Beramendi recolle nesta obra a síntese do seu traballo durante máis de vinte anos. Unha investigación sistemática da natureza e evolución dos movementos sociopolíticos de reivindicación de Galicia como suxeito político de seu dende as súas primeiras manifestacións individuais no século XVIII até a actualidade. Un libro necesario, non definitivo, pero que sen dúbida sinalará o camiño para investigacións futuras.
5 / 11 / 2007
Gustavo Hervella.Santiago
O catedrático da USC Justo G. Beramendi acaba de sacar á rúa o que xa moitos analistas catalogan como a biblia do nacionalismo. Na presentación en Compostela o pasado mes de outubro o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro clasificouno, acertadamente, con este termo contundente. Para o propio autor, trátase da síntese do seu traballo durante máis de vinte anos, desde que a mediados dos setenta comezara a pescudar na ideoloxía de Vicente Risco.
O traballo está divido en diferentes partes, atendendo cada unha delas aos períodos do galeguismo político: Protoprovincialismo, provincialismo decimonónico, rexionalismo das primeiras décadas do século XX, rexionalismo consolidado con Solidaridad Gallega e, logo, as Irmandades da Fala e o nacionalismo nacido na Asemblea de Lugo en 1918. Para finalizar, o período máis prolífico para esta ideoloxía, a II República e a análise desde o punto de vista electoral, de sistema de partidos, co estudo pormenorizado da expresión nacionalista máis evidente e a que perdurou ao longo da noite de pedra, o Partido Galeguista. O último capítulo é unha síntese, descritiva, do que sucede desde o remate da guerra civil até a presenza do BNG no actual goberno autonómico, nunha relación diacrónica que semella non tan evidente.
O galeguismo político
Certamente, na maior parte de libro, Beramendi analiza o que foi a transformación dunha ideoloxía, desde os pasos dados no século XIX até a consecución de certa identidade política nos anos trinta, cando o nacionalismo galego foi capaz de situar no escenario político estatal a varios dos seus líderes, entre eles os que serán nos escuros anos da ditadura franquista, ben os referentes nacionais vivos, Castelao ou Otero Pedrayo, ben os mártires da nación, Bóveda ou Casal.
Comeza coa análise dos persoeiros, ideoloxías e presenza na sociedade dos que poderían ser os precursores do provincialismo como o Pai Sarmiento até os mártires de Carral, xa propiamente provincialistas. Segue co primeiro rexionalismo, até desenmarañar o concepto de nación de Murguía, Brañas e Aureliano Pereira, continua cos anos esperanzadores da Solidaridad Gallega de 1907 e da alianza con republicanos e agraristas, prestando especial atención á Acción Gallega de Basilio Álvarez. Os anos centrais da segunda década do século XX vén nacer as Irmandades da Fala e a loita entre os demócratas do nacionalismo, nomeadamente os da Coruña, e os máis tradicionalistas e conservadores, liderados polo grupo de Ourense e Pontevedra. A escisión dos anos vinte e, por fin, o alumeamento do que podería chegar a ser un partido de masas, moderno e lonxe das prácticas caciquís (polo menos nas intencións, xa que no facer diaria non foi así, véxase o acontecido coas eleccións de 1931 ou o plebiscito de autonomía de xuño de 1936) como pretendía ser o Partido Galeguista.
As personalidades
A primeira personalidade individualizada que Beramendi desentraña é Manuel Murguía, a forte presenza de conceptos como a raza e a historia na súa argumentación de rexión-nación e como a definición que fai de Galicia achégao máis ao nacionalismo que ao rexionalismo. A diferenza de Murguía respecto aos provincialistas é o feito da importancia que lle outorga á etnicidade, con sinais particulares para Galicia marcados fundamentalmente, no idioma, o carácter galego ou o “volkgeist”, o que significa “a irredutibilidade nacional desa comunidade en calquera outra” (p. 181).
Alfredo Brañas, sempre presentado como a oposición ideolóxica a Murguía, semella que non o é tanto. Evidentemente estamos ante un personaxe tradicionalista e anti liberal e, sen embargo, ambos coinciden en puntos nodais da ideoloxía galeguista como son a raza, a diferenciación cultural de Galicia e a importancia da relixión na identidade da terra. Para Beramendi, “Brañas convértese nunha especie de rexeneracionista de España a través do rexionalismo na súa vertente máis tradicionalista” (p. 261).
Entre ambos aparece o federalismo que para o autor non forma parte estritamente da evolución do galeguismo, algo que parece evidente xa que os termos que usan os federalistas e os rexionalistas-galeguistas para referirse a España e Galicia en nada teñen que ver co concepto de nación soberana. Os federais buscan democratizar o sistema político español, facéndoo máis representativo pero sen considerar, por un instante, a inexistencia da nación española.
Os rexionalistas colaborarán entre eles, independentemente de que sexan máis ou menos demócratas, xa que o fin era a consecución do recoñecemento político do territorio galego, é por isto que os federais e o movemento obreiro sempre serán contrarios a colaboraren coas personalidades rexionalistas primeiro e nacionalistas despois, seguíanos vendo como os “señoritos dos pazos” e eles mesmos contribuían a que a masa da sociedade tivese esta percepción deles; son as elites das que falaba Vicente Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, o primeiro Castelao ou Vilar Ponte.
A presenza na sociedade
Beramendi analiza, por unha parte, a actitude dos líderes, as alianzas e encontros que entre eles acontecían e como isto contribuía a facer crecer, paseniñamente, ao galeguismo. Sen embargo, tan ou máis importante que isto, é como todos estes movementos se reflectían na sociedade galega do momento. Isto faio atendendo á presenza na prensa, ás eleccións e, xa coas Irmandades e co Partido Galeguista, cos afiliados e simpatizantes. As publicacións periódicas constitúen o único baremo existente para todo o período; no que toca ás eleccións, o primeiro concelleiro galeguista elixido foi José Tarrio e hai que agardar até 1920 que Peña Novo, en colaboración cos republicanos de Casares Quiroga acceda ao consistorio coruñés. Como afirma o propio Beramendi: “o resultado electoral rexionalista dependeu da benevolencia daqueles que, no plano discursivo, eran o grande inimigo a bater: os partidos turnantes” (p. 294). Isto é o que acontece primeiro cos liberais e, fóra da quenda, con republicanos e mauristas. Así, o comezo da carreira política de José Calvo Sotelo en 1918 tivo certo empuxe dos nacionalistas de Ourense, e xa no período ditatorial de Primo de Rivera, os cruces epistolares entre o líder tudense e Risco-Losada son moi evidentes a este respecto. O mesmo podemos dicir xa trala instauración da II República, onde os nacionalistas acadan representación parlamentaria grazas á ORGA e ao aproveitamento de determinadas redes e prácticas caciquís herdadas da Restauración, procedementos que quedan patentes no libro, sobre todo coa transcrición que o autor realiza dunha carta entre un médico de Cortegada e Otero Pedrayo, onde se desculpa de non poder ofrecerlle máis votos dos conseguidos (p. 821).
Moi interesantes e ilustrativos son os datos que se nos ofrecen dos simpatizantes e militantes rexionalistas-nacionalistas. Desde o século XIX Beramendi realiza unha análise socioprofesional e económica dos nomes que aparecen ligados ao galeguismo. Así, sabemos que sempre foi un movemento de clases medias e intelectuais, e que o movemento obreiro e labrego sempre estivo apartado, cousa chamativa se temos en conta que para os creadores da nación galega son precisamente os agricultores e mariñeiros os portadores da esencia nacional. As elites dirixirán o movemento, aleccionando ás xentes nos ideais nacionalistas, case nun “todo para o pobo pero sen o pobo”. Así, chegados aos debates estatutarios de 1931-1933 e 1936, a sociedade galega, nin obreiros, nin campesiños, estaban pola autonomía, ao igual que os dirixentes das cámaras de comercio ou empresarios da conserva e da banca; seguía a ser tema dunha minoría que, a xulgar polas cifras que ofrece Justo Beramendi para os anos trinta certamente tiña expectativas de crecemento reais.
Un estudo necesario
Desde o seu nacemento, o galeguismo político tivo moitos problemas para incorporarse na sociedade. Isto apréciase durante a etapa provincialista e rexionalista onde o galeguismo era pouco menos que unha ideoloxía de “clases altas”, hándicap que é patente até, polo menos, os anos da II República. O propio Beramendi afirma, “o paso do rexionalismo a nacionalismo [asemblea de Lugo en 1918] preséntase, en efectivos, case tan diminuto como cando naceu” (p. 335). Un dos momentos onde o galeguismo tivo oportunidade de crecer foi con Solidaridad Gallega, creada como espello da catalá en xullo de 1907, grazas á consistencia e ao empuxe que lle dá o agrarismo, pero que tan só dura até 1912. O seguinte paso é coas Irmandades da Fala, onde a da Coruña é a que presenta a ideoloxía progresista, moderna e democrática, que sería a que podería ter maior éxito nos anos vindeiros co desmoronamento da monarquía alfonsina. Sen embargo, o grande teórico será o ultraconservador Risco, que non sae ben parado das análises de Beramendi, ao igual que os seguidores de Casares Quiroga nos anos trinta. Por último, fáisenos unha brevísima descrición biográfica do que foi a recuperación do nacionalismo político nos anos sesenta, coa fundación da UPG e do PSG e as alianzas e refundacións dos anos setenta e oitenta do pasado século.
Sen embargo, estes movementos responden a outra cousa. Evidentemente buscan as súas raíces nas figuras da preguerra, pero ideoloxicamente son moi diferentes. Incluso os partidos minoritarios da extrema esquerda política como o MCG ou a LCR tamén teñen entre os seus postulados programáticos os conceptos de autodeterminación e federación, por non falar das mensaxes do PCG-PCE ou PSOE tras Suresnnes desde 1974. Sen embargo, o historicismo que desde os rexionalistas está presente na construción ideolóxica do galeguismo, en certa medida aparece agora e aquí e, non é estraño que o BNG denomine á súa dirección como Consello Nacional, ao igual que fixera o PG nos anos trinta.
Este libro de Beramendi non é so a historia do galeguismo, tamén é unha análise da historia política da Galicia do último terzo do século XIX e primeiro do XX, onde se nos narran os avatares políticos de agraristas, socialistas, anarquistas, republicanos, liberais e conservadores, tomando como escusa a presenza/ausencia, apoio/ataque ás ideas rexionalistas/galeguistas/nacionalistas. Un libro necesario, non definitivo, pero que sen dúbida sinalará o camiño para investigacións futuras.