Mesturando realidade e ficción, e situándonos nun futuro achegado, “Se buscabas un deus” vai atrapando ao lector no fío dunha inusitada trama que, ao tempo que presinte a desfeita, camiña parella á escolla do que nos quedará: resignarse ou buscar o amor e a liberdade. Xabier Quiroga é o fenómeno silandeiro da literatura galega, escribe novelas devagar, cun personalísimo estilo que esperta fortes opinións. E se estas son positivas, entusiastas, fideliza lectores.
11 / 9 / 2006
María Liñeira. Oxford
Unha olladela aos escaparates das librarías confírmame a actualidade da fórmula “a(s) intrahistoria(s) da memoria (histórica)”. “Se buscabas un deus” (2006) e “Os libros arden mal” (2006), últimas novelas de Xabier Quiroga e Manuel Rivas, son tanto un bo exemplo da tal alquimia coma a aposta forte dunha editorial Xerais xogadora.
“Eu vou ser como a toupeira”
Xabier Quiroga é o fenómeno silandeiro da literatura galega. Un de tantos escritores de caixón, en 2001 concorría ao seu primeiro concurso literario, o Xerais, e ficaba finalista. As 628 páxinas de “Atuado na braña”, “novela longa á vella usanza”, espertaron un grande interese na editorial, que a publicaba en 2002. O éxito de crítica, que supuxo a concesión do Premio Losada Diéguez en 2003 e ficar finalista no Premio Novela Europea Casino de Santiago no 2002, debeu animar ás partes contratantes, xa que en 2004 vía a luz “Era por setembro”, e agora, en 2006, fai o propio “Se buscabas un deus”. Dende entón Quiroga é a presenza bretemosa -caricaturas e fotos a contraluz- da literatura galega. Semella lanzal e loce unha barba de tempos (desgrazadamente) idos. A negativa do autor a ofrecer datos biográficos implica un modo diferente de (querer) estar no mundiño literario. Se a obra literaria é o único que importa, entón descoñecer ao ser humano que escribe evita distraccións e prexuízos á hora de ler; ou iso din. Mais nin o autor se tomou tan en serio o acocho da súa intimidade nin o país é tan grande; pero Suso de Toro xa non leva lentes escuras e sempre veñen ben os entretementos desta caste.
Proxectos literarios e (a necesaria) literatura nacional
Aínda que a editorial e o autor insisten en que “Se buscabas un deus” non é a segunda parte de “Atuado na braña” -impresiona pensar en 1.124 páxinas, así que hai que poder vendelas por separado-, a min seméllanme demasiado coxas a unha sen a outra. No blog de Jaureguízar asegúrase que foron escritas consecutivamente, aínda que a orde de publicación non o suxira. Eu cheguei tarde ao fenómeno, así que puiden lelas da mesma maneira. Solidarízome cos que tiveron que agardar catro anos (!!) para anoar os abondos cabos soltos de “Atuado na braña”, porque aínda que estamos acostumados a agardar secuelas e/ou precuelas -somos moitos os que vivimos pensando no 7 de xullo do 2007-, agardar sen meta é frustrante.
Xabier Quiroga escribe novelas devagar, cun personalísimo estilo que esperta fortes opinións. E se estas son positivas, entusiastas, fideliza lectores. Aproxímase á historia social da sociedade galega na segunda metade do século XX e nun futuro non moi afastado, co que se xoga á política ficción. As novelas son longas, de (en)trama(do) complexo e folletinesco, melodrama con contido político. “Se buscabas un deus” é o unha novela de crecemento persoal. Ivo, un rapaz consentido e brillante, vese ensarillado nunha investigación sobre os elementos reais presentes nun escuro libro de hai uns anos, “Atuado na braña”. Na súa persoal “quête” redefine a historia e papel dos actores da súa persoal (familia, moza e amigos), e vai máis alá ata descubrir o seu compromiso co mundo que habita. Ao percorrido pola xeografía galega nun futuro digno de Aldous Huxley, Ivo coñece a historia de Luís Salgueiro, protagonista da primeira entrega, e inevitabelmente a historia de nós. A moralexa -“Investiga a verdade do teu tempo / i alcontrarás a túa poesía”- é dun fondo espírito humanista e antiglobalizador; pero ademais súmanselle as pequenas infamias: fillos secretos, abandonos, traizóns e mentiras, que fan esta(s) intrahistoria(s) tan intrigantes.
Agradézolle a Quiroga ter recuperado ao Celso Emilio Ferreiro de “Longa noite de pedra”, fermoso poemario asasinado polos seus primeiros vinte versos. Para os fans da decodificación comento a interesante subtrama da novela sobre a edición do Xerais 2001, galardón co que, no mundo real, se fixo Marilar Aleixandre por “Teoría do caos”. Quiroga fai literatura nacional desa que tanto gusta ou desgusta a moitos.
Porén non podo rematar estas liñas sen facer propaganda do meu Quiroga favorito. “Era por setembro” (2004) é un texto breve que explora con delicadeza a relación entre Aldara e as súas antagónicas figuras paternas -“Colleríao da man, porque é o meu pai”-, nun tardofranquismo ancorado entre o que foi e o que puido ser, e un futuro eternamente adiado. Aviso para navegantes: polas librarías xa anda a segunda edición.