culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Grafismos

A compoñente visual dunha BD é asemade o seu grande atractivo e o seu maior inimigo de cara a un futuro lector

Entre as viñetas
5 / 8 / 2009
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Parece evidente dicir que a banda deseñada é un medio fundamentalmente gráfico, aínda que a importancia que o texto escrito pode ter dentro dela é elevada, até o punto de non ser posíbel entender a maior parte dos cómics se se descoñece a lingua en que están escritos os seus diálogos. Aínda así, fronte a outros medios con que se poden estabelecer analoxías, como o cinema ou a novela, a BD é sen dúbida aquel en que é máis fácil que o posíbel lector descarte ou escolla unha obra, consciente ou inconscientemente, segundo a súa aparencia estética.

Non é unha frivolidade propia do lector de cómics, senón un fenómeno natural. Por iso as novelas levan tamén deseños nas capas: porque son detalles que acaban influíndonos aínda que non queiramos. No caso da BD, a cuestión é de vital importancia, e o seu estilo visual é unha tarxeta de presentación moi relevante: pode ser crucial no desenvolvemento da narración en que nos imos somerxer. Todos temos experimentado algunha vez certa repulsión por unha obra, mesmo se nola recomendaron vivamente, ao ver que o tipo de debuxo non parecía do noso agrado. Todos, tamén, temos descuberto que, unha vez superada esa reacción inicial, en moitas ocasións encontrabamos que ese estilo que de inicio «non nos enchía o ollo» se adecuaba perfectamente á narración, de tal forma que ao final da lectura non se nos ocorrería outro mellor para o libro.

Entrar polos ollos
Con toda seguridade, tamén nos pasou o contrario: ter comprado unha BD que nos entusiasmou na primeira ollada na tenda e descubrir que é un mal cómic con debuxos bonitos. Por desgraza, hai casos de moi bos debuxantes que non son capaces de crear un bo cómic, senón unha estupenda colección de cromos ou postais con aparencia de viñetas. Á parte, obviamente, do caso en que unha boa narrativa e un bo grafismo non poden ocultar un mal guión.

Achegarse a un cómic é, pois, un exercicio en que, alén dos demais condicionantes normais en todos os casos semellantes (críticas e comentarios escoitados sobre a obra, cousas lidas anteriormente do mesmo autor, interese que desperta o argumento...), hai que ter en conta que ao futuro lector pode atraelo ou desagradalo profundamente o estilo visual que vai ver folleando o libro —e raramente vai compralo (ou mesmo collelo emprestado) sen ollar as súas páxinas primeiro—. Incluso tendo superado os preconceptos aínda espallados acerca da arte nona, cada obra vai sufrir un proceso de filias e fobias automáticas por parte dos seus posíbeis lectores. E pode ir en moitas direccións: unha persoa afeita a unha representación moi «clásica» que non se sente cómoda ante grafismos moi «modernos»; alguén acostumado a estilos moi detallados que sente reparos ante outros moi simples; ou, ao contrario, modernos ante clásicos e simples ante complexos...

Ademais de que haberemos de ter moi en conta esta realidade á hora de promover a lectura do cómic (nos medios, nas librarías, nas bibliotecas), o asunto ten aínda outra complexidade: a facilidade con que, a través do gráfico, é posíbel escandalizar a quen estea predisposto. Poucos destes paran a ler unha novela, mais sempre hai alguén que dea a voz de alarma por ver casualmente, ao pasar as follas, unha figura lixeiramente espida nun libro de BD.

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org