Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005, combinación de achegas de disciplinas científicas coma a neurobioloxía co alento especulativo e filosófico, O suxeito posmoderno aborda cuestións estreitamente relacionadas coa sociedade contemporánea. Baceiredo busca con ambición dar conta completa do mundo da experiencia desde o biolóxico até o estético e o moral.
25 / 9 / 2006
Juan Luís Pintos.Santiago
“Polo tanto, o camiño que pode redimir é o que se vai andando ad hoc, porque, lembremos, o inmutable é a mutación” (p.127) Así remata a súa primeira obra, premiada polo Ramón Piñeiro de Ensaio 2005, Rebeca Baceiredo sintetizando a súa mensaxe exposta nas páxinas precedentes. O ensaio que se nos presenta nesas páxinas é moi significativo dos tempos que vivimos e produto dunha forte insatisfacción da pensadora coa sociedade que lle tocou en sorte. As achegas que fai neste ensaio abranguen un amplo espectro de reflexións postnietszecheanas situadas nos voceiros da postmodernidade, principalmente na versión francesa (Lyotard, Baudrillard, Virilio), ás que se engaden diversas perspectivas sobre a estética e os debates sobre a Arte no século XXI.
Arranca o ensaio cunha primeira parte sobre neurobioloxía e os mecanismos da percepción, particularmente a visual. Un “Limiar” e un “Epílogo” explican a perspectiva da autora que unificaría a dispersión temática das tres partes centrais da obra. Volvamos agora á frase que pecha o libro. O primeiro que chama a atención do lector é a palabra “redimir”. Esta na liña xa expresada no título da terceira parte: “A ontoloxía que salva”. ¿É un refugallo que aínda transparenta do vello mesianismo da Ilustración? ¿Por qué necesitamos esa salvación? ¿Supón a típica construción dos relatos míticos dun paraíso orixinario que enlaza coa promesa doutro paraíso futuro, do que decaemos culpablemente? Curiosamente a formulación da variabilidade do fundamental ou do “real” emprega a expresión “inmutabilidade da mutación” o que implica a existencia de algo que muta que é o horizonte clásico da metafísica occidental.
A posición observadora
O primeiro que axexa aos ollos do lector que comeza a ler o libro é unha certa ar de barroquismo esotérico: “Acender un televisor ou abrir un xornal pode desvelar as estrías sociais latentes no sistema actual. O que se presenta como anécdotas illadas, perfectamente asumibles polo aparello socioeconómico, sen que este corra o risco de desarticulación, non deixan de ser disfuncións estruturais cada vez máis presentes. Intentar analizar as redes de relacións entre os “retallos de realidades” conduce do terreo social aos estratos más íntimos do individuo” (p.11). A pregunta que xorde desde a primeira páxina é: ¿onde está situada a autora como “observadora” da realidade que nos describe? ¿Con qué categorías opera? ¿Cómo mestura os concretos observables coa abstracción dos conceptos?
Cando o lector sigue lendo vai paseniño descubrindo que o discurso reflicte unha grande ambición teórica. Ten pretensións de dar conta completa do mundo da experiencia desde o biolóxico até o estético e o moral.
A “autora/observadora” sitúase experiencialmente (segundo os datos do seu currículo) na posición do filósofo/xornalista ou viceversa. O problema xorde cando non se distingue entre o que se observa como filósofo (conceptos, relacións, deberes, etc.) e o que se observa como xornalista (sucesos, cotián, procesos, etc.). Por exemplo cando entra no moi estrito eido da bioloxía e neurobioloxía as súas referencias veñen da comunicación mediática (Darley, Del Rio), da psicoloxía (Arnheim) ou de manuais (Rubia, Sobbota), cando podería obter datos e teorías moito más específicas incluso de autores que escriben en castelán (p.e. os chilenos Maturana e Varela) e que hoxe son recoñecidos en todo o mundo científico. O continuado recurso a obras tan sobranceiras (nos anos oitenta e parte dos noventa) como as de Barthes, Deleuze e Foucault é un sinal da profundidade das súas lecturas e o seu background persoal, o que non impide que a perspectiva máis estritamente sociolóxica este bastante ausente (as dúas obras de F. Jameson que cita teñen eivas ideolóxicas graves) e necesitaría adiarse convenientemente (empregar a Marcuse neste novo século non da garantías).
Penso que o lector interesado pode quitar proveito de esta obra como apertura dun camiño que terá que percorrer con máis axuda de outros autores, especialmente as obras de e sobre comunicación que están a publicarse nos últimos anos.
Sería bo tamén que, para futuras edicións, a editorial fixera corrixir o texto de a lo menos tres erratas provocadas seguramente polo corrector dixital (nas páxinas 45 e 46, onde pon “decididotes” ten que poñer “decididores”).
Compre animar a autora, que aínda habita nunha idade chea de futuros, que siga co labor da reflexión que nos presenta nesta obra, que siga lendo máis autores e de correntes máis plurais e sobre de todo que reflexione sobre a súa experiencia no sociedade na que vive, e que probablemente non a percibirá tan mala, tan manipulada e tan sen saída.