A obra gañadora do Premio de Historia Medieval de Galicia no 2006 é unha ollada de múltiples enfoques sobre os primeiros signos de articulación do territorio cara ó proceso de xestación das cidades galegas. A interdisciplinariedade elixida esixe, segundo Xurxo M. Ayán, un mellor nivel formativo do demostrado no texto ao que ainda asi recoñece méritos como aproximación ao tema de estudo.
18 / 2 / 2008
Xurxo M. Ayán. Santiago
Dentro do labor de promoción do coñecemento histórico levado a cabo pola editorial noiesa Toxosoutos cómpre destaca-la convocatoria anual do Premio de Historia Medieval de Galicia e a consecuente publicación da/s obra/s galardoadas. Recensionamos hoxe a obra premiada en 2006, unha ollada de múltiples enfoques sobre os primeiros signos de articulación do territorio cara ó proceso de xestación das cidades galegas como se pode ler na contracapa do libro. Seica este carácter multidicisplinar foi o aspecto do volume máis valorado polo Xurado que destacaba así o feito de que unha historiadora da arte se achegase ao proceso histórico da conformación do urbanismo medieval galego. Por suposto, a interdisciplinariedade nos estudos históricos é algo desexable, pero cómpre advertir que para levar a cabo achegas deste estilo fai falla unha boa e actualizada formación no eido das disciplinas que se manexan para abrangue-lo obxecto de estudo elixido.
Caos historiográfico e especulación urbanística
A este respecto, o enfoque verquido no libro, sobre todo no capítulo I (Antecedentes, pp. 9-20) amosa unha perspectiva pouco actualizada do proceso urbano, empregando conceptos superados como os séculos escuros do período altomedieval, a idea decimonónica de Reconquista, a imaxe dunha Meseta Norte deserta, a consideración dun estado preurbano preexistente ou a falsa equiparación civilización = urbanismo = complexidade sociopolítica. Todos estes condicionantes levan a trazar unha síntese confusa, atropelada e telegráfica de procesos de longa duración que son simplificados empregando tópicos coma o da actividade colonizadora tipo reconquista. Esta visión, afastada dos últimos avances na investigación medievalista galega, espállase no seguinte capítulo (Elementos de articulación do espazo en Galiza) no que nos atopamos de novo con paragrafos inzados de ideas non fundamentadas, como a continuidade castro-parroquia. Así, por exemplo, na páxina 23 podemos ler: “Toda a poboación rural de Galiza comezara polas antigas villae dos romanos; que viñan a ser extensas granxas, poboadas de caseríos diversos, habitados xa por servos, xa por libertos, xa por inxenuos. Os donos e nalgún caso os mesmos poboadores, para tributar a Deus co culto e honra debidos, facían construír na granxa unha capela ou igrexa que servía de parroquia. He aquí a continuidade entre o castro e a parroquia, arredor da cal se organizan as aldeas.” Estes presupostos escasamente fundamentados acompáñanse da aplicación de modelos analíticos sobre entramados urbanos medievais (pp. 29-44) que, dunha banda, reproducen sen máis, mimeticamente, as aportacións de J. Passini, e doutra banda, se centran en poboacións viarias non galegas vencelladas ao camiño de Santiago.
Por unha Arqueoloxía da Arquitectura
O achegamento aos entramados urbanos medievais desenvolto no libro non se fai eco de máis dunha década de aportacións desenvoltas dende a Arqueoloxía da Arquitectura na Península Ibérica, que cambiaron totalmente o panorama sobre os cascos históricos das vilas e cidades de raigame medieval. A aplicación destas achegas podería aportar unha visión orixinal, novedosa e verdadeiramente interdisciplinar ao urbanismo medieval galego. Pola contra, o libro repite enfoques tópicos e sintetiza, acertadamente iso si, fenómenos coma a colonización cisterciense (pp. 51-70), a rede viaria medieval ou a xestación dos núcleos urbanos froito do apoio monárquico tomando como exemplo o caso pontevedrés (pp. 86-105), reproducindo a visión fornecida no seu día por X. Armas Castro e sen reflectir os avances da notable investigación arqueolóxica desenvolta no casco histórico desa capital nos últimos anos.
En definitiva, cremos que esta obra non acada materializar esa pretendida angueira interdisciplinar e queda nun intento meritorio (dende a Historia da Arte máis convencional) de aproximación ao fenómeno urbano medieval galego como proceso histórico. Finalmente, cómpre subliña-la baixa calidade da edición do volume, xa que presenta numerosas eivas formais que entorpecen a leitura, dende numerosas erratas por páxina, até unha redacción pouco traballada, pasando por unha mala tradución ao galego e rematando por un máis que mellorable aparato gráfico.