Dun xeito ameno, rigoroso e heterodoxo, o autor parte da experiencia literaria para repensar o carácter da arte contemporánea, a realidade social, política e artística da Galicia de hoxe. Borrazás obriga á reflexión, a proporse puntos de vista diversos sobre realidades nas que todos, en maior ou menor medida, temos unha opinión formada, xerando opinión neste sistema diverso que é o literario, e contribuíndo a que, desmitifiquemos a literatura, os escritores, os políticos e Galiza enteira.
10 / 9 / 2007
Inma López Silva. Santiago
Ante libros coma este ensaio de Xurxo Borrazás sinto con forza a esquizofrenia que me produce ser escritora e crítica a un tempo. Tamén sinto a tentación de non facer un comentario senón unha resposta no mesmo ton, na mesma orde de reflexións que Borrazás pon en funcionamento en “Arte e parte”, amosándonos que todos somos xustamente iso: observadores e artífices disto ao que chamamos “literatura galega” e que, como entidade en si mesma, é case unha convención, unha dúbida, unha etiqueta. Sinto esa tentación, pero tócame falar do libro, non utilizalo coma pretexto para falar das miñas propias obsesións. A crítica de pretextos, con todo, tamén me parece suxestiva, pero non vou morder hoxe na man que me dá de comer.
Borrazás escribe un ensaio cargado de “sentencias”. Entrecomillo porque escollo a palabra consciente de toda a súa polisemia: frases case lapidarias e xuízos. Quizais é por iso polo que a lectura de Arte e parte nos apreixa, pois é necesario que os escritores, lonxe de pecharse nas súas torres de marfín, se atrevan a xulgar o espazo cultural no que se moven, as condicións da súa escrita, os pros e os contras da súa relación con lectores, políticos, críticos e outros artistas. Iso é o que fai Borrazás neste libro: pensar, divagar ata chegar a conclusións interesantes, criticar, dicir cousas que, sen ningunha dúbida, moitos pensamos, anque non todos temos o valor de escribilas e, ao tempo, sometelas ao xuízo de quen non somos nós. Xa o di o autor: “Boto as mañás a barrena, en todos os sentidos da palabra, sen querer admitir que o estrondo dos meus barrenos e a fachenda das miñas barrenadas non poden nada contra o silencio ulterior e o esquecemento dos meus conxéneres”.
Xurxo Borrazás realiza aquí un repaso a todo desde un punto de vista que se pretende necesariamente subxectivo; nesa subxectividade é que radica o interese, mesmo o encanto, de falar do oficio de escritor, da relación entre os escritores e a lingua, do nacionalismo, do medio editorial galego, da crítica, dos premios, da profesionalización... De todos eses aspectos fálase en Arte e parte cunha actitude crítica, a miúdo con toques de escritor maldito que non deixan de ter certa ironía, debido as mesmas contradicións que autor detecta no espazo literario no que el e mais todos nós nos movemos.
Esa visión de conxunto, esa conciencia da inevitabilidade de estarmos todos aí, mesturados, quizais en demasiado contacto (“o trato fai cariño”, di referíndose á crítica), condiciona as relacións literarias en Galiza. De aí que calquera achegamento a este libro, mesmo o meu, sexa interesado. Aínda que fixese fincapé no meu “desinterese”, na miña condición de teórica do teatro (glups!) que procura en ensaios coma este explicacións convincentes de cómo reaccionan as artes na sociedade, todos, incluso Borrazás (a quen non trato, e aínda así, téñolle cariño), saberán que son escritora e, como escritora, busquei en Arte e parte a páxina onde tamén eu recibo labazadas. Quizais todos descubrimos neste libro un punto masoquista que ata agora descoñecíamos, igual que tamén descoñeciamos, seguramente, ata qué extremo merecemos as labazadas que ofrece Borrazás. Velaquí outra tentación: se eu escribise este libro, probabelmente aínda sería máis ousada nalgúns aspectos, pero iso xa é cuestión de caracteres e personalidades.
Borrazás trata en Arte e parte aspectos que semellan tópicos e que, porén, nos son sempre recorrentes. Xamais puidemos nin poderemos evitar reflexionar nalgún momento sobre qué é literatura, sobre a relación entre arte e compromiso, sobre o espazo que debe ou quere ocupar un escritor en relación co mundo que o rodea. E Borrazás é escéptico a respecto deses aspectos, trata de distanciarnos nun relativismo que nos amosa algunhas cousas a nova luz e que, noutros momentos, simplemente volve ao miolo da cuestión, pois quizais é imposíbel observalo doutro xeito. En realidade, o seu escepticismo sobre o concepto de literatura e os aspectos que o rodean non é outra cousa ca un recurso literario: Borrazás enfróntase a un emprego utilitarista da literatura, a unha literatura de resistencia que prioriza conscientemente os fins sobre os medios e que quere para o escritor unha posición social. O autor enfróntase así contra unha corrente numerosa, cuantitativamente fundamental en Galiza. Velaí o sentido opositivo do seu libro, e velaí por qué “barrena” contra o canon, contra o que foi indiscutido e é indiscutíbel en Galicia. Algo está a mudar, como xa mudara hai anos cando Suso de Toro propuña facer croquetas coa momia de Castelao... E eu, porque me corresponde xeracionalmente e me encantan todas as heterodoxias, teño que aledarme, mea culpa.
Borrazás dedica unha boa parte do ensaio a reflexionar sobre o vencello entre o oficio do escritor (o intelectual, incluso) e os parámetros nos que se move a institucionalización política en Galicia. Neste senso, considero especialmente revelador o capítulo titulado “As ideas redondas” sobre o actual vencello entre nacionalismo e poder, nunha crítica acaída ao acceso ao poder das (des)estruturas do partido nacionalista que actualmente xestiona a cultura en Galiza. Borrazás expón aquí contradicións e acertos (máis as primeiras ca os segundos) e conduce a lectura, intelixentemente, cara a un terreo afastado de siglas: o sentido opositivo das artes e dos artistas que foxe, por definición, da institucionalización política e da acción dos políticos.
Aínda que ao seu autor probabelmente non lle gustará que eu, como crítica, trate de adscribir a súa obra a un xénero concreto, creo que nesta ocasión cómpre insistir en que Xurxo Borrazás escribiu un ensaio puro. Estamos fartos de ver os andeis das librarías de teses de doutoramento case sempre farragosas e inaccesíbeis para os non iniciados baixo a etiqueta equívoca de “ensaio”. Porén, este Arte e parte si responde aos parámetros desde os que definir ese xénero tan necesario e interesante que non aprende, senón que obriga á reflexión, a proporse puntos de vista diversos sobre realidades nas que todos, en maior ou menor medida, temos unha opinión formada, dialogando así de xeito directo entre autores e lectores, xerando opinión neste sistema diverso que é o literario, e contribuíndo a que, como fai Arte e parte, desmitifiquemos a literatura, os escritores, os políticos e Galiza enteira.