseu
“Unha representación de Guaira Castilla é unha hora de
pracer, desatino, risa e conmoción. Velo preparar o seu
traballo é unha lección de humildade, enxeño e poesía.”
O breve parágrafo co que César Brie define o quefacer de Gabriel Castilla e que, a modo de prólogo, abre o universo máxico de fragmentos de pracer adulto que é O Soñador, pareceume perfecto para vos dar unha idea do que ides atopar se ousades achegarvos ás páxinas deste pequeno volume de textos para monicreques. Eu, que aínda non tiven nunca a oportunidade de verlle unha posta en escena ao titiriteiro arxentino (un dos grandes), lendo este libreto escénico - antoloxía de contos -, tan plástico, tan sinxelo, son quen de imaxinar a poética que, nas súas mans, guiaría a materialización desta serie de doce pezas breves, doce pequenos submundos dunha beleza por veces cruel e dunha tenrura que o autor soubo aderezar coas doses xustas de humor negro.
“O soñador”, que en 2003 fora o I Premio Barriga Verde de Textos para Monicreques, é unha sorte de doce perversión habitada por personaxes de ultratumba, gondoleiros, músicos, prostitutas, cans, astronautas, por unha colección de seres sensíbeis que Guaira inventa para seren manipulados polos colegas de medio mundo. As pezas son presentacións, prólogos e epílogos, unha sucesión de gags, e algunhas foron escritas para recoñecidos grupos de teatro de monicreques. As dedicatorias a Cachirulo, La Gotera de Lazotea, La Mar de Marionetas ou Clavileño, entre outros, debuxan a bitácora de afectos que estimula a creatividade xenerosa dun mestre da técnica máis difícil, a da luva, e que leva xa trinta anos longos viaxando por Europa e América co seu teatro de títeres.
O IGAEM e Baía Edicións coeditan a Colección Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques, que naceu o pasado ano coa publicación dos seus tres primeiros números: este “O soñador” de Gabriel Castilla, “Misterio en Guernica”, de Xosé Manuel Fernández Castro, e “O afundimento do Tiránic”, de Breogán Riveiro. A iniciativa é pioneira e única en Galiza e ten como obxectivo fornecer de textos específicos en galego ao noso teatro de títeres.