Galardoado co prestixioso Premio Caixanova, este poemario centra a súa temática nos mitos clásicos, pois está concibido como un exercicio de intertextualidade cunha das obras máis significativas da mitoloxía, As metamorfoses de Ovidio. Marilar Aleixandre proponnos unha nova lectura dun bo número de mitos levada a cabo desde unhas coordenadas culturais e ideolóxicas concretas.
26 / 11 / 2007
María Xesús Nogueira. LugoMudanzas, libro galardoado co prestixioso Premio Caixanova, é a nova entrega poética de Marilar Aleixandre (Madrid, 1949), unha autora polifacética que comezou a súa carreira na literatura infantil e xuvenil e percorreu tamén os camiños da narrativa para adultos. O poemario vén sumarse a Catálogo de velenos (1999) –no seu día Premio Esquío–, Desmentindo a primavera (2003) e abecedario de árbores (2006).
O libro presenta, con respecto aos anteriores, a novidade de centrar a súa temática nos mitos clásicos, pois está concibido como un exercicio de intertextualidade cunha das obras máis significativas da mitoloxía, As metamorfoses de Ovidio. Unha formulación desta natureza comporta os perigos dun culturalismo excesivo e mesmo dun clasicismo insólito na obra da autora. Porén, esta sortea con habilidade os obstáculos na súa reescritura, oficio que foi tan grato ás poetas xurdidas a partir dos anos noventa, ao que ela se enfronta desde a distancia e, sobre todo, desde unha evidente conciencia feminina.
As composicións que integran o libro están construídas a partir dunha cita de Ovidio –poeta invocado como guía– e procuran unha actualizacion do mito mediante a relación de distintos episodios e personaxes con situacións e referentes recoñecíbeis, as máis das veces galegos: o Mar de Fóra, a praia do Rostro, o Xallas, “a feira do primeiro xoves de mes”, mais tamén a Escola Mecánica a Armada (entrada ao inferno) ou o Pindo cuberto polas lapas.
Os enxeñosos e ás veces sutilísimos fíos que cosen os poemas aos hexámetros empregados como cita permiten analoxías diversas que, en ocasións, teñen unha clara compoñente política e social, como se aprecia nos versos “raparon a cabeza [ás vencidas] / en Ilón hai tres mil anos ou en Asturias no sesenta e tres / a Consantina e Anita Braña”, ou nas alusións a Gaza ou Abu Grhaib, outra das portas de entrada ao inferno.
A actitude da eu lírica dona da palabra (así a denomina Olivia González no seu acertado limiar) é clara desde as primeiras páxinas, nas que advirte que “non traduzo, traizoo / mais talvez sexa a traizón ás túas palabras / a única forma de serche fiel”. Noutras ocasións, esta voz distánciase do texto que serve como modelo (“di o poeta: apenas me atrevo a crelo”), fai aclaracións (“dinlle Touriñán, pero non por causa do Touro”) e recorre ao humor nos seus comentarios, concluíndo, en “constelación da xuvenca”, que “é difícil interpretar o signos / a tantos anos luz” ou afirmando que Galatea “–non sempre aprezan o tamaño– preferiu ao enxumido” e non a Polifemo. O tratamento do mito resulta tamén significativo na recreación dos personaxes Adán e Eva, situados “nas portas xemelgas dos váteres”. Será que, no fondo,
“pouco teñen de edificantes
as historias clásicas, nin envexan
ás teleseries a mestura do sexo rápido
e a morte a cámara lenta.”
O aspecto máis salientábel do libro é a mirada feminina sobre o texto ovidiano plasmada na escolla de mitos protagonizados por mulleres, que xa atraeran as escritoras galegas, entregadas moitas delas á reescritura de Penélope. Mudanzas amplía considerablemente a nómina de mitos recreados, incorporando algúns apenas tratados, como os de Filomela, Medusa, Galatea, Circe ou Atalanta. A reinterpretación destes mitos desde unha perspectiva feminista resulta evidente: “corre, Atalanta, corre / terma do arco, arrebola a frecha / rabuña antes que os homes / ao porco bravo”.
Á beira destes aparecen tamén focalizados personaxes secundarios como a nai de Héctor, as troianas ou moitas outras figuras anónimas cuxa lembranza se converte nunha metáfora do silenciamento do papel da muller no decorrer da historia:
“as mulleres das que nin o nome ficou rexistrado
cociñaron pingues castróns, debullaron garavanzos
limparon o sangue do chan logo da carnaxe
teceron e desteceron as súas frustracións entre o liño
aliviaron coas frescas mans a fonte do neno doente
iluminaron a noite coa lámpada dunha historia.”
No seu diálogo co texto de Ovidio, Mudanzas proponnos unha nova lectura dun bo número de mitos levada a cabo desde unhas coordenadas culturais e ideolóxicas concretas que permiten iluminar espazos escuros, trazar analoxías co presente e reescribir a historia mitolóxica das mulleres, célebres e anónimas, cantando as súas fazañas e reivindicando a súa voz. Neste sentido, o poemario ábrese a un nosoutras, integrado por aquelas ás que, “como á filla do centauro / anunciando os arcanos do futuro / quixeron amputarnos a voz”.