culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Máis sobre edición

A BD ten unha produción cara, mais pode ser rendíbel para algúns proxectos, mesmo en mercados pequenos como o galego.

Entre as viñetas
27 / 5 / 2009
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hai un par de anos falara sobre o papel do editor, polo xeral demonizado por todo o mundo de antemán, en boa parte dos casos a partir de informacións moi pouco contrastadas ou mesmo falsas. Falaba daquelas de como a realidade do mercado da BD peninsular fai improbábel obter uns pagamentos verdadeiramente profesionais para os autores. Así, na maior parte das ocasións, o labor dos autores fica confinado no voluntarismo cultural, que fai que existan obras grazas só á súa paixón creativa. Curiosamente, debido a esta situación, os máis dos traballos que se publican de autores locais en BD son obras moi persoais, que carecen dos constrinximentos que poderían ter noutros casos a favor dunha certa comercialidade. Xa que non pode cobrar dignamente, o autor polo menos consegue facer a obra que realmente lle apetece.
Deste xeito, e por paradoxal que pareza, na Península os autores publican máis obras persoais que «comerciais», e fano en pequenas editoras, mentres que as grandes prefiren traducir obras precedidas dun certo éxito a apostaren por producións propias de nomes locais, porque os encargos son caros e supoñen máis risco. Digamos, por tanto, que a parte que falta por desenvolver deste mercado —e todas son igualmente importantes— é a do investimento en autores autóctonos con produtos máis «industriais», dirixidos ao gran público.

Obras de encarga
Tampouco faltan os editores que tratan de obter unha obra de encargo feita nas mesmas condicións que unha obra de autor. Naturalmente, se un autor quere ver publicada unha obra súa en que depositou, ademais de horas e esforzo, moito de si mesmo, estará disposto a arriscarse a publicala con pouco diñeiro de adianto e coa esperanza de que, coas vendas, quizá ese 10% do prezo de venda ao público lle reporte algún máis. Mais iso non significa que ese mesmo autor estea disposto a traballar en iguais condicións para un editor que quere ver en cómic unha idea súa para unha historia de ficción ou unha aplicación didáctica —o funcionamento da policía local, a historia medieval dunha vila—. Neses casos (que, en realidade, deberían de ser a maior parte, nunha situación normalizada) o prezo da produción dunha BD non é barato, polo menos para a mentalidade de boa parte da sociedade, que ignora o inmenso traballo que esixe a realización dun cómic.
Que hai éxitos de vendas coa BD tamén en Galicia é algo demostrado; que se pode crear algún outro tamén ex profeso é algo máis que probábel. Porén, en moitos dos casos é necesario que quen encomenda a obra saiba non soamente o que custa de verdade facela, senón tamén que entenda un pouco acerca deste tipo de edicións, que teñen as súas peculiaridades, como as de calquera outra materia. Alén diso, é necesario que sexa consciente de que encargando unha obra non pasa a ser propietario dela, senón que lle son cedidos uns dereitos por un tempo determinado, e que, se ese produto acaba sendo un suceso, parte do éxito terá que ir parar tamén ao seu autor, a través, por exemplo, dese 10% de que falabamos. Lamentabelmente, tamén existen editores que non ven no libro máis que unha oportunidade de negocio, e que usan o halo de axente cultural da súa profesión para tirar proveito.
Ligazóns
O outro artigo sobre o tema

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org