culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

A vizosa BD galega

A banda deseñada galega segue en plena forma, malia todo.

Entre as viñetas
3 / 8 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Creo que o que vou dicir non é un exceso de optimismo: a BD acadou xa en Galicia un status tal que será moi difícil volver a certos estadios anteriores a non ser que ocorra unha catástrofe ou algo similar. Unha vez escribín que o gran drama da nosa banda deseñada era a cantidade de proxectos interesantes que, debido ás circunstancias, nunca deran visto a luz. Que nunca poderiamos saber até onde tería chegado o talento dos autores se houber outras condicións ambientais. Nos últimos tempos, e como resultado dunha paulatina evolución, o que parecía imposíbel virou certo: proxectos ambiciosos de álbum chegan a ser realidade, mesmo sen que haxa necesariamente un apoio económico editorial detrás.

Hai anos semellaba que a banda deseñada galega estaba condenada ás historias curtas, á edición en forma de fanzine, a pequenas cousas (non por iso menos dignas) feitas nos momentos libres. Porén, a situación mudou de tal forma que resulta sorprendente a cantidade de autores que dispoñen de historias longas acabadas máis ou menos prontas para seren publicadas. Hoxe as probabilidades de que un autor chegue a presentar o seu proxecto desenvolvido e convertido nun libro son sorprendentemente altas.

Un panorama variado

Por unha parte pode ser lóxico —pola súa traxectoria recente— que teñamos a David Rubín embarcado nunha auténtica superprodución (aínda que independente e nada fácil de clasificar), os dous tomos de El héroe. Mais talvez non o sexa tanto que un autor como Tokio (que a moitos soará novo nisto, mais que xa pertence á xeración dos oitenta) estea, despois de anos afastado do medio, a punto de presentar Cabana de Balieiros, unha densa historia de 100 páxinas. Á parte duns envexábeis tesón e valentía por parte dos seus autores, acho que un nexo entre estes dous exemplos —dos varios que poderiamos pór— está no panorama xeral, no «espírito dos tempos», que xa permite aos autores imaxinaren a posibilidade de levar a cabo esta aventura. Anos atrás, o máximo con que podía soñar un autor en vías de selo era cunha publicación en forma de revista. A propia realidade se encargaba de imposibilitar a simple imaxinación dunha historia longa. A día de hoxe, malia a crise, a diminución xeneralizada de vendas de libros e revistas e unha conxuntura nada satisfactoria para o exercicio profesional dos autores, non deixamos de coñecer máis e máis proxectos que se van materializando: temos xa os álbums de Brais Rodríguez e Miguel Cuba, e axiña estarán tamén outros como o novo de José Domingo, por exemplo, e moitos outros que están por vir.

Haberá quen diga que a calidade non vai ser en todos a mesma, pero teremos que lembrar que é camiñando como se fai o camiño. As cousas na BD galega cambiaron moito e para ben, e isto só pode traer máis cousas boas. Mesmo nos encontramos con obras que poderían ser «de compromiso» e que acaban tendo unha lucidez e unha creatividade extraordinarias, como Lois Pereiro. Breve encontro, que nos ofrece Jacobo Fernández Serrano con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, en coedición da Xunta de Galicia e Xerais. Tanto é así, tan intenso e prometedor é o que nos rodea, que o anuncio da desaparición do colectivo Polaqia con este ano 2011 non causa desacougo, senón que se ve como un paso adiante cara a novos retos e novas razóns para o entusiasmo.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org