Na voz singular de Pilar Beiro é posíbel identificar algunhas pegadas da militancia poética nas Redes Escarlata, como é o signo político do seu verso, concibido a miúdo como unha intervención social. O libro insírese na nova colección de poesía Edoy Leliadoura que aspira a ser o reflexo das diversas constelacións poéticas que atravesan e iluminan a poesía galega actual.
7 / 1 / 2008
María Xesús Nogueira. Lugo
A aparición da colección de poesía Edoy Leliadoura, de Sotelo Blanco, foi sen dúbida unha das noticias editoriais máis relevantes dos últimos tempos. Continuadora de Leliadoura, que tan importante papel desenvolveu nos anos oitenta e noventa, o proxecto dá mostras, nesta primeira entrega, dunha extraordinaria calidade no deseño da colección, así como dunha pluralidade (tanto xeracional coma estética) nas primeiras escollas do catálogo.
Un dos seis libros con que se inaugura a empresa é o poemario Bingo, de Pilar Beiro (Canedo, 1948). A escritora, pertencente ao colectivo Redes Escarlata, publicou con anterioridade Hinterland (1999) e participou no volume colectivo “Xuro que non volverei pasar fame” (2003). A súa é unha voz singular na que é posíbel identificar algunhas pegadas da militancia poética nas Redes, como é o signo político do seu verso, concibido a miúdo como unha intervención social. Por outra banda, o discurso poético da autora reconstrúe de xeito crítico distintos planos da realidade, experimentando con diferentes códigos.
A combinación de discursos resulta evidente en Bingo, libro no que o lector-lectora se ve conducido por unha voz que, en ocasións confesa “escribir este poema nun código máis combativo, facendo / uso da parodia / para inutilizar algunhas interfaces de aprendizaxe”, e noutras “compoñer estes asertos coas miñas doas de xogar / aos pelouros / ou coas pequenas cervicais das aves”. O discurso poético elabórase en boa medida a partir de materiais semánticos procedentes do ámbito da tecnoloxía –o que nalgún caso lle confire unha certa fasquía futurista– e, sobre todo, da economía. O préstamo, que nalgúns textos chega a converterse nunha verdadeira transposición, semella acaído para unha voz ficcionalizada que afirma ter escrito “un Manual de Economía Política, un pouco cru, / nunha nova corrente do marxismo autóctono postindustrial”.
Os contidos de Bingo trazan itinerarios que conducen a unha reflexión de tipo político acerca do capitalismo serodio e da redefinición da esquerda neste escenario onde, máis que unha resposta, o que atopamos son interrogantes que convidan ao pensamento. Tales camiños entrecrúzanse de maneira especial na segunda das partes nas que se estrutura o libro e mesmo conforman discursos de natureza marcadamente ideolóxica:
“E con divisas construíron códigos lingüísticos de urxencia,
FEMINISMOS, contra á explotación e pola liberdade.
A de todos os corpos intervidos e sobreexplotados, postos
a producir na longa mascarada. E premiados pola súa
produción coma o obreiro do mes.”
O pensamento feminista é outro dos piares sobre o que se constrúe a poética de Pilar Beiro e desde onde produce “palabras que ninguén nos pide: / FEMINISMO OU MORTE!! Que parece un sarcasmo da prensa diaria”.
Non é porén esta o único itinerario de lectura que se pode atopar nun libro no que se practica o diálogo con voces diversas do pensamento e a cultura (de Roi [Paez] de Ribela a Celan, pasando por Rosalía ou Adam Smith) e unha intertextualidade paródica que revisa algúns prototipos herdados, como o de “esa trosma e media / algo pija e mandadiña de máis / que deixou que o lobo a comera / ou algo similar”.
Este exercicio de revisión crítica (tan do gusto das poéticas de xénero) céntrase de maneira especial na figura de Pondal, obxecto dunha verdadeira reescritura non sexista, levada a cabo cunha ironía que resulta evidente nas alusións aos personaxes de “Maroñas, Baltar ou Morpeguite: / (subcontratadas para esta escena)” que chegan “presurosas e descabeladas dos pinares de Morás”.
Malia a aparente dispersión dos materiais poéticos, derivada en grande medida da combinación de diferentes rexistros, mais tamén do afastamento da lóxica compositiva do poema, Bingo amosa un alto grao de conciencia textual e tematiza o natureza mesma do feito poético. Así acontece na alusión á potente imaxe do vertedoiro, que ben valería para resumir a dimensión alegórica do libro, a súa disidencia formulada en palabras que ninguén (nos) pide e o seu desafío a quen le:
“Ando por esas corredoiras anteriores á concentración
e polos vertedorios –unha debilidade–
Gústame ver que tiramos, o ritmo, a esperanza de vida
da maquinaria, do poema.
Quero dicir que saboreo versos, ciclos vitais que se abandonan.
Convido a ese pracer.”