Texto gañador do III Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, da Deputación de Ourense. As excelentes ilustracións de María Puertas Feijóo-Montenegro tamén resultaron premiadas neste certame pola súa tradución en imaxes do texto seleccionado.
16 / 10 / 2006
Isabel Soto. Santiago de Comspotela
“Por qué (sic) Baldomero Quintáns?” é o título do volume que vén de publicar a Deputación Provincial de Ourense e que recolle o texto gañador do III Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, da autoría do debutante no xénero Rafael Laso Lorenzo. O volume vai acompañado das excelentes ilustracións de María Puertas Feijóo-Montenegro, que tamén resultaron premiadas neste certame pola súa tradución en imaxes do texto seleccionado.
“Por qué Baldomero Quintáns?” presenta unha trama de inspiración detectivesca que busca atopar resposta á pregunta que se suxire no título. É a voz narrativa dun dos personaxes, o propietario dun café, a que nos vai relatando o que acontece dende que Baldomero, un detective vido a menos, recibe unha misteriosa carta que o convida a participar na resolución dunha serie de complexas adiviñas cuxa resposta correcta conduce a diferentes cidades galegas e, contra o final, á revelación dun segredo familiar. A Baldomero Quintáns non lle queda máis remedio que botar man do seu único amigo, que será o encargado de viaxar aos diferentes lugares para, unha vez alí, recibir sempre unha nova misiva de semellantes características.
Esta estrutura artella as seis viaxes ao longo dos trinta e un capítulos, pois seis son tamén as cartas recibidas, até desembocar no desenlace, reservado para os parágrafos finais. As características do texto fan pensar na clásica construción da novela por entregas: capítulos de extensión semellante que achegan datos da trama e dos personaxes e cuxos finais crean expectativas no lector e manteñen o seu interese a través da intriga. Este deseño narrativo lévanos a sospeitar que a obra foi concibida seguindo os estritos requisitos que esixe outro premio bastante coñecido no noso país. Sen que iso supoña demérito ningún da calidade do texto, pois adoita ser normal que as obras se presenten ás convocatorias de diferentes premios, quizais inflúa na indefinición resultante do produto final, en aspectos como o deseño da trama e dos personaxes ou o tramo de idade ao que vai dirixido o texto, tendo en conta que se trata dun premio destinado en exclusiva a obras infantís e xuvenís.
É mágoa que a edición estea inzada de erratas, incoherencias e graves erros lingüísticos e de maquetación (tales como a separación errónea de palabras), que levan a pensar na falta dun necesario labor de corrección e mesmo de edición do texto, o que non cremos que favoreza os fins anunciados na convocatoria do premio: “continuar o labor que vén desenvolvendo a Deputación para a normalización lingüística e a promoción da lectura en galego”. Non deixa de resultar sorprendente que un premio que leva o nome de dúas ilustres pioneiras na LIX como Pura e Dora Vázquez descoide estes aspectos.
Capítulo á parte merecen as ilustracións, de extraordinaria calidade, e que conseguen mellorar e mesmo poñer un punto positivo a esta edición pola suxestiva interpretación do texto. Agardamos que o talento desta nova ilustradora non pase desapercibido para a realización de futuros traballos.