O detective Horacio Dopico deberá moverse con moita precaución nunha complexa intriga onde a dobre moral e a corrupción non son patrimonio exclusivo da clase política. Segunda obra do autor, que repite personaxe protagonista e segue creando material narrativo de xénero negro de boa calidade.
8 / 5 / 2006
María Liñeira. Oxford
Cando hai dous anos saudaba a aparición de “Baixo mínimos” (Xerais, 2004), presentación en sociedade de Horacio Dopico, detective privado, e emocionada lle daba a benvida ao mundiño dos escritores éditos a Diego Ameixeiras, non contaba con que a segunda entrega das aventuras do ourensán nos chegase tan cedo; e aínda ben que andaba trabucada. Acaba de chegar ás librarías “O cidadán do mes” (Xerais, 2006), novela de xénero negro (coma un chamizo).
Lémbrense vostedes de Horacio Dopico, espécime de difícil clasificación na clásica escala evolutiva dos “homes e homiños, tipos e tipiños”, perdedor, alcohólico, sentimental e cunha fascinante tendencia a meterse en sarillos. Este detective privado, ex-militante da “aburrida loita armada”, atopa o seu novo caso nas piscinas de Oira, lucindo “un conciso tanga negro perfilándolle a regañeta”. Sonia Bouzas, unha loura de peitos descomunais e asalariada dun clube de alterne, faille unha proposta moi substanciosa para que lle atope o marido, un tal Gonzalo Casasnovas, segurata de profesión. A trama, clasiquísima no seu inicio, vaise arrequecendo aos poucos con máis e máis elementos que inclúen todas as variantes da temática “xeocaciquil”, subornos e recalificacións inmobiliarias principalmente, pero tamén da temática política, grupos armados ao máis puro estilo “kale borroka”, guerra suxa, Foros pola Democracia, etc. A novela ten o ritmo narrativo xusto e todos os ingredientes necesarios para construír unha historia que cumpre coas expectativas do lector e da serie.
Nesta nova entrega aparece unha nova personaxe, Porter, xornalista dipsómano e boa xente, “un deses tipos que sempre anda cunha bolsa de plástico no peto por se lle cadra ter que facer unha compra inesperada no Día”. Ocupa o lugar que a veciña lesbiana de Dopico, Iris, deixou cando marchou a Barcelona (Tu quoque, filia?) facer películas. Calquera podería pensar que con tanta narrativa de xénero as personaxes e as tramas fosen planas, pero aí está o autor para sorprendernos. A súa visión do ex-militante e ex-mercenario, da amizade entre homes, e entre homes e mulleres (heteros, enténdese), do amor e do sexo (fundido en negro) e das relacións de parella oscila entre unha pose desencantada e tópica e a tenrura máis inconfesada das cancións de Family. Pero será sen dúbida a súa presentación da situación política o que máis dea que falar. Que fácil (e entretido) é xogar á decodificación absurda da Política Ficción!
Sobre a lingua de Ameixeiras dicir que segue a ser a máis refrescante de cantas se len por aí adiante na literatura galega. A súa riqueza léxica, os seus xiros fraseolóxicos e a súa decidida aposta por un galego correcto, real e enxebre ao mesmo tempo aínda me deixa pampa.
Preguntas de futuro
A pregunta que me fago agora é: canto tempo máis teremos que agardar para saber que pasou co Paulo? Porque unha das mellores cousas d’O cidadán do mes é o seu final aberto, que fai unha promesa xenerosa dunha nova entrega. Porén, saber que en breve iremos pola terceira novela non me impide pensar que, sendo como é Ameixeiras guionista, estaría ben apostar por unha película e/ou por unha serie de produción propia. Aínda que despois de ler a escena de sexo explícito, que eu humildemente pedía para esta segunda novela, espero que Ameixeiras se presente ao “Narrativas Quentes”, e se faga co premio merecidisimamente, e así axude a aquecer a soidade de calquera galego e galega que o precise. Por unha literatura erótica de calidade XA! Porque dar, dálle moito xeito. Aínda que outra opción profesional sería o seu paso ao mundo da camisola con eslogan, que tantos cartiños leva dados ou nos leva quitados, segundo se mire. Non lles parece que “carne do país, pública e de calidade” non é unha frase que merecese andar por aí, nos peitos da xente? Vaia, que se aínda non a leron non sei a que esperan (que xa está nas librarías!) e se non teñen nin idea do que lles falo visiten igualmente o establecemento comercial en cuestión e merquen “Baixo mínimos” e empecen a facer boca, que parece ser que Ameixeiras chegou para quedar; e aínda ben.