Recóllese neste volume unha ampla escolma dos relatorios e comunicacións presentados ao congreso internacional que tivo lugar en Santiago nos finais do mes de setembro do 2001. Os traballos abordan a metodoloxía e as pautas a seguir nos estudos sobre o exilio, a política do exilio, a figura do exiliado galego por antonomasia, Castelao, os destinos do exilio, onde sobresae o continente americano, a literatura, as artes plásticas, o xornalismo, a música, o teatro e o ensino.
23 / 4 / 2007
Gustavo Hervella.Santiago
No ano 2001 o Consello da Cultura Galega realizou un congreso de carácter internacional onde especialistas de diversos campos analizaban o exilio dos galegos fieis ao goberno lexítimo republicano. Desde as artes plásticas á literatura, desde a política ao sindicalismo, desde a loita individual á colectiva, foron unhas xornadas onde se puxeron sobre a mesa os itinerarios, as historias e os destinos de milleiros de persoas que tiveron que fuxir da súa terra se querían vivir en liberdade. Agora, desde a propia institución cultural galega e a través de Ediciós do Castro, preséntasenos un voluminoso traballo onde están todas aquelas contribucións. Estamos ante máis de 1.800 páxinas que abordan a metodoloxía e as pautas a seguir nos estudos sobre o exilio, a política do exilio, a figura do exiliado galego por antonomasia, Castelao, os destinos do exilio, onde sobresae o continente americano, a literatura, as artes plásticas, o xornalismo, a música, o teatro e o ensino; para pechar todo este conglomerado de reflexións, as dos protagonistas, algúns deles cun significado especial, como o caso do finado Borobó.
Baixo o epígrafe “Reflexións metodolóxicas e conceptuais” faise referencia ás achegas máis teóricas sobre o exilio, onde se analizan conceptos como exiliado, emigrante, refuxiado ou prófugo. A través dun interesante estudo de Núñez Seixas, o lector vai articulando ideas, itinerarios e reflexións que sobre o tema se van a reproducir noutras colaboracións. Unha segunda achega é a que fai referencia aos destinos do exilio galego con contribucións de Pilar Cagiao Vila, Carlos Zubillaga, Silvia Facal e Eduardo Rey e a presenza en Uruguai, Enriqueta Tuñón e os galegos en México a través do testemuño de Florencio Delgado Gurriarán e Ramón Esturau, Nancy Pérez e o caso neoiorquino a través da análise das Sociedades Hispanas Confederadas e da Fronte Popular Antifranquista Galega ou Xosé Ramón Campos e Venezuela, co enfrontamento entre o Lar Gallego de ideoloxía republicana estricta e o máis laxo Centro Gallego. Neste país, as presións da embaixada española ao goberno fixeron que as sociedades étnicas tivesen problemas ata a unión de todas elas na Hermandad Gallega en 1960.
A acción política
Respecto á política do exilio o investigador Santidrián Arias reflexiona sobre os comunistas, “O partido que mellor conseguiu manter a súa organización, así como esluír a distancia entre a súa estructura interior e o exilio, foi o comunista...”, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández fan o propio cos anarquistas, nun artigo moi interesante polo que ten de descubrimento dos libertarios mais aló das fronteiras galegas. A importancia que tiveron na preguerra non se corresponde coas investigacións realizadas ate hoxe; de xeito sinxelo estes dous investigadores mostran esta faciana, descoñecida para moitos, do exilio galego. A sección de “Castelao no exilio” quizais sexa a que menos novidades presenta, en parte porque a figura do rianxeiro xa deu moito en todos estes anos e é moi difícil aportar novidades aos estudos xa existentes.
Moi interesantes son as biografías dos exiliados, que ocupan a sección quinta, desde os itinerarios de Suárez Picallo en Chile presentados por Alex Cornejo ou as breves biografías de escritores en Cuba por parte de Jorge Domingo Cuadriello, á reseña biográfica de Manuel Celso Garrido por parte de Marivel Freire ou as vicisitudes do republicano Salvador Etcheverría da man de Emilio Grandío. Neste apartado sobresae a defensa, moitas das veces fóra de ton, que realiza o fillo de Líster sobre o seu pai, atendendo á defensa que este realizou a prol dos combatentes comunistas españois que eran tratados como “carne de cañón” no exército vermello e que, paradoxicamente, esquécese de nomear o desprezo que este mesmo persoeiro mostrou polos anarquistas internados en campos de traballo en Siberia, como sinalan Pereira e Fernández neste mesmo libro.
Como coda final preséntansenos as palabras de Nicolás Sánchez-Álbornoz, Isaac Díaz Pardo, Borobó ou o incombustible Elixio Rodríguez, que constitúen a imaxe da memoria, ben porque sufriron a represión e o exilio, ben porque foron testemuñas dun tempo pasado, pero non afastado.
Os destinos da diáspora
México e Francia foron os países que máis exiliados acolleron. O primeiro deles, baixo o patrocinio de Lázaro Cárdenas, foi quen de asumir a chegada de centos de homes, mulleres e nenos que foron distribuídos pola xeografía da república norteamericana. O país galo foi a primeira etapa de moitos dos que, trala caída dos diferentes frontes de guerra, se foron agrupando en campos de concentración á espera dun destino mellor.
Os galegos aproveitaron as canles de emigración existentes para poder fuxir. É o caso de Arxentina con Bos Aires como centro de toda esta peregrinaxe, Uruguai, Cuba e, en menor medida, Brasil ou as repúblicas centroamericanas. O panorama co que se atopaban era diferente segundo as zonas; así, se en México o goberno axudaba aos recén chegados mentres que os propios inmigrantes galaicos, con residencia anterior a 1931, non os admitían de boa gana, en Uruguai era á inversa: O executivo de Terra non era propenso a axudar aos republicanos españois e a poboación galega residente en Montevideo si. Respecto a este país sudamericano, destaca a política dirixida por Edmundo Nóvoa como cónsul en Vilagarcía e a de José María Perelló en Vigo, que prestaron axuda a todos aqueles que fuxían do terror franquista, como afirma Zubillaga: “Numerosos testimonios sobre su valerosa participación en la ayuda a militantes republicanos y a perseguidos por la represión franquista, salieron a la luz pública cuando los funcionarios retornaron a Montevideo en 1942” .
Esta recompilación ensaística péchase cun CD, onde se poden consultar colaboracións moi interesantes e que, por cuestións de espazo, non foron expostas na publicación en papel. Destacamos o artigo de Carlos Andrés González Paz sobre o exilio interior, os referentes aos campos de exterminio por parte de Rosa López e de Manuel Torrente, o referido aos nenos da guerra que estaban aínda en Moscova de Nancy Pérez, Silvia Facal e Rosa López, o póstumo de Xoán González Millán, o referente ao arquitecto Caridad Mateo de Iago Seara ou os que desembocaron en publicacións máis extensas sobre Eduardo Blanco Amor e o xornal La Nación por parte de Marta Pérez e Xosé López e o programa de radio Galicia Emigrante de Mónica Rebolo.
Polos traballos presentados esta dobre publicación será de uso obrigado no que respecta aos estudos sobre a historia recente de Galicia, de xeito especial aquela que fai referencia á represión e á ditadura franquista. Sen dúbida, é un excelente colofón ás investigacións que viron a luz neste recén conmemorado Ano da Memoria.