Afonso Becerra recupera neste texto as fórmulas inaugurais do chamado Teatro do Absurdo. Dúas personaxes conversan para escorrentar o silencio, matando literalmente o tempo, sabéndose extremos condenados a se complementar no fluxo do eterno retorno. Principio e final, Alfa e Omega, traxedia e comedia.
25 / 2 / 2008
Andrea Álvarez. Santiago
“Crio-Xénese”, experiencia extática. Afonso Becerra de Becerreá publica en Laiovento esta traxicomedia dun só acto, un texto que recupera as fórmulas inaugurais do chamado Teatro do Absurdo e que ten como referente o Agardando a Godot de Beckett.
O autor sitúa a acción dramática nos extrarradios dun non-lugar branco, impávido de neve, escenario liminar de onde todo e nada parte, para dende alí dinamitar a gama cromática, neutralizar os instantes. O lector/espectador verase na obriga de se abstraer do tic-tac do reloxo para se situar no seu reverso e asistir á conversa deslabazada entre Alfa e Omega, dous seres sen forma predeterminada que habitan o punto exacto onde espazo e tempo implosionan. Ambos son personaxes de estirpe beckettiana pero desta volta marxinais no senso máis axustado do termo: eles son o primeiro e o último, principio e fin de tódalas cousas. E alí acontecen, na antesala do eterno big-bang, arrefriando a xénese, esquivando a apocalipse, sen máis canle física que a linguaxe.
Alfa e Omega non falan para se comunicar. Falan por falar porque é así que se crea e se recrea a materia da que todo está feito: nace ao ser pronunciada e desaparece cando a palabra esmorece no ar. A súa verborrea é a existencia, o poema que enche o OCO. As palabras son a materia que os une e os separa irremisiblemente, e o que digan non importa, só o movemento.. creación-destrución, vaivén infindo, violenta quietude. As dúas personaxes conversan para escorrentar o silencio, matando literalmente o tempo, sabéndose extremos condenados a se complementar no fluxo do eterno retorno.
Alfa e Omega son Didi e Gogo en radical alteridade. Na dinámica indefectible desta visión do intra-universo “xa é tarde para esperar a ninguén, e moito menos a Godot”, pero o certo é que as claves dramatúrxicas do texto de Afonso Becerra son as mesmas que funcionan na obra excelsa de Beckett, como se a volta a estruturas dramáticas baseadas na inacción, na problematización da comunicación humana ou nun complexo tratamento estético do tempo como pluralidade de ordes fose algo así como un imperativo para a construción da metáfora escénica dos actuais interrogantes existenciais.
Traxedia e comedia chocan nesta Crio-Xénese, ilustración agridoce da existencia humana na que as olladas críticas de Heidegger, Nietzsche e do mesmo Beckett reviven con inusitada actualidade.