As cuestións de actualidade non son alleas aos relatos dirixidos aos máis novos. Proba disto é a última entrega de Fina Casalderrey, unha figura indiscutible na nosa LIX que adoita literaturizar temas extraídos do ámbito do cotián. En “A lagoa das nenas mudas”, un suxestivo título que concentra o espazo simbólico e o trazo definitorio das protagonistas, volve mostrar a súa habelencia para ver o mundo cos ollos dos nenos e das nenas e explicalo coa súa propia voz.
26 / 3 / 2007
Isabel Soto. Santiago
Cos fíos da realidade, Fina Casalderrey tece unha vez máis unha historia adobiada de matices líricos na que desprega moitos elementos recorrentes na súa obra. Malia estarmos perante unha narración sobre a inmigración e todas as dificultades que a acompañan, o tratamento desdramatizador, a sutileza e a utilización de episodios humorísticos diminúen a dureza dos feitos e evitan un enfoque excesivamente serio e tenso, mais aínda así o relato sitúa en primeiro plano un conxunto de prexuízos ben arraigados.
O discurso escíndese ao dar entrada a dúas voces narrativas presentes ao longo dos catorce capítulos e que ao tempo que se complementan adquiren unha marcada función de contraste. Altérnanse así a narración descritiva e esquemática da terceira persoa, apoiada por diálogos ben artellados, e o discurso epistolar da protagonista, unha nena nixeriana chamada Amina Nwapa que deixa África con súa nai e se instala en Galicia. Ambas as perspectivas achéganse aos problemas dos inmigrantes (dificultades de adaptación, falta de papeis, proceso de regularización, descuberta dunha nova realidade, integración escolar, incomunicación por cuestións lingüísticas…), boa parte suxeridos recorrendo a breves referencias que van moito máis alá do que din.
Están asemade presentes todos os prexuízos da comunidade que vive a chegada da nena, neste caso representada por unha pequena escola. Amina, evidentemente, non comprende nada e só a través da súa ollada descubrimos como interpreta o que ocorre: o que ela asimila como sorrisos e xogos son en realidade episodios cheos de crueza e rexeitamento. A percepción de Amina e o seu rico mundo interior queda excelentemente plasmado nas sete cartas que lle dirixe ao seu amigo Edu, que quedou no seu lugar de orixe. Son textos cargados de lirismo que transmiten as impresións da rapaza ante os detalles da súa nova realidade e acaparan toda a nostalxia do que quedou atrás.
Entre os personaxes que compoñen o fondo da historia, resulta indispensable reparar en Ío, unha rapaza que renuncia á expresión convencional e elixe como canle de comunicación os debuxos que realiza dende o seu silencio traumático. Unidas por esa mudez con distinta orixe, ambas as nenas logran establecer un entendemento especial. Ben merecería Ío unha historia de seu, que contase as súas dolorosas vivencias, no relato só reflectidas con breves pinceladas que agochan o terror sufrido polos malos tratos de mans dese pai convertido en ogro nos debuxos. Percíbese tamén a homenaxe ao mundo da escola e ao profesorado que desenvolve o seu traballo con verdadeira vocación e tenrura, especialmente nas figuras de don Ignacio e de Sara, que traslada á aula o poder da lectura para viaxar e coñecer outras realidades.
“A lagoa das nenas mudas” reúne, pois, as características dos relatos que proporcionan pracer literario e ao mesmo tempo levan á reflexión. Como afirma a autora nas páxinas finais do volume, o seu “delicioso recendo non pode ocultar as espiñas” e incluso a historia provoca algún riso que se parte a medio camiño. A diversificación da acción, os continuos saltos espaciais e temporais, os cambios no punto de vista, o deseño dos personaxes, os estímulos de anticipación e, tamén, as excelentes ilustracións de Patricia Castelao, converten o libro nun interesante agasallo para os lectores e as lectoras.