culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

‘Tão perto, tão longe’

A pesar da longa experiencia común, segue habendo que reivindicar a BD portuguesa na nosa terra.

Entre as viñetas
9 / 8 / 2012
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Durante unha época, que durou até hai ben pouco, a situación da BD era moi similar en toda a zona galaico-portuguesa da Península. O intercambio de experiencias resultaba, pois, moi interesante, e había mesmo expectativas de poder chegar a compartir redes e articular sinerxías de diversos tipos. Infelizmente, o avance social da BD na última década en España —que se reflectiu tamén na BD galega— non tivo o seu paralelo en Portugal, onde sucesivas crises levaron por diante moitas iniciativas de edición, promoción e comercialización de banda deseñada. Mais iso non significa que deixase de haber proxectos e autores interesantes alí.

A relación da banda deseñada galega coa portuguesa é talvez pouco coñecida, mais ten sido mantida durante máis de vinte anos polas Xornadas de Ourense, alén de por iniciativas como a revista Barsowia, que publicou con asiduidade material de autores lusos. Porén, hoxe por hoxe en Galicia seguimos a esquecer demasiado o que fan os nosos veciños portugueses, que non poucas veces ten estado na vangarda peninsular.

Entre a BD galega e a portuguesa non debería haber fronteiras; os pequenos trocos ortográficos non deberían ser empezo para o interese, como mínimo, dunha parte do público dun e do outro lado. É algo evidente, mais o certo é que nin sequera nas librarías especializadas en libro portugués na nosa terra é fácil encontrar o que alá se publica en BD. Os custos de transporte internacional (aínda que a distancia real sexa igual ou menor que desde Madrid ou Barcelona) fan inasumíbel para unha libraría fornecer pequenos pedidos concretos de libros.

‘O Amor Infinito que te Tenho’

Recentemente recibín, como presente por parte do seu autor, un libro que levaba un tempo tratando de adquirir: O Amor Infinito que te Tenho e Outras Histórias, de Paulo Monteiro —quen é responsábel, amais, do excelente Festival de BD de Beja e da bedeteca desta localidade—. Só grazas á súa amabilidade puiden acceder a unha publicación que, malia estar composta por historias en varios casos publicadas previamente —no Barsowia—, é das que vale a pena ter como volume independente. O Amor Infinito... mostra un autor con forza, unha forza que se intuía claramente nos relatos por separado, pero que se desencadea ao lelos en conxunto. A potencia visual conxúgase perfectamente coa escrita, e —tal e como di o parágrafo de Kike Benlloch que se emprega nos textos publicitarios das capas da segunda edición— Paulo consegue facer poesía en banda deseñada, e poesía de verdade, non unha colección de «versos ilustrados».

Falamos dunha delicia visual e sensitiva que, malia ter sido gañadora en Portugal do Prémio Nacional de Banda Desenhada 2011 e de ir ser publicada agora xa na Gran Bretaña e Irlanda (ademais de no Brasil), pasará desapercibida para o público español (e con el para o galego, claro) pola simple razón de que as fronteiras seguen aí, agachadas mais tan activas coma sempre. Talvez xa non haxa alfándegas nos antigos pasos, mais si en certas mentalidades, costumes e realidades políticas. Cómpre seguir traballando para mudar esta situación, que claramente resulta máis absurda cada día.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org