culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

En positivo

Os avances na percepción social da BD teñen moito que ver con como se comunica publicamente.

Entre as viñetas
19 / 10 / 2011
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Non será a primeira vez que alguén me di que desde o mundo da banda deseñada —e isto inclúe tamén algúns artigos meus, naturalmente— se transmite unha sensación choromiqueira, que é entendida desde fóra mesmo como un síntoma de complexo de inferioridade. Eu adoito responder que as argumentacións defensivas que se teñen feito tradicionalmente non respondían a tal suposto complexo, senón a unha realidade social percibida moi directamente, moi á flor da pel, por todos os afeccionados: todos temos ouvido comentarios burlóns ou irónicos nalgunha ocasión sobre o feito de lermos cómics, comentarios que situaban a nosa afección como unha anomalía cultural. Era normal, por tanto, que argumentásemos en contra daquilo; non era unha excusatio non petita, senón unha resposta ante unha evidente accusatio previa.

Claro é que, desde hai uns poucos anos, a percepción social que se ten dos cómics —algo intúo que claramente ligado ao asentamento do difuso concepto de «novela gráfica»— virou de tal forma que algunhas persoas, especialmente as máis novas, nin tan sequera poden imaxinar xa a situación anterior. A estratexia defensiva sempre ten o risco de que pode ser entendida desta forma inadecuada; como xa comezou a non ser necesaria dita defensa, é momento de mudarmos as formas e os argumentos, e pasarmos a estratexias en positivo.

O que comunicar?

Isto non significa deixar de pór en cuestión numerosas actitudes que xa se teñen comentado nesta mesma columna, como o conxunto de preconceptos sociais —afortunadamente, en decadencia— que teñen feito que o libro ilustrado en xeral (e con el a BD) se considerase algo menor ou só para lectores inmaturos. Porén, en determinados contextos semella que, hoxe por hoxe, se fai máis a prol desta causa calando que sinalando isto.

É certo que esta filosofía do pensamento e a comunicación en positivo está a ser empregada nesta época de crise tamén de forma retorcida —para alentar o conformismo de quen sofre os embates da realidade, por exemplo—, mais iso non debería invalidar o seu valor intrínseco para tirarmos proveito a favor do cómic. Quen transmite unha imaxe de normalidade (aínda que saibamos que aínda é moi relativa) consegue un público que acepta virtualmente esa normalidade. En troques, se o que comunicamos sobre BD está próximo ao lamento, ao desalento, a subliñar o que nos falta, en vez de aquilo que xa temos, moito do público receptor vai sentir mágoa, mais moi posiblemente non se vai ver animado a se achegar a esta arte que tanto nos apaixona. Noutras palabras, dar pena para tratar de conseguir o apoio solidario do público non parece a mellor estratexia nun momento en que resulta especialmente notoria a cantidade de causas que, infelizmente, necesitan máis desa solidariedade.

O optimismo, entendido non como a ilusión dun mundo perfecto, senón como o convencemento de que existen posibilidades para mellorar as cousas, ten sido unha das ferramentas máis efectivas en todo este proceso de revitalización social da banda deseñada en xeral, e da galega en concreto. A clave, acho eu, está en tentar solucionar cada problema con accións concretas, sen confiar en cambio en que a comunicación pública deses problemas vaia mellorar nada por si soa.
Ligazóns
Outro artigo sobre comunicación social da BD en ‘Entre as viñetas’

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org