culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

A edición na Península

Seguindo co debate iniciado acerca das axudas institucionais na BD, parece adecuado reflexionarmos sobre o papel dos editores, adoito culpados de moitos dos males do sector.

Entre as viñetas
18 / 7 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
A situación da BD en toda a Península fai que os autores teñan que conformarse con pagamentos en moitos casos ridículos, mais iso non é necesariamente culpa dos editores. A porcentaxe do prezo da venda de cada exemplar que se dedica aos dereitos de autor (en todo tipo de libros) oscila entre o 8 e o 10%, e esa non é unha cifra tomada ao azar. Aínda que para os profanos poida parecer moi pouca cousa con respecto ao prezo total, hai que saber que como mínimo un 50% dese prezo queda para a empresa distribuidora e o libreiro (e non inxustamente, xa que deles depende realmente que o libro chegue ás mans do lector), co que para o editor queda aproximadamente un 40% co que ten que facer fronte aos gastos de produción (deseño, fotomecánica, impresión, encadernación) e empresariais.
Aínda que a lóxica diga aparentemente que, se o autor non cobra, o libro sae gratis, o certo é que os custos de facer e imprimir ese libro non son pequenos, e ese é un investimento que pode non recuperarse. A industria editorial, como se di da cinematográfica, é unha industria de prototipos, e ninguén sabe que produtos van triunfar no mercado, nin nos casos supostamente máis «comerciais». Por iso o traballo de editor merece unha mínima consideración, especialmente no caso do pequeno editor —e na Península, a maior parte dos de cómic o son, por non dicir que todos.

Quen gaña qué
Mesmo no caso da autoedición, hai profesionais que cobran polo seu traballo (todos os relacionados coa impresión do libro, por exemplo; e se se pon en circulación debidamente, o distribuidor e o libreiro). Por iso, pintar de «malo da película» aquel que está arriscando diñeiro (que, insistamos, non sabe se recuperará) nun autor parece un pouco demagóxico. Naturalmente, arriscan moito máis os que producen novas obras que aqueles que se dedican a traducir outras que xa veñen cunhas referencias (críticas, vendas); e, como en todos os sectores, hai profesionais serios e outros que non o son. En resumo, nin todo é o mesmo, nin se pode pensar que tendo un culpábel solucionamos ningún problema.
O dito tampouco quita que un profesional (da BD, da ilustración ou da crítica gastronómica, dá igual) non deba pedir unhas condicións o máis dignas posíbeis e rexeite traballar con menos. Sen dúbida. Mais a situación da BD peninsular é tan cativa como para, en xeral, non permitir tiraxes de moito máis de 1.000 exemplares (aínda que non hai datos oficiais), e se iso se multiplica polo 10% do prezo dun libro verase que, aínda no caso de esgotar unha edición, o que pode cobrar un autor está limitado por un teito que, de momento, marca o mercado. En todos está conseguir que pouco a pouco o espazo para o cómic sexa maior na nosa sociedade e teña o oco de mercado que merece. Mentres tanto, publicar obras con sabor local seguirá dependendo, en moi boa medida, do voluntarismo dos autores. E se autor e editor acordan publicar un libro sen enganos mutuos, sabendo o que pode gañar e perder cada quen, non caben sospeitas de ilicitude. Por iso falamos da necesidade de apoio institucional, para suplir as carencias que a realidade impón, sen buscar luxos senón un trato un pouco máis adecuado a aqueles que arriscan o seu tempo e o seu diñeiro (ou a falta del).

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org