Os montes veciñais en man común ocupan en torno ás 700.000 hectáreas da superficie de Galicia. Este tema, que tórnase en actualidade polos acontecemento, estúdase neste volume interdisciplinar de Historia e Economía. O seu pasado, presente e futuro.
14 / 8 / 2006
Gustavo Hervella. Santiago
Desde o IDEGA, o grupo de estudos da propiedade comunal vén de publicar unha interesante achega sobre a historia, o presente e o futuro dos Montes Veciñais en Man Común (MVMC), particular forma de propiedade existente en Galicia. O seu título xa é evidente, “Os montes veciñais en man común”, e a través da súa lectura achegámonos a un dos sistemas máis singulares da propiedade en Europa, os montes de veciños ou de parroquias. O grupo de historiadores e economistas que forman este centro de estudos, analiza concienzudamente tanto o pasado deste sistema de explotación comunal, como o presente, aventurándose cara ao futuro e ofrecéndonos algunhas teses de actuación fundadas en rigorosos estudos empíricos.
O libro está dividido en tres partes. Na primeira delas faise unha semblanza moi completa da historia da propiedade comunal en Galicia, a súa evolución desde a implantación do réxime liberal no século XIX ata a actualidade, non só desde o punto de vista legal senón tamén do económico ao atender á importancia do monte nas economías agrarias. A segunda parte ofrécenos unha reflexión sobre a situación actual dos MVMC, amosándonos a realidade plural existente en Galicia, coa análise das comunidades, propiedade individual e estatal dos terreos montañosos. Na última sección do estudo explícansenos os usos e aproveitamentos esenciais que atopamos no monte: gandeiros, forestais, agrícolas, enerxéticos e ambientais. Como se pode comprobar, trátase dun compendio de reflexións propiciadas por especialistas que nos achegan a un mundo que se ben agora seméllanos lonxe, foi esencial para estruturar tanto as economías do país como para moldear a idiosincrasia das xentes.
As fontes estudadas
O libro está asentado nun valioso baleirado de fontes escritas, tanto oficiais —o dereito consuetudinario ou as elaboradas polos diferentes gobernos estatais— como persoais, ben sexa de enxeñeiros forestais que traballaron durante a ditadura no monte ou mesmo dos veciños das aldeas, así como un estudo sobre o terreo, onde se analizou a problemática que presenta a propiedade comunal hoxe en día e os retos de futuro aos que terá que enfrontarse. Para levar a cabo isto, aínda que a referencia é para toda Galicia, os autores escolleron tres comarcas que exemplifican á perfección a problemática do monte galego: A Baixa Limia en Ourense, O Condado en Pontevedra e Sarria en Lugo.
Explícasenos a diferencia e importancia dos montes de varas ou voces e os do común, “A diferenza esencial entre os dous é precisamente que, mentres nos montes de varas os copartícipes posúen cotas concretas que poden ser transmitidas por diversas vías nos comúns tales cotas non existen”. A propiedade veciñal non é municipal, senón dos veciños dunha aldea ou parroquia, é dicir, que manteñan casa nese territorio determinado, e polo tanto non pode ser enaxenada polos concellos nin por ningunha instancia superior. Cando isto se produciu no século XIX e XX apareceron os problemas e as loitas do rural fronte aos poderes públicos. Hoxe en día os montes veciñais en man común son inalienables, o que significa que non se poden repartir entre os propietarios, e imprescritibles, é dicir, que ninguén pode chegar a ostentar a condición de propietario de terreos. Como ben reflicte este estudo, o monte veciñal foi, durante moito tempo “o único patrimonio dos pobres”, citando a documentación decimonónica sobre o tema.
Ante isto, ao longo da contemporaneidade a fortaleza das comunidades rurais en defensa do monte estivo patente en numerosas ocasións. A repoboación forestal anterior á guerra civil é moito menos traumática que a desenvolta tras 1939, onde o medo e a presión da ditadura fixo que a perda de influencia dos labregos respecto ao monte provocara o desmembramento da sociedade rural. Non será ata finais dos sesenta e sobre todo nos setenta cando o monte volva ás comunidades, pero agora xa nun contexto moi diferente, cunha agricultura en retroceso e un avellentamento paulatino da poboación. Certamente a febleza do estado-nación do século XIX é evidente ao tratar de impoñer un sistema produtivo no monte que non é aceptado polos agricultores, “Desde este punto de vista, cando a principios do século XX podemos dar por finiquitado o proceso desamortizador, nada cambiou e as comunidades veciñais seguiron a gozar dos seus montes como se nada ocorrese”; isto xa non será así baixo o franquismo. A volta ao pobo dos seus montes carrexou moitos conflitos, algúns recollidos polo cine documental como “O monte é noso” (1978) de Llorenç Soler e outros por historiadores e economistas. Tamén é de destacar a actividade de certas comunidades veciñais, como as xentes da parroquia de Xinzo en Ponteareas, xerme da futura Asociación Forestal de Galicia, nacida a mediados dos oitenta.
A última parte do libro é un compendio de cifras, tanto de produción de madeira, froitos, pastos e enerxías, agrupando aquí ás renovables como a eólica ou a que provén da biomasa tras un tratamento especial dos produtos do monte.
En definitiva, estamos ante un traballo esencial non só para coñecer a situación económica dunha parte moi importante do país, senón tamén para reflexionar sobre o que está a acontecer co noso patrimonio, e os gráficos e táboas que este libro presenta son unha boa axuda, evidente e realista. Tomemos nota.