culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Fanzines

Aínda que a situación da BD galega cambiou radicalmente nos últimos dez anos, o papel dos fanzines segue a ser fundamental para a súa boa saúde.

Entre as viñetas
14 / 3 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Hoxe podemos felicitarnos de que haxa xa en marcha iniciativas profesionais para o mundo da BD en Galiza, pero non podemos esquecer que o futuro, a continuidade do logrado, segue a pasar pola petite presse: publicacións da máis diversa calidade en que os autores poidan dar a primeira saída ás súas creacións.
Onde acaba o fanzine e comeza a revista, e viceversa? É dunha discusión que en xeral non leva a ningures, ou polo menos non moi lonxe. Dando unha definición moi matizábel, un fanzine é unha publicación independente, sexa amadora ou non, e por tanto é unha revista. O que a diferencia doutra «profesional» pode ser simplemente unha actitude dos seus promotores.
Non parece alcanzábel, por tanto, conseguir unha división «científica» entre o que é un fanzine e o que é unha revista «profesional», principalmente porque ambos os termos están ligados a preconceptos de moi diversos tipos. Ao igual que outras palabras como «amador» ou «afeccionado», fanzine aparece en moitas cabezas unido a connotacións negativas. Xa nas primeiras edicións da Expofanzines —infelizmente paralizada na actualidade á espera de mellores momentos— nas Xornadas de BD de Ourense, decatámonos dese problema e por iso decidimos incluír no título tamén o termo «prozine», para así crear un espazo neutral que dalgunha forma non interferise na percepción que cada editor tiña da dignidade do seu produto nin na que cada lector puidese ter con respecto ao mesmo. Realmente habería que falar de «publicacións independentes» —algo que vai temporalmente máis alá da propia invención do termo «fanzine»—, mais se recapacitamos un pouco vemos que iso tampouco soluciona nada, dada a imprecisión do termo independente.


Un exercicio saudábel

O que tiñamos claro á hora de organizar a Expofanzines era que o importante era a divulgación dun tipo de publicación que non era fácil de encontrar. Saltaban á vista os grandes problemas de catalogación (dun punto de vista rigoroso) que tiña tanto o material que queriamos expor como a nosa forma de ofrecer a información, pero o catálogo pretendía servir máis á difusión desas publicacións que a satisfacer o interese técnico de especialistas.

Por que? Porque un fanzine pode ser útil para moitos fins, e se por un lado un lector pode descubrir cousas moi interesantes no seu interior —ao tratarse dunha obra en moitos casos non mediatizada nin por intereses de vendas, nin por prexuízos de editores, e até bañada coa ousadía que adoita ter quen está comezando en algo con enerxía—, por outro serve tamén de exemplo para moita outra xente se lanzar a ofrecer os seus traballos. É case imposíbel comezar no mundo da creación participando directamente nun medio de comunicación estandarizado; por iso hai que ter en conta que a forma de dar saída aos primeiros relatos, cómics, artigos... vai ter que ir por esa canle. É o que os actores chaman «coller táboas»: mentres non se publica un traballo (aínda que esa publicación sexa unicamente para dez persoas), o autor non comeza a ter unha perspectiva crítica sobre el. Hoxe, moito disto está gañado cos blogs e outras iniciativas a través da rede, que non deixan de ser unha faceta máis do mundo dos fanzines, pero segue a ser necesario lembrar o san que resulta participar en todo o proceso de edición dunha publicación, desde a concepción do proxecto até a distribución na tenda ou de man en man.
Ligazóns
O termo ‘fanzine’ na Wikipedia (inglés)

A edición 2002 do catálogo da Expofanzines

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org