culturagalega.org

inicio / colaboradores / Entre as viñetas por Henrique Torreiro Entre as viñetas
Entre as viñetas

por Henrique Torreiro

Tempo de Salóns

Unha das formas efectivas de divulgar a novena arte son as actividades relacionadas con ela, centralizadas en salóns, festivais ou xornadas. A época estival abre esta frutífera ‘temporada’ .

Entre as viñetas
10 / 8 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
As novas Xornadas de Pontevedra, o Salón de Cangas, o Festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña e as Xornadas de Ourense compoñen a crecente lista de actividades arredor da banda deseñada que se dan en Galiza. Como eventos culturais e lúdicos que son, é lóxico que acaben sendo organizados na época máis relaxada do ano, o verán, coa excepción da cita ourensá —en Ourense, ao contrario que nos outros lugares citados, todos da franxa costeira, o verán é culturalmente «temporada baixa».

Distintos modelos, mesmos obxectivos
Pontevedra comezou cun programa pequeno pero moi xeitoso, convidando ás charlas non só diversos protagonistas do panorama galego, senón tamén ao valenciano Álvaro Pons, un dos máis lúcidos comentaristas e críticos de cómic que hai no Estado, e auténtico gurú para moitos a través do seu weblog La Cárcel de Papel. O salón de Cangas, a segunda das actividades comiqueiras máis antigas do país, contou este ano con figuras como Horacio Altuna, e o Viñetas desde o Atlántico vai chegar á súa oitava edición co nivel internacional ao que nos ten acostumados, e que sen dúbida converteu en normal algo que até hai moi pouco parecía imposíbel: reunir autores e obras de primeira liña nun escaparate de auténtica categoría, concitando a atención de propios e estraños. As Xornadas de Ourense, as máis veteranas, ofrecerán na súa décimo sétima edición un programa variado, no que o cómic galego coma sempre terá moito que dicir.

Exposicións que enganchan
Xa que as librarías especializadas aínda «asustan» a moitos posíbeis lectores, e aínda hai que animar as librarías xeneralistas a que teñan BD nos seus estantes, e dado que os medios de comunicación dedican aos cómics espazos moi residuais e —salvo algunhas honrosas excepcións— non moi ben enfocados, hai que tentar levar os cómics, en toda a súa variedade, á busca dos novos lectores. As exposicións de orixinais de pranchas de BD son un dos mellores recursos: excepcionalmente os cómics (pensados, ao contrario que outras obras artísticas, para seren impresos e lidos e forma de libro ou revista) pasan a ocupar espazos expositivos: salas, museos..., co que se consegue que o público preste atención a algo que en moitos casos descoñecía (para comezar, a amplísima variedade estilística que acolle o mundo da banda deseñada). A segunda parte está en que ese descubrimento do neófito poida ser apoiado por un lugar, normalmente no propio salón ou festival, no que comprar as obras impresas, para poder lelas. Non será o primeiro caso dunha persoa que se acerca ás exposicións do Viñetas desde o Atlántico cun escepticismo total e acaba apaixonándose polos cómics, ese mundo «de potencial ilimitado e apaixonante», como tan ben o definiu Scott McCloud.
Ligazóns
Salón de Cangas

Festival Viñetas desde o Atlántico

La Cárcel de Papel

Scott McCloud

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org