Manuel Janeiro estréase como narrador con este relato de coidada edición e destinado a todas as idades de lectores. O protagonista acha nos tellados da cidade un mundo diferente no que, por circunstancias, terá que desenvolverse. Os tellados serán o seu campo de soños e realidade.
18 / 12 / 2006
Isabel Soto.Santiago“Pucho o habitador dos tellados” supón a estrea como narrador de Manuel Janeiro (Madrid, 1951), un gran coñecedor do mundo editorial galego grazas ao seu traballo continuado no eido da ilustración e do deseño gráfico, vinculado, fundamentalmente, ás distintas coleccións postas en marcha ao longo dos anos pola Editorial Galaxia. Con este libro o seu talento ocupa o primeiro plano e traspasa a, por veces, escasa atención que adoita corresponder aos encargados do traballo gráfico. Da man de Kalandraka, presenta un libro pouco común, en coidada edición e fóra das series habituais, que vai destinado a un público de calquera idade, pois o texto admite un amplo abano de lecturas.
A narración trasládanos ao Madrid dos comezos da década dos cincuenta na voz dun narrador en terceira persoa que focaliza o relato no protagonista, Pucho, transmitindo a súa particular ollada e a interpretación dos acontecementos. Dende o comezo descubrimos o decorrer cotián dunha familia composta por un pai e un fillo cuxa vida vai unida aos tellados, pois a súa casa conta cunha enorme azotea dende a que se pode contemplar boa parte da cidade. A imaxinación do cativo vaise desenvolvendo a través da cadea de complicidades que comparte co pai —as preguntas dos domingos, os xogos, o código de valores, a interpretación do mundo, o poder da fantasía...—, coa súa veciña Nati ou na escola da señorita Luísa. Son tempos de descubertas primeiras, de sucesos sinxelos pero emocionantes aos ollos do neno, de cousas marabillosas ás que cómpre buscar unha explicación na que resulta doado recoñecer o fascinante mundo interior de Pucho e os camiños que percorre a súa inocencia.
O refuxio dos tellados
Mais axiña chega o conflito e a ruptura dese mundo máis ou menos amable cando unha noite, sen agardalo, o timbre irrompe no espazo familiar e uns policías levan o pai detido. Daquela Pucho decide refuxiarse nos tellados, ese “país perfecto” onde a partir de entón transcorrerán moitas noites e onde desenvolverá o seu instinto de supervivencia e auto-protección. Ao tempo, deixará ceibe a súa rica imaxinación, que tinxe de lirismo e fantasía moitos momentos do relato, até rematar no cumprimento dese vello soño que Pucho recibiu en herdanza das vivencias de seu pai: a fuxida a un espazo asociado á felicidade. A contemplación en liberdade dende as alturas permítelle a Pucho descubrir todos os segredos que agochan os tellados, os seus sons, os seus habitantes, mais tamén a crueza do inverno, o frío, a fame, o medo, a soidade… Tras as descricións sinxelas e evocadoras e os constantes saltos espaciais e temporais, asoma, en sutís pinceladas, un ambiente duro, marcado pola tristura, a represión e a carencia, en definitiva, o retrato do estado sentimental daquela época.
As ilustracións de Juan Ramón Alonso (Madrid, 1951) convértense no acompañamento perfecto do texto, pois afianzan o efecto de empatía que esperta o personaxe coa plasmación en imaxes da ollada do cativo só e desprotexido nun tempo gris —como os trazos do lapis— que permite o abandono e a inxustiza, coa representación da súa figura de costas ancorada na contemplación do horizonte dende a atalaia do tellado e ensumido na soidade. En resumo, unha historia intensa e moi recomendable que só merece parabéns.